25 novembro, 2020

Tempo de Advento: 1ª semana

 

ADVENTO 


Advento, o tempo da chegada, das chegadas de Deus. Chegadas do pasado, que rememoramos e celebramos, porque sosteñen a nosa esperanza; chegadas do presente, ás que se nos pide estar moi atentas, para non desaproveitar a súa forza de vida, a súa oferta; chegadas do futuro, máis o menos preto, coas que Deus mesmo está comprometido, e para as que a nós se nos pide fe e tamén compromiso. 

Deus vén. O seu é vir sempre. Non fai falla que llo pidamos. O seu é vir sempre co pan debaixo do brazo, coa vida debaixo do brazo, coa boa ventura debaixo do brazo. De nós depende pechar ou abrir portas, pechar ou abrir soños, pechar ou abrir cambios, pechar ou abrir vida. Certo que á xente de aldea sempre nos gustou abrirlle a quen peta a nosa porta, facelo pasar, invitalo a algo no quente da cociña. E así pode ser con Deus. 

Vivir o Advento cos pés e co corazón na terra; todo o que fagamos ou deixemos de facer estará asentado nas vidas de cada día, coa xente coa que formamos familia, comunidade, pobo; vidas de cada día repletas de fraxilidades. Vivilo tamén cos pés e co corazón no medio da xente máis desposuída, pois ese é o espazo especialmente escollido por Deus para os encontros con el. 

As circunstancias do coronavirus, teñen un presente xa ben complexo e tamén un futuro impredicible, ameazador segundo se pensa. Pero non deberían ser para derrotarnos de entrada, senón para avivecer en nós á apertura ao novo de Deus que a través desas circunstancias nos pode vir. Armarnos de fe, de solidariedade, de esperanza, vivir un Advento cálido, denso, e armarnos así para empezar un tempo novo con ilusións novas. As persoas cristiás ben poderiamos andar nos lugares onde se anuncien e elaboren feitos de esperanza. E nestas horas máis ca nunca. 

O Evanxeo de cada día vai debullando para nós a riqueza que Deus nos ofrece na palabra e nos feitos de Xesús. Paz e alento diarios. Cousas moi simples e moi fondas, que chegan aos nosos corazóns, ás nosas vidas dando paz, alento, esperanza.

22 novembro, 2020

IN MEMORIAM: Rosina Hermida Vidal

 

                                


Estarán vivos? Serán de pedra?
Aqués sembrantes tan verdadeiros
Aquelas túnicas maravillosas
Aqueles ollos de vida cheos.


Enamorada da poesía de Rosalía de Castro, Rosina, a nosa Rosina cando estudaba en Santiago, visitaba con moita frecuencia o pórtico da Gloria, e mentras contemplaba tanta beleza preguntábase como Rosalía ¿Estarán vivos? ¿Serán de pedra?

Así era ela, sensible ante calquera expresión de beleza. Unha paisaxe, un cadro, un poema os  Salmos, os texto dos místicos. En todos esos mundos que nos levan mais alá de nos, encontra Rosina a forza e a enerxía para levar adiante o seu ideal de traballar por un mundo mais xusto, mais igualitario, mais humán.

Xesús era o seu guía , o seu maestro. Seguir a Xesús levouna a estar preto do sufrimento, da pobreza , da soedade, para acariñar, para coidar, para dar esperanza, para humanizar vidas, como facía Xesús, sempre desde o silencio , a humildade e a discreción.

Foi enfermeira de recoñecida profesionalidad ata o seu retiro, profesión que lle permiteu estar ao lado dos mais débiles.

O seguimento de Xesús levouna lexos, ata Ecuador, para traballar nas comunidades de Monseñor Proaño, defensor dos indíxenas, uns dos maiores expoñentes da Teoloxía da Liberación e candidato ao Premio Nóbel da Paz. Esa experiencia de tres anos en Ecuador, marcouna profundamente para os seguintes anos da súa vida. Volveu enferma e tivo que conformarse con quedar aquí, na súa terra,  despois de moitas dudas. Sigueu comprometida,empezando pola  súa militancia nun grupo da HOAC, fogar da acollida de nenos e nenas, Mans Unidas, Cáritas, Calor e café e mais…… Sempre disposta a colaborar, a axudar.

Era muller de fe profunda, herdada da súa nai,  Peregrina,  que parecíase  moito a ela en todo. Non era muller de fe estancada, sigueu un proceso continuo de actualización e descobremento, ela mesma dí nunha entrevista publicada na revista Exeria “Descubrín unha nova teoloxía. A apertura aos pobres coñecinna en América pero aquí atopei a teoloxía de Queiruga que me fixo ir cambiando a relixiosidade na que me educaron por unha mais aberta, superando medos”. A Escola de Espiritualidade foi ano tras ano desde o seu comenzó en Sobrado dos Monxes, un espazo de crecemento para Rosina.

Encrucillada, Irimia, Foro de Encrucillada, Romaxes contaron sempre co seu apoio e a súa presencia.

