27 xaneiro, 2022

Tempo Ordinario: 4ª semana

 


30 de xaneiro: domingo 4º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Xer 1, 4-5. 17-19. Sal. 70, 1-2. 3-4a. 5-6ab. 15ab e 17
2ª lectura: 1Cor 12. 3113. 13. Ou breve: 1Cor 13, 4-13

Evanxeo: Lc 4,21-30

Nunha ocasión empezoulles a dicir Xesús na sinagoga:
—Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.

E toda a xente asentiu, admirada polas palabras de graza que saían da súa boca. E dicían:
—¿Pero non é este o fillo de Xosé?

El díxolles:
—Seguramente me recordaredes aquel refrán: “Médico, cúrate a ti mesmo”; todo canto oímos que fixeches en Cafarnaúm, faino aquí na túa terra.

Pero el continuou:
—Asegúrovos que ningún profeta é ben recibido na súa terra. Tede por seguro que no tempo de Elías había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres anos e seis meses e unha grande fame anegou todo o país; e a ningunha delas mandaron a Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón. E moitos leprosos había en Israel no tempo de Eliseo, o profeta, e a ningún deles curou, fóra de Naamán, o sirio.

Oíndo estas cousas, todos os que estaban na sinagoga se puxeron coma feras; erguéndose, botárono fóra da vila e levárono ata un barranco do monte no que está edificada coa intención de o botaren de alí embaixo. Pero el botou a andar polo medio deles e marchou.

20 xaneiro, 2022

Tempo Ordinario: 3ª semana



23 de xaneiro: domingo 3º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Neh 8, 2-4a. 5-6. 8-10. Sal 18, 8. 9. 10. 15
2ª lectura: 1Cor 12, 12-30

Evanxeo: Lc 1,1-4; 4, 14-21

Posto que moitos emprenderon a tarefa de narrar axeitadamente os feitos ocorridos entre nós, tal como nolos transmitiron desde o principio as testemuñas oculares e máis os predicadores da palabra, decidín eu tamén, despois de me informar con tino desde as orixes, escribirchos ordenadamente para ti, ilustre Teófilo, a fin de que coñezas ben a firmeza das ensinanzas nas que fuches instruído.

Coa forza do Espírito Santo Xesús volveu a Galilea, e a súa sona estendeuse por toda aquela rexión. Ensinaba nas súas sinagogas e todos falaban ben del. Chegou a Nazaré, onde se criara e o sábado entrou na sinagoga como tiña por costume. Ergueuse para facer a lectura e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:

“O espírito do Señor está sobre min, pois el foi quen me unxiu para proclamar a Boa Nova á xente pobre; envioume para lles anunciar a liberación ás persoas cativas e a vista ás cegas, para lle dar liberdade á xente asoballada e proclamar o ano de graza do Señor.”

Pechou o libro, devolveullo ao encargado e sentou. Toda a xente da sinagoga ollaba fixamente para el. Logo empezou a dicirlles:
—Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.

14 xaneiro, 2022

Tempo Ordinario: 2ª semana



16 de xaneiro: domingo 2º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Is 62, 1-5. Sal 95, 1-2a. 2b-3. 7-8a. 9-10a e c.
2ª lecrtura: 1Cor 12, 4-11.

Evanxeo: Xn 2,1-11

Houbo unha vez un casamento en Caná de Galilea, e estaba alí a nai de Xesús. Tamén foron convidados ao casamento Xesús e máis os seus discípulos. Chegou a faltar o viño e a nai de Xesús díxolle:
—Non che teñen viño.

Replicoulle Xesús:
—Muller, ¿qué ten que ver iso comigo e contigo? Aínda non chegou a miña hora.

Súa nai díxolle entón aos camareiros.
—Facede o que el vos diga.

Había alí seis tinas de pedra para as purificacións dos xudeus, que levaban ao pé de cen litros cada unha. E ordenoulles Xesús:
—Enchede de auga as tinas.

Eles enchéronas de todo.

Díxolles entón:
—Collede agora e levádella a proba ao mestresala.

Eles leváronlla. E, cando o mestresala probou a auga volta viño, sen saber de onde viña (os camareiros si que o sabían, que eles colleran a auga), falou co noivo e díxolle:
—Todo o mundo pon de primeiras o viño bo e, cando xa a xente está bébeda, o máis cativo; ti, en troques, deixaches o viño bo para agora.

Así fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea; manifestou a súa gloria e creron nel os seus discípulos.

05 xaneiro, 2022

Tempo Ordinario: 1ª semana



TEMPO ORDINARIO


O primeiro domingo do Tempo Ordinario celebramos o Bautismo do Señor. A partir deste domingo empezamos o tempo litúrxico que chamamos "tempo ordinario"; ordinario porque nel non nos preparamos especialmente para celebrar ningún dos grandes acontecementos da vida de Xesús.

Pero iso non quere dicir que neste tempo ordinario as nosas vidas non gocen tamén dun acompañamento sempre especial por parte de Deus, por parte de Xesús, por parte do seu Espírito. Nós imos vivindo as nosas vidas, sempre ben importantes, aínda que nela non pasen grandes acontecementos, pero é a nosa vida: o noso traballo, os nosos amores, os nosos fillos e fillas, a nosa vida familiar e veciñas, a nosa parroquia, a nosa comunidade cristiá, a nosa sociedade, a nosa vida política, o noso mundo coas súas grandezas e miserias.

E a carón noso, vai sempre Deus querendo entrar nas nosas vidas pola porta grande do amor e da amizade, para axudarnos a construírnos como homes e mulleres de ben, felices, solidari@s, pacificad@s dentro de nós e tamén cara á fóra no trato coa demais xente.

Para que poidamos gozar e aproveitarnos dese acompañamento, Xesús vai compartindo tamén a súa vida, nas miudezas que tivo día a día; para iso lemos cada día un anaquiño de Evanxeo, que neste ano vai ser especialmente o evanxeo de Marcos.

Así as nosas vidas pódense ir entretecendo, compenetrando, ata sermos un con Deus, con Xesús, co Espírito, como se nos invita no relato do Bautismo de Xesús co que empezamos este tempo.

Que o saibamos aproveitar con humildade e valentía.


9 de xaneiro: O Bautismo do Señor

1ª lectura: Is 42, 1-4. 6-7. Salmo: 28, 1a e2. 3ac-4. 3b e 9b-10.
2ª lectura: Feit 10, 34-38.

Evanxeo: Lc 3,15-16.21-22

Naquel tempo, como o pobo estaba esperando polo Mesías, empezaba a pensar se acaso non o sería Xoán; pero el declarou diante de todos:
—Eu bautízovos con auga, pero está a chegar o que é máis forte ca min e a quen eu non son digno de lle desatar os amallós do seu calzado. El havos bautizar con Espírito Santo e con lume.

Durante un bautismo xeral, e despois de se bautizar tamén Xesús, mentres oraba, abriuse o ceo e baixou sobre el o Espírito Santo na aparencia corporal dunha pomba. Entón oíuse unha voz desde o ceo:
“Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto; en ti me comprazo.”