4 de febreiro: 5º domingo do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mc 1, 29-39
Meditación
O Evanxeo de hoxe fálanos dun día máis ou menos normal de Xesús: ir á casa duns veciños amigos, preocuparse pola señora que está enferma, animala, incorporala ao gozo familiar; logo preocuparse por outros veciños e veciñas que tamén andaban coa vida a rastro por diferentes razóns e facer o que podía para alivialos; logo deitarse e a durmir; e despois erguerse cedo e buscar un lugar arredado, silencioso, para rezar, ata que o veñen buscar e lles recorda aos seus amigos e amigas que así hai que andar día tras días, espallando a palabra e a forza de Deus por toda a contorna.
Primeiro, é bo pensar que a nosa casa, a nosa familia, cada un, cada unha de nós, somos tamén dalgunha maneira visitados por Xesús; tamén el nos ofrece a súa presenza e a súa forza de ben. Logo, é bo pensar que ese estilo de Xesús, tan sinxelo, tan popular, tamén o podemos practicar nós, algo polo menos; e de feito cantas veces nas aldeas nós facemos iso: ir visitar a un veciño/a, preocuparnos pola saúde da xente da casa, ofrecernos para axudar se necesario for, rezar algo, ir visitar á residencia a unha veciña enferma, e ir así creando, con cousiñas pequenas, un ambiente de ánimo, de alegría, de esperanza entre nós. Igual onde nos custa máis é niso de buscar un sitio silencioso e arredado para estar algo a soas con Deus; pero precisamente aí era onde Xesús atopaba forzas para facer tanto ben como logo facía.