Nas Mulleres Cristiás Galegas Exeria, encontrou compañeiras de camiño para novas búsquedas. Declárase feminista “teño conciencia da necesidade de defender o noso dereito pleno a ser persoas”

Tiña un profundo amor por Galicia “terra de bendisión”, amor pola lingua galega da que facía verdadeiro apostolado, a Marín o pobo donde naceu e o mais importante, un corazón cheo de nomes porque pasou pola vida facendo o ben. 

Amiga, compañeira. querida Rosina. Deisaches a túa barca na orilla, e da man de Xesús o teu maestro, chegache xa a ese MAR de plenitude, que toda a túa vida andiveches buscando e añorando. 


Seguimos queréndote. DESCANSA EN PAZ.

 


19 novembro, 2020

Tempo Ordinario: 34ª semana

 


22 de novembro: Solemnidade de Xesús Cristo rei do universo. 

Evanxeo: Mt 25, 31-46.

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos: 

—Cando veña o Fillo do home na súa gloria e todos os anxos con el, sentará no seu trono glorioso. Diante del xuntaranse todas as nacións e separará us dos outros, como separa o pastor as ovellas das cabras. E poñerá as ovellas á súa dereita e as cabras á súa esquerda. Entón dirá o rei aos da súa dereita: 

—Vinde, benditos do meu Pai, recibide a herdanza do reino preparado para vós dende a creación do mundo. Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme; estiven espido e vestístesme; enfermo e visitástesme; estiven na cadea e viñéstesme ver. 

Entón preguntaranlle os xustos: 

—Señor, ¿canto te vimos famento e che demos de comer, ou sedento e che demos de beber? ¿Cando te vimos forasteiro e te acollemos, ou espido e te vestimos? ¿Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos? 

O rei contestaralles: 

—Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos, fixéstelo comigo. 

E diralles logo aos da súa esquerda: 

—Arredade de min, malditos; idea para o lume eterno preparado para o Satán e os seus anxos. Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede e non me destes de beber; fun forasteiro e non me acollestes; estiven espido e non me vestistes; enfermo e na cadea e non me visitastes. 

Eles replicaranlle: 

—Señor, ¿cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou espido, enfermo ou na cadea e non che acudimos? 

El responderalles: 

—Asegúrovos que canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a min. 

Daquela irán estes ao castigo eterno e os xustos á vida eterna.

12 novembro, 2020

Tempo Ordinario: 33ª semana

 



15 de novembro: domingo 33 do Tempo Ordinario 

Evanxeo: Mt 25, 14-30 

Nunha ocasión díxolles Xesús esta parábola aos seus discípulos: 

—Un home, tendo que saír de viaxe, chamou polos seus criados e deulles o coidado da súa facenda. A un deulle cinco talentos, a outro dous e a outro un; a cadaquén segundo a súa capacidade; despois marchou. 

Deseguida, o que recibira cinco talentos foi negociar con eles e gañou outros cinco. Do mesmo xeito o que recibira dous gañou outros dous. Pero o que recibira un foi cavar un burato na terra e escondeu os cartos do seu amo. 

Ao cabo de moito tempo chegou o señor daqueles criados pedíndolles contas. Chegou o que recibira cinco talentos e presentoulle outros cinco dicindo: “Señor, cinco talentos me entregaches, velaquí outros cinco que gañei”. Díxolle o señor: “Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito; pasa a gozar da festa do teu señor”. Chegou o que recibira dous talentos e dixo: “Señor, dous talentos me entregaches, velaquí outros dous que gañei”. E díxolle o señor: “Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito; pasa a gozar da festa do teu señor·. 

Chegou tamén o que recibira un talento e díxolle: “Señor, sei moi ben que es un home duro, que seituras onde non sementaches e recolles onde non botas. Por iso collín medo e fun agachar na terra o teu talento; aquí tes o que é teu”. Pero o señor respondeulle: “Mal criado lacazán! ¿Con que sabías que seituro onde non semento e recollo onde non boto? Pois puxeras os meus cartos no banco e así, cando eu volvese, podía coller os cartos e máis os intereses. Así que quitádelle o talento e dádello ao que ten dez. Porque ao que ten háselle dar e abondo; pero ao que non ten, aínda o que ten se lle ha quitar. E ao criado inútil botádeo fóra á escuridade, onde será o pranto e máis o renxer dos dentes”.

05 novembro, 2020

Tempo Ordinario: 32ª semana


8 de novembro: domingo 32 do Tempo Ordinario 

Evanxeo: Mt 25, 1-13 

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos esta parábola: 

O reino dos ceos parecerase a dez mociñas que, collendo os seus candís, saíron recibir o noivo. Cinco eran parvas e cinco asisadas. As parvas colleron os candís, pero non os encheron de aceite; as asisadas, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas. Como o noivo tardaba, pegoulles o sono e botaron unha soneca. Alá pola media noite oíuse berrar: “Veña, que chega o noivo, ídeo recibir”. Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís. 

Entón dixéronlles as parvas ás asisadas: “Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen”. Responderon as asisadas: “Non vaia ser que non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda e que o merquedes”. 

Mentres elas ían mercalo, chegou o noivo e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas e pechouse a porta. Máis tarde chegaron as outras mociñas clamando: “Señor, Señor, ábrenos!” pero el respondeulles: “Asegúrovos que non vos coñezo”. 

Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora.