26 xaneiro, 2023

Tempo Ordinario: 4ª semana



29 de xaneiro: Domingo 4 do Tempo Ordinario

1ª lectura: Sof 2, 3; 3, 12-13. Salmo: 145, 7.8-9a. 9bc-10

Evanxeo: Mt 5,1-12a

Nunha ocasión, Xesús, ao ver a multitude, subiu ao monte, sentou e achegáronselle os seus discípulos; e el, tomando a palabra, ensinábaos dicíndolles:
—“Ditosos os pobres no espírito,
porque deles é o Reino dos Ceos.
Ditosos os que choran,
porque eles serán consolados.
Ditosos os sufridos,
porque eles herdarán a terra.
Ditosos os famentos e sedentos de xustiza,
porque eles ficarán fartos.
Ditosos os misericordiosos,
porque eles serán tratados con misericordia.
Ditosos os de corazón limpo,
porque eles verán a Deus.
Ditosos os que traballan pola paz,
porque eles serán chamados fillos de Deus.
Ditosos os perseguidos por causa da xustiza,
porque deles é o Reino dos Ceos.
Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña ausa; alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos.

19 xaneiro, 2023

Tempo Ordinario: 3ª semana



22 de xaneiro: Domingo 3º Tempo Ordinario

1ª lectura: Is 8, 23b—9,3. Salmo: 26, 1. 4. 13-14.
2ª lectura: 1Cor 1, 10-13. 17.

Evanxeo: Mt 4, 12-23

Cando soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea. Deixando Nazaré, foise establecer en Cafarnaúm, na beira do mar, en terras de Zebulón e Naftalí, para que se cumprise o dito polo profeta Isaías:
—“Terra de Zebulón, terra de Naftalí, camiño do mar na outra ribeira do Xordán. Galilea dos pagáns. O pobo que xacía na escuridade viu unha gran luz. Para os que habitaban no escuro país da morte brillou unha alborada.”

E desde aquela empezou Xesús a predicar, dicindo:
—“Arrepentídevos, que o Reino dos Ceos xa está aí.”

Camiñando Xesús pola ribeira do mar de Galilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e seu irmán André, que estaban largando a rede no mar, pois eran pescadores. Díxolles:
—“Vinde comigo e fareivos pescadores de persoas”.

Eles deixaron de contado as redes e seguírono.

Máis adiante atopou outros dous irmáns: Santiago e mais Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arranxando as súas redes, e tamén os chamou.

Eles coa mesma deixaron a barca e máis a seu pai e seguírono.

Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a Boa Nova do reino, curando canta doenza padecía o pobo.

12 xaneiro, 2023

Tempo Ordinario: 2ª semana

  

15 de xaneiro: Domingo 2º do Tempo Ordinario

1ª lectura. Is 49, 3. 5-6. Salmo: 39, 2 e 4ab. 7-8a. 8b-9. 10
2ª lectura: 1Cor 1, 1-3.

Evanxeo: Xn 1, 29-34

Unha vez, Xoán viu a Xesús, que viña cara a el, e díxolle:
—“Velaí o Año de Deus, o que arrinca o pecado do mundo! Este é de quen eu dixen: “Detrás miña vén un home que pasa diante miña, pois existía primeiro ca min.”

Eu non o coñecía, mais para iso vin eu bautizar con auga: para que se amosase a Israel.”

E Xoán seguiu testemuñando:
—“Eu vin o Espírito baixar do ceo coma unha pomba e pousar enriba del. Eu non o coñecía, pero o que me mandou bautizar con auga díxome: “Cando vexas o Espírito baixar e pousa sobre un, ese é o que bautiza co Espírito Santo.”

2º Encontro 2022 / 2023: Celebración de Nadal



PARA QUE NAZA ALGO NOVO PARA QUE NAZA XESÚS

1.Introdución

NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO.

CANTO
PREPAREMOS OS CAMIÑOS / ESTÁ PRETO O SALVADOR
E VAIAMOS CAMIÑANDO AO ENCONTRO DO SEÑOR.
Como orballo que dos ceos sobre a terra vai caer,
o Mesías prometido, feito neno, vai nacer.

Traballo entre sesións (17 DEC - 21 XAN)

 


(17 de decembro - 21 de xaneiro)

A revelación divina na realización humana

LECTURAS:

José Luis Sicre, Introducción al Antiguo Testamento. Verbo Divino, Estella (Navarra), 13-59 (primeira edición, 1993); 3-73 (segunda edición, 2013).


Cuestións que poden ir orientando a túa lectura:

1.- Que razóns hai para pensar que Moisés non puido escribir o Pentateuco?

2.- Entón eses libros non son revelación nin “palabra de Deus”? Como se entende iso?

3.- Como interpretar que Deus lle pida a Xacob que sacrifique o seu fillo Isaac?

4.- Para salvar a Israel, tivo Deus que “endurecer” o Faraón e matar os exipcios?

5.- Se Moisés tivo que discorrer, dialogar, aprender dos veciños… para publicar os Mandamentos, como dicimos que son mandamentos de Deus?



O tempo de Nadal, o tempo de vacacións, precisamente por ser vacacións e por ser o tempo de Nadal (o tempo do Deus connosco, o tempo da presenza solícita de Deus no medio de nós, porque nos ama cun amor denso, tenro, esixente, total), préstase para estudar o tema do Antigo Testamento que traemos entre mans, como aprendices de Deus e das persoas que intentaron achegarse á súa luz, ao seu amor, á súa forza,.

Na procura sempre dunha experiencia de Deus o máis limpa e fonda posible, aínda que nos revolva a casa e se nos conmovan moitas cousas na vida. Canto máis auténtica sexa a experiencia de Deus, máis nos veremos gratificados e alentadas por ela. E xa sabemos que a experiencia de Deus non se acada só con lectura e estudo, senón tamén coa oración e coa praxe do amor.

Ao ler o libro, toma nota de todo o que non entendes, o que te sorprende, o que especialmente che gusta; tamén aquilo co que en principio non estás de acordo, para compartilo entre todos e todas.

2º Encontro 2022 / 2023: Oración da mañá



PALABRAS NO SILENCIO. SILENCIO NAS PALABRAS

1.- O Símbolo bíblico da luz. De veras acollidxs por Deus, por Xesús, polo Espírito.

(Contento por nos ver xuntxs, por nos ver dispostos á escoita, das palabras vellas, das palabras novas. Con ganas de contactar coas fontes da vida, de medrar, de madurar, de medrar en paz, en solidariedade, en alegría… Toliñx por nós, preocupado por nós, por toda a creación, por todo cando sae das súas mans).


2.-Silencio para escoitar a palabra que a min me dirixe. (música de fondo)

3.-Canto:

O SEÑOR É O MEU PASTOR, / NADA ME FALTA,
O SEÑOR É O MEU PASTOR, / SEMPRE VAI COMIGO.

Invítasme á túa mesa, / en horas de amargura,
Ti enches a miña copa / de xenio e tenrura.

Ti sempre me acompañas / con ese amor tan teu
e vivirei por sempre / o amparo de Deus.

4.- Pregaria
Cada día erguerme soñando contigo.
Cada día descubrir a túa presenza envolvéndoo todo
(“en todo estás e ti es todo,
para min e en min mesmo moras”).
Cada día escoitar cos oídos do corazón
a túa voz oculta en tantas palabras e silencios.
Cada día saberme fillo ou filla, irmán ou irmá
dunha familia inmensa e creadora.
Cada día ampliar un pouco máis o meu corazón
ata facelo universal coma o teu.
Cada día arrimar o lombo a outros lombos
na procura dunha inmensa casa común.
Cada día saberme acollida, abrazada por ti,
integrada por ti no teu soño humanitario.
Cada día agradecerche, meu Deus,
o que cada día me ofreces vivir.
5.- Compartir

6.- Abrir o corazón
     
7.- Canto
Escoita, irmán, / temos moito que facer / somos as mans de Deus.

8.- En familia sempre, en pobo sempre.

Noso pai, en quen vivimos e existimos….


07 xaneiro, 2023

Tempo Ordinario: 1ª semana



TEMPO ORDINARIO


O primeiro domingo do Tempo Ordinario celebramos o Bautismo do Señor. A partir deste domingo empezamos o tempo litúrxico que chamamos "tempo ordinario"; ordinario porque nel non nos preparamos especialmente para celebrar ningún dos grandes acontecementos da vida de Xesús.

Pero iso non quere dicir que neste tempo ordinario as nosas vidas non gocen tamén dun acompañamento sempre especial por parte de Deus, por parte de Xesús, por parte do seu Espírito. Nós imos vivindo as nosas vidas, sempre ben importantes, aínda que nela non pasen grandes acontecementos, pero é a nosa vida: o noso traballo, os nosos amores, os nosos fillos e fillas, a nosa vida familiar e veciñas, a nosa parroquia, a nosa comunidade cristiá, a nosa sociedade, a nosa vida política, o noso mundo coas súas grandezas e miserias.

E a carón noso, vai sempre Deus querendo entrar nas nosas vidas pola porta grande do amor e da amizade, para axudarnos a construírnos como homes e mulleres de ben, felices, solidari@s, pacificad@s dentro de nós e tamén cara á fóra no trato coa demais xente.

Para que poidamos gozar e aproveitarnos dese acompañamento, Xesús vai compartindo tamén a súa vida, nas miudezas que tivo día a día; para iso lemos cada día un anaquiño de Evanxeo, que neste ano vai ser especialmente o evanxeo de Marcos.

Así as nosas vidas pódense ir entretecendo, compenetrando, ata sermos un con Deus, con Xesús, co Espírito, como se nos invita no relato do Bautismo de Xesús co que empezamos este tempo.

Que o saibamos aproveitar con humildade e valentía.


8 de xaneiro: O Bautismo do Señor

1ª lectura: Is 42, 1-4. 6-7. Salmo: 28, 1a e2. 3ac-4. 3b e 9b-10.
2ª lectura: Feit 10, 34-38.

Evanxeo: Lc 3,15-16.21-22

Naquel tempo, como o pobo estaba esperando polo Mesías, empezaba a pensar se acaso non o sería Xoán; pero el declarou diante de todos:
—“Eu bautízovos con auga, pero está a chegar o que é máis forte ca min e a quen eu non son digno de lle desatar os amallós do seu calzado. El havos bautizar con Espírito Santo e con lume.”

Durante un bautismo xeral, e despois de se bautizar tamén Xesús, mentres oraba, abriuse o ceo e baixou sobre el o Espírito Santo na aparencia corporal dunha pomba. Entón oíuse unha voz desde o ceo:
—“Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto; en ti me comprazo.”