25 xaneiro, 2024

Tempo Ordinario: 4ª semana



28 de xaneiro: Domingo 4º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Deut 18, 15-20. Salmo: 94, 1-2. 6-7. 8-9
2ª lectura: 1 Cor 7, 32-35

Evanxeo: Mc 1, 21-28

Un día Xesús e máis os seus discípulos foron a Cafarnaúm e, ao chegar o sábado, Xesús púxose a ensinar na sinagoga. Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados. E cadrou que había naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito, e púxose a berrar:
—¿Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaré? ¿Seica viñeches para acabar connosco? Ben sei quen es ti; ti es o Santo de Deus.

Xesús mandoulle:
—Cala e bótate fóra dese home.

O espírito malo sacudiuno, pegou un berro moi alto e saíu del. Todos ficaron pasmados e discutían entre si, dicindo:
—¿Qué é isto? Unha nova doutrina e con autoridade; enriba, dálles ordes aos espíritos malos e eles obedéceno.

E a súa sona espallouse de contado por toda a rexión de Galilea.

19 xaneiro, 2024

Tempo Ordinario: 3ª semana



21 de xaneiro: Domingo 3º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Xon 3, 1-5. 10. Salmo: 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9
2ª lectura: 1 Cor 7, 29-31

Evanxeo: Mc 1, 14-20

Cando prenderon a Xoán marchou Xesús a Galilea e anunciaba o Evanxeo de Deus, dicindo:
—O tempo está cumprido e chega o reino de Deus; convertédevos e crede no Evanxeo.

Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e máis a André, o irmán de Simón, que estaban largando o aparello no mar, pois eran pescadores. Díxolles Xesús:
—Vinde comigo e fareivos pescadores de persoas.

Eles deixaron de contado as redes e seguírono.

Un pouco máis adiante viu a Santiago, o fillo de Zebedeo, e máis a Xoán, seu irmán; tamén eles estaban na barca arranxando as redes. E de seguida os chamou. Eles deixaron ºa seu pai, Zebedeo, na barca cos xornaleiros e marcharon con el.

11 xaneiro, 2024

Tempo Ordinario: 2ª semana



14 de xaneiro. Domingo 2º do Tempo Ordinario

1ª lectura: 1 Sam 3, 3b-10. 19. Salmo: 39, 2 e 4ab. 7-8a. 8b-9. 10
2ª lectura: 1 Cor 6, 13c-15a. 17-20

Evanxeo: Xn 1,35-42

Nunha ocasión estaba Xoán con dous dos seus discípulos e, vendo a Xesús que ía camiñando, dixo:
—Velaquí o año de Deus.

Cando os dous discípulos oíron o que el falara, fóronse detrás de Xesús. Volveuse Xesús e, vendo que eles o seguían, preguntoulles:
—¿Qué buscades?

Eles respondéronlle:
—Rabbí (que quere dicir “Mestre”), ¿onde paras?

El díxolles:
—Vide e veredes.

E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde. Un dos dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era André, o irmán de Simón Pedro. Vai e atopa primeiro a Simón, o seu propio irmán, e dille:
—Encontramos o Mesías (que quere dicir “Cristo”).

E levouno onda Xesús. Ao velo, díxolle Xesús:
—Ti es Simón, o fillo de Xoán. Ti haste chamar Kefas (que quere dicir Pedro).

07 xaneiro, 2024

Tempo Ordinario: 1ª semana



TEMPO ORDINARIO

O primeiro domingo do Tempo Ordinario celebramos o Bautismo do Señor. A partir deste domingo empezamos o tempo litúrxico que chamamos "tempo ordinario"; ordinario porque nel non nos preparamos especialmente para celebrar ningún dos grandes acontecementos da vida de Xesús.

Pero iso non quere dicir que neste tempo ordinario as nosas vidas non gocen tamén dun acompañamento sempre especial por parte de Deus, por parte de Xesús, por parte do seu Espírito. Nós imos vivindo as nosas vidas, sempre ben importantes, aínda que nela non pasen grandes acontecementos, pero é a nosa vida: o noso traballo, os nosos amores, os nosos fillos e fillas, a nosa vida familiar e veciñas, a nosa parroquia, a nosa comunidade cristiá, a nosa sociedade, a nosa vida política, o noso mundo coas súas grandezas e miserias.

E a carón noso, vai sempre Deus querendo entrar nas nosas vidas pola porta grande do amor e da amizade, para axudarnos a construírnos como homes e mulleres de ben, felices, solidari@s, pacificad@s dentro de nós e tamén cara á fóra no trato coa demais xente.

Para que poidamos gozar e aproveitarnos dese acompañamento, Xesús vai compartindo tamén a súa vida, nas miudezas que tivo día a día; para iso lemos cada día un anaquiño de Evanxeo, que neste ano vai ser especialmente o evanxeo de Marcos.

Así as nosas vidas pódense ir entretecendo, compenetrando, ata sermos un con Deus, con Xesús, co Espírito, como se nos invita no relato do Bautismo de Xesús co que empezamos este tempo.

Que o saibamos aproveitar con humildade e valentía.

04 xaneiro, 2024

Tempo de Nadal: Bautismo do Señor



7 de xaneiro: Festa do Bautismo do Señor

1ª lectura: Is 42, 1-4. 6-7. Salmo: 28, 1a e 2. 3ac-4. 3b e 9b-10
2ª lectura: Feit 10, 34-38

Evanxeo: Mc 1, 7-11

En certa ocasión, Xoán proclamaba:
—Detrás miña está a chegar o que é máis forte ca min, perante quen non son digno de prostrarme para lle desatar os amallós do seu calzado. Eu bauticeivos con auga, pero el havos bautizar no Espírito Santo.

E aconteceu por aqueles días que chegou Xesús desde Nazaret de Galilea e Xoán bautizouno no Xordán.

E de seguida, mentres saía da auga, viu abrirse o ceo e baixar sobre el, coma unha pomba, o Espírito Santo. E unha voz deixouse oír desde o ceo:
—Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto.