30 outubro, 2019

Tempo Ordinario (C): 31ª semana



  
3 de novembro: domingo 31 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 19, 1-10
Un día chegou Xesús    a Iericó e pasaba atravesando a cidade. Había alí un home chamado Zaqueo, xefe dos recadadores e moi rico. Intentaba ver quen era Xesús, pero impedíallo a xente, pois el era pequeneiro. Entón botou a correr e subiu a unha figueira para velo, porque ía pasar por alí. Ao pasar Xesús por aquel lugar, levantou a vista e díxolle:
—Zaqueo, baixa de contado, que hoxe teño que parar na túa casa.
El baixou deseguida e acolleuno moi contento. Pero vendo aquilo, a xente empezou a murmurar:
—Entrou a se hospedar na casa dun pecador.
Zaqueo, posto de pé, díxolle ao Señor:
—Señor, darei a metade de todo canto teño aos pobres e, se algo roubei a alguén, devolvereille catro veces máis.
Entón Xesús dixo:
—Hoxe chegou a salvación a esta casa, pois tamén este é fillo de Abraham. Porque o Fillo do Home veu buscar e salvar o que estaba perdido.

22 outubro, 2019

Tempo Ordinario: 30ª semana




27 de outubro: domingo 30 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 18, 9-14
Unha vez propúxolles Xesús esta parábola referíndose a algunhas persoas que créndose perfectas estaban moi seguras de si mesmas e desprezaban os demais:
Dous homes subiron ao templo a orar; un era fariseo e outro recadador de impostos. O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: “Meu Deus, douche grazas porque non son ladrón, inxusto e adúltero coma os demais; nin coma ese recadador. Gardo o xaxún dúas veces por semana e pago o décimo de todo canto gaño”.
O recadador, en cambio, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levantar os ollos ao ceo, senón que, petando no peito, dicía: “Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador”.
Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non. Porque calquera persoa que se teña por moito será rebaixada, e calquera que se rebaixe será enaltecida.

16 outubro, 2019

Tempo Ordinario: 29ª semana




20 de outubro: domingo 29 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 18, 1-8
Unha vez propúxolles Xesús unha parábola acerca da necesidade de orar sempre, sen cansar:
—Había nunha vila un xuíz que nin temía a Deus nin respectaba a xente. Na mesma vila había tamén unha viúva, que acudía a el dicíndolle: “Faime xustiza fronte ao meu contrario”. El durante moito tempo non lle fixo caso ningún; pero despois cavilou: “Aínda que non temo a Deus nin respecto a xente, como esta viúva me está amolando, voulle facer xustiza, para que non me siga toleando toda a vida”.
E o Señor continuou:
—Escoitade o que di un xuíz perverso. ¿E logo Deus non lles vai facer xustiza aos seus elixidos, que chaman día e noite, e non vai ter paciencia con eles? Asegúrovos que lles fará xustiza a tempo. Pero cando chegue o Fillo do home, ¿el atopará fe sobre a terra?

09 outubro, 2019

Tempo Ordinario: 28ª semana



  
13 de outubro: domingo 28 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 17, 11-19
Unha vez, indo Xesús camiño de Xerusalén, cando pasaba entre Samaría e Galilea, ao entrar nunha aldea, saíronlle ao paso dez leprosos. Pararon ao lonxe e suplicáronlle berrando:
—Xesús, mestre, ten dó de nós.
El, ao velos, díxolles:
—Ídevos presentar aos sacerdotes.
E aconteceu que, cando ían para alá, quedaron limpos. E un deles, ao se decatar de que estaba curado, volveu loando a Deus con grandes voces. E prostrándose rostro en terra, aos pés de Xesús, deulle as grazas. Era un samaritano. Xesús dixo:
—¿Non foron dez os que quedaron limpos? ¿Onde están os outros nove? ¿Ninguén, fóra deste estranxeiro, volveu para lle dar gloria a Deus?
E engadiu:
—Érguete e vaite; salvoute a túa fe.

02 outubro, 2019

Tempo Ordinario: 27ª semana



6 de outubro: domingo 27 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 17, 5-10
Nunha ocasión rogáronlle os apóstolos ao Señor:
—Auméntanos a fe!
O Señor respondeulles:
—Se tivésedes unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira: "Arríncate e plántate no mar", e seguro que vos obedecía. E ¿quen de vós que teña un criado arando ou pastoreando, lle di cando chega da leira: "Entra axiña e ponte á mesa". ¿Non lle dirá máis ben: "Prepara a cea, viste a roupa de traballo e ponme a comida; e cando eu remate de comer e beber, comerás e beberás ti?" ¿Ou é que aínda lle vai ter que estar agradecido ao criado por facer o que lle manda? Así tamén vós, cando fagades todo o que vos mande, dicide: "Somos simples servidores; non fixemos máis do que tiñamos que facer".