28 xullo, 2016

31 de xullo: Domingo 18º do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 12, 13-21

Comentario:

Unha pregunta sobre cousas de herdades, que a Xesús lle parece impertinente, dálle pé para entrar nun tema que para el si que era realmente importante: o tema dos cartos, da riqueza, da acumulación de bens. Parécelle importante, porque ao redor diso xira o sentido da vida, o uso dos cartos, a xestión da economía, a solidariedade ou o egoísmo, a vida das familias, a construción da sociedade, as formas dunha relixiosidade auténtica; en definitiva, a felicidade das persoas, que é o que Deus, Xesús, quere para todos, todas e cada unha de nós. O tema dos cartos segue a ser un tema ben actual --en realidade a crise actual ten como base a cobiza dos cartos da que Xesús alertaba--; por iso tamén o é a ensinanza de Xesús. Iranos mellor se nos deixamos afectar, converter polas palabras, pola proposta de Xesús.

24 xullo, 2016

25 de xullo: Festa de Santiago Apóstolo, Patrón de Galicia


Evanxeo: Mt 20, 20-28


Comentario:

Hoxe é a festa de Santiago Apóstolo, patrón de Galicia, patrón de España. Hoxe é o Día de Galicia, e para moitos galegos e galegas é tamén o Día da Patria Galega. Para o Evanxeo, para a Boa Nova de Xesús, para Xesús mesmo polo tanto, Galicia non é algo indiferente, nin o é todo o que somos e vivimos os galegos e galegas que vivimos nesta Terra; como tampouco non é indiferente ningunha outra parte de España e do mundo. No Evanxeo Xesús ofrécenos a todos un plan de construción coma persoas e unha maneira de vivir as nosas relacións coas persoas coas que convivimos na familia, no barrio, no pobo, no País, no mundo. O proxecto de Xesús ten transcendencia social, política. E sería normal e bo que as persoas cristiás, galegas ou de calquera outra parte do mundo, nos preocupásemos por trasladar á vida social e política, aquilo que imos aprendendo de Xesús para as nosas vidas. Que podemos aportar como cristiáns, cristiás, a esta tarefa común que é Galicia nos días de hoxe? Que podemos aportar a esa Galicia que o poeta Díaz Castro evocaba fermosamente con estas palabras:
“¡Galiza en min, meu Deus, pan que me deron,
leite e centeo e soño e lus da aurora!
Longa rúa da mar, fogar da terra,
e esta crus que nos mide de alto a baixo.

19 xullo, 2016

24 de xullo: Domingo 17º do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 11,1-13

Comentario:

O evanxelista Lucas é o que máis veces fala da experiencia de oración de Xesús. De día ou de noite, no monte ou na chaira, Xesús gustaba de orar. Tanto que un dos seus discípulos lle pide que lles ensinase a orar, pois tal era o que facía o mestre Xoán Bautista e tal era tamén o que facían os líderes espirituais daquel tempo. Aprender a orar é tanto coma aprender a ter experiencia de Deus na propia vida, trato con Deus, relación viva con Deus, sentimento limpo e fondo da súa presenza acompañando a nosa vida, a nosa tarefa diaria. Podemos ter moitas prácticas relixiosas e non ter experiencia limpa de Deus na nosa vida; é algo bastante frecuente. Xesús foi un home fondamente vinculado a Deus, foi un místico apegado á vida, apegado á xente, manifestouse sempre coma persoa cunha cálida experiencia de Deus, na que atopou o motor da súa vida libre, creativa, revolucionaria, santa. Temos un mestre de garantía. Quen mellor ca el nos poderá aprender a tratar e amigar con Deus?

13 xullo, 2016

Falando ben do que esta fixo


FALANDO BEN DO QUE ESTA FIXO (Mc 14,9)

Celebración para cumprir o desexo de Xesús de honrar a muller que o unxira a el con perfumes e bágoas

Para a celebración non partiremos unicamente dun dos textos dos evanxeos que narran o suceso da unción de Xesús por parte dunha muller, senón o texto dos catro evanxeos que narran esta escena, que puido seu unha soa e mesma escena, reinterpretada por cada evanxelista segundo a súa especial sensibilidade, ou puido ter varias e diferentes realizacións históricas. Os catro textos son os seguinte: Mt 26,6-12; Mc 14,3-9; Xo 12,1-8; Lc 7,36-49.

Se hai posibilidades, pódese avisar ao grupo, á comunidade que tal día ou en tal hora imos facer esta celebración de honra desa muller ou mulleres; invítase á xente a que traia algo co que contribuír a esa celebración: algunha cousa material, algunhas flores, algúns froitos, algún poema, algún desexo... Avísase de que nun lugar da celebración haberá unha cesta, uns floreiros, un espazo onde ir deixando o que a xente traia.

Oración da mañá en Sobrado


Sobrado, 11 xuño 2016


ORACIÓN DA MAÑÁ


1.- Momento de silencio interior integrador.

Canto:

QUE BEN SEI EU DