22 febreiro, 2023

Tempo de Coresma: 1ª semana



26 de febreiro: Domingo 1º de Coresma

1ª lectura: Xén 2, 7-9; 3, 1-7. Salmo: 50, 3-4. 5-6a. 12-13. 14 e 17.
2ª lectura: Rom 5, 12-19.

Evanxeo: Mt 4, 1-11

Daquela o Espírito conduciu a Xesús ao deserto, para que Satán o tentase. Despois de xaxuar corenta días e corenta noites, acabou por ter ame. O tentador, achegándose a el, díxolle:
—“Se es Fillo de Deus, manda que estas pedras se convertan en pan.”

Pero el respondeu:
—“Está escrito: “Non soamente de pan vive o ser humano, senón de toda palabra saída da boca de Deus.”

Levouno logo o Satán á cidade santa, púxoo na atalaia do templo e díxolle:
—“Se es o Fillo de Deus, bótate de aquí embaixo, que está escrito: “Mandará os seus anxos para que te coiden e te leven nas súas mans; e os teus pés non se mancarán nas pedras.”

Xesús respondeu:
—“Tamén está escrito: “Non tentarás o Señor, o teu Deus.”

Pero aínda o levou o Satán a un monte moi alto, mostroulle os reinos todos do mundo enteiro, cheos de esplendor, e díxolle:
—´”Heiche dar todo isto se te prostras e me adoras.”

Entón replicoulle Xesús:
—“Arreda, Satanás, porque está escrito: “Só ao Señor, o teu Deus, adorarás, e só a El darás culto”.

Deixouno o Satán e achegáronse os anxos para o serviren.

19 febreiro, 2023

Tempo de Coresma



CORESMA

Co mércores da cinza comezamos o tempo da Coresma. Temos por diante corenta días de preparación para a Pascua, que é a celebración do triunfo da vida en Xesús de Nazaré e tamén o triunfo da vida nas nosas existencias humildes, e na comunidade e pobo do que formamos parte.

Na Coresma Deus invítanos a baleirarnos para nos poder encher del e do seu Espírito.

Na Coresma Deus invítanos a compartir a nosa presenza, palabra, tempo, cartos, empobrecéndonos algo para que outra xente medre na vida coa nosa axuda.

Na Coresma Deus invítanos a descubrir unha maneira nova de nos relacionar coa xente, véndoa en todo coma irmá e non como rival ou competidora.

Na Coresma Deus invítanos a descubrir a ledicia que dá o pouco, o pequeno, o simple, e ofrécenos, polo tanto, unha maneira nova e accesible de ser persoas felices.

Na Coresma Deus invítanos a ollar con paz e con esperanza para nas nosas propias vidas, aínda que receemos facelo por mor das trapalladas que ás veces nos consentimos.

Na Coresma Deus invítanos a ollar para a xente do noso redor, para decatarnos de que vivimos grazas aos demais, e de que os demais tamén vivirán grazas a nós, se non nos negamos a esta preciosa correspondencia.

Na Coresma Deus invítanos a ollarnos con tenrura e a ollar con tenrura tamén a toda persoa que se cruce connosco na vida.

Na Coresma Deus invítanos a gozar e medrar dando e recibindo perdóns.

Na Coresma Deus invítanos a tomar en serio a construción da sociedade na que vivimos, pois diso depende que moita xente máis humilde poida vivir con dignidade.

Na Coresma Deus invítanos a serenarnos e acougar, a atoparnos connosco e con el na soidade compartida.

Na Coresma Deus invítanos a andar con humildade pola vida, confiad@s na forza de ben que Deus gratuitamente nos ofrece.

Na Coresma Deus invítanos a contemplar o espertar da vida na natureza e a acompañala e protexela sempre.

Na Coresma Deus invítanos a saír das nosas casas para visitar a xente veciña e levarlle algo de compaña e calor.

Na Coresma Deus invítanos a volver a falarlle a aquela persoa á que, polo que sexa, lle deixei de falar.

Na Coresma Deus invítanos a cabrearnos contra a inxustiza e a envolver en paz os nosos cabreos.

Na Coresma Deus invítanos a sentirnos viv@s, libres, alegres, esperanzad@s.

Na Coresma Deus invítanos a ollar con alma de discípul@ para o mestre Xesús que vai sempre diante ou ao lado abríndonos o camiño.


22 de febreiro: Mércores de Cinza

1ª lectura: Xl 2, 12-18
Salmo: 50: 3-4. 5-6a. 12-13. 14 e 17
Segunda lectura: 2 Cor 5, 20—6,2

Evanxeo: Mt 6. 1-6. 16-18

Xesús ensinaba os seus discípulos dicindo:
—Tede coidado de non practicar a vosa xustiza para que vos vexa a xente, que daquela o voso Pai celestial non vos dará recompensa ningunha.

