3 de xuño: solemnidade do Corpo e do Sangue de Cristo
Evanxeo: Mc 14, 12-16.22-26
Meditación
Tres xoves hai no ano que brillan máis ca o sol,
Xoves Santo, Corpus Christi e o día da Ascensión.
Así di o refrán popular; aínda que agora tanto a Ascensión como o día de Corpus celébranse en domingo. A grandeza deste día xa se celebra na data do Xoves Santo, relacionando ben deste xeito a entrega do pan e do viño na última cea de Xesús coa súa vida de servizo ata a morte por todos nós, por toda a humanidade. Que sinxelo, fondo e provocador é o signo que Xesús fixo! Xesús era realmente xenial! Vivía as cousas con tanta implicación, con tanta fondura, que sempre atopaba a palabra apropiada, o xesto axeitado, o símbolo preciso para axudarnos a entender o que foi a súa vida no medio de nós; para deixarnos claro ata que punto se implicou na nosa existencia fráxil, sempre con vontade de servizo.
Así ese pouquiño pan, ese groliño de viño, símbolos de toda a súa existencia entregada por nós, convértense para nós nunha presenza viva do mesmo Xesús. Cando en comunidade, recordando todo o de Xesús, collemos o pan nas mans, cando comemos o pan e bebemos o viño facéndoos parte do noso corpo, da nosa existencia, cando deixamos que nos contaxien con toda a fondísima solidariedade que conteñen, daquela entramos nunha comuñón sen medida con toda a natureza, con todos os seres humanos, maiormente coa xente máis débil, e co mesmo Deus. Facémonos un, unha, en todo, con todo, con todos, con todas. É a gran comuñón.