Cando deas unha esmola non o vaias proclamando diante de ti cunha trompeta, como fan os hipócritas nas sinagogas e nos rueiros para seren loados pola xente; asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando deas unha esmola, que non saiba a túa man esquerda o que fai a dereita. Así a esmola será secreta e teu Pai, que ve o segredo, xa te recompensará.

Cando recedes non fagades coma os hipócritas, que gustan de rezar moi ergueitos nas sinagogas e nos recantos das prazas para que os vexa a xente; asegúrovos que tamén recibiron a súa recompensa. Ti, pola contra, cando queiras rezar, métete no eu cuarto, pecha a porta e rézalle a teu Pai que está no segredo; e teu Pai, que ve o segredo, hate recompensar.

Cando gardedes o xaxún non poñades caras tristes, como fan os hipócritas; desfiguran as súas caras para que a xente llelo note. Asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando gardes o xaxún, perfuma a cabeza e lava a cara, para que non che se note ante a xente, senón ante teu Pai celestial; e teu Pai, que ve o que está escondido, hate recompensar.

16 febreiro, 2023

Tempo Ordinario: 7ª semana



19 de febreiro: Domingo 7 do Tempo Ordinario

1ª lectura: Lev 19, 1-2. 17-18. Salmo: 102, 1-2. 3-4. 8 e 10. 12-13.
2ª lectura: 1Cor 3, 16-23.

Evanxeo: Mt 5, 38-48

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—“Tedes oído que se vos dixo: “Ollo por ollo e dente por dente.” Pero eu dígovos: non volvades mal por mal; máis se alguén che dá un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra. A quen queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir tamén o mantelo; a quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas. A quen che pide, dálle; e non te vires de costas a quen che pida emprestado.

Tedes oído que se vos dixo: “Amaras o teu próximo” e aborrecerás o teu inimigo. Pero eu dígovos: Amade os vosos inimigos e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol sobre os malos e os bos, e chover sobre xustos e inxustos.

Porque, se amades os que vos aman, ¿Qué recompensa ides ter? ¿Non fan o mesmo os recadadores de impostos? E se saudades soamente a vosos irmáns, ¿que facedes de máis? ¿Non fan outro tanto os pagáns? Daquela sede bos sen exclusivismos, como o voso Pai celestial é totalmente bo.”

11 febreiro, 2023

Traballo entre sesións

 


(22 de xaneiro - 28 de marzo de 2023)

A revelación divina na realización humana

LECTURAS:

José Luis Sicre, Introducción al Antiguo Testamento. Verbo Divino, Estella (Navarra), 177-252 (primeira edición, 1993); 227-311 (segunda edición, 2013).



Cuestións que poden ir orientando a túa lectura:

1.- Que pensabas que era un profeta? Que pensas agora?
 
2.- Como lles "falaba" Deus aos Profetas?

3.- Que temas che parecen máis fundamentais nos anuncios proféticos?

4.- Que profeta ou que predicación profética é a que máis che gusta, conmove, sorprende?

5.- Facerse unha idea dos distintos tipos de profeta, e tamén da súa historia?

6.- Por que "calou" o profeta?


3º Encontro 2022 / 2023: 21 de marzo de 2023


1.- O abrazo do Pai/Nai, na compaña de Xesús.

2.Veneración da Biblia
Motivación. Silencio. Adoración. Agradecemento. Implicación.
Canto:
A TÚA PALABRA É O MEIRANDE BEN
DÁNOS A ESPERANZA, MANTENNOS NA FE (2)
Evocación de palabras, persoas, narracións que foron significativas para min.
Facémolo en forma de oración.

3.-Salmo 119:
Bendito es ti, Señor,
que eu aprenda a túa vontade.
Na túa revelación teño máis gozo
ca en todas as riquezas.
Que se abran os meus ollos
para ver as marabillas da túa lei.
Os teus preceptos son a miña ledicia,
eles son os meus conselleiros.
A miña alma está pegada ao po,
que a túa palabra, Señor, me dea alento.
Eu corro tras dos teus mandatos,
pois ti ensánchasme o corazón.
Mira como amo os teus mandatos;
só ti, Señor, me farás vivir na túa xustiza.
Os teus preceptos son o meu cantar
no lugar da miña peregrinación.

A miña herdanza é o Señor:
eu propoño observar a súa palabra.
De todo corazón busco a túa presenza:
e ti consólasme conforme a túa promesa.
Eu son teu e ti sálvasme;
eu esculco os teus mandatos.
A túa palabra é o faro dos meus pés,
luz do meu camiño.
Ti es o meu refuxio, o meu escudo:
eu confío na túa palabra.
O meu corpo treme ante ti
e venero as túas decisións.´
Érgome ao abrente agardando a túa axuda;
eu confío na túa palabra.
Ti estás preto, Señor,
e os teus preceptos don firmes.
Ecos: Facémonos eco dalgunhas destas palabras.

4.-Canto:
DOUVOS UN NOVO MANDATO / DOUVOS UN NOVO MANDATO
QUE VOS AMEDES, QUE VOS AMEDES / COMO EU VOS TEÑO AMADO.
Abrimos o noso recordo, o noso corazón, a persoas, situacións que nos chaman ao amor.

5.- Volvemos ao abrazo do Pai/Nai co que empezamos:
NOSO PAI/NAI, EN QUEN SOMOS E VIVIMOS …

09 febreiro, 2023

Tempo Ordinario: 6ª semana



12 de febreiro: Domingo 6 do Tempo Ordinario

1ª lectura: Eclo 15, 16-21. Salmo: 118, 1-2. 4-5. 17-18. 33-34.
2ªlectura 1Cor 2, 6-10.

Evanxeo: Mt 5,17-37 (breve: 5, 20-22a. 27-18. 33-34a. 37

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—“Non pensedes que vin derrogar a Lei e os Profetas; non vin para derrogar, senón para dar cumprimento. Porque vos aseguro: mentres non pasen o ceo e mais a terra non pasará nin unha letra nin un til da Lei ata que todo se cumpra.E quen falte a un destes mandamentos máis pequeniños e así llelo ensine a facer aos outros, será declarado o máis pequeno no Reino dos Ceos; pero quen os cumpra e así o ensine, será declarado grande no Reino dos Ceos.

Porque vos aseguro que se a vosa xustiza non é maior cá dos letrados e fariseos, non entraredes no Reino dos Ceos.

Tedes oído que se lles dixo aos vosos devanceiros: “Non matarás”, e quen mate será reo perante o tribunal. Pero eu dígovos: Todo o que se enrabeche co seu irmán será reo perante o tribunal; quen o alcume será reo perante o Sanedrín; e quen o aldraxe será reo do lume do inferno.

Se ao presentares a túa ofrenda no altar, alí te acordas de que teu irmán ten queixas contra ti, pousa a ofrenda alí mesmo diante do altar, vaite primeiro reconciliar co teu irmán, e logo volve para presentar a túa ofrenda.

Ponte de acordo canto antes co teu preiteante, mentres ides de camiño; non sexa que te entregue ao xuíz, o xuíz ao garda, e te boten na cadea. Ten por seguro que non sairás de alí ata que deas pagado o derradeiro céntimo.

Tedes oído que foi dito: “Non cometerás adulterio.” Pois eu dígovos: Todo aquel que mira a unha muller casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón.

Se o teu ollo dereito che é ocasión de pecado, arríncao e tira con el; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno. Se a túa man dereita che é ocasión de pecado, córtaa e tira con ela lonxe de ti; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno.

Ténsevos dito: “Quen repudie a súa muller, déballe acta de repudio.” Pero eu dígovos: Todo o que repudia a súa muller, fóra o caso de estaren malvivindo, expona a ser adúltera e o que case cunha repudiada comete adulterio.

Tamén tedes oído que se lles dixo aos devanceiros: “Non xurarás en falso”, e “cumprirás as promesas feitas con xuramentos ao Señor”. Pero eu dígovos: Non xuredes nunca; nin polo ceo, que é o trono de Deus; nin pola terra, porque é escano para os seus pés; nin por Xerusalén, que é a cidade do gran Rei. Tampouco xures pola túa cabeza, porque nin sequera lle podes virar brando ou negro un só pelo.

Falade, logo, deste xeito: “Si”, cando é si; “Non”, cando é non; e todo o que pase de aí vén do Malo.”

03 febreiro, 2023

Tempo Ordinario: 5ª semana



5 de febreiro: Domingo 5º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Is 58, 7-10. Salmo 111, 4-5. 6-7. 8a e 9
2ª lectura1Cor 2, 1-5.

Evanxeo: Mt 5, 13-16

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—“Vós sodes o sal da terra. Pero se o sal se volve insulso, ¿con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.

Vós sodes a luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa.

Alume así a vosa luz á xente, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen a voso Pai que está nos ceos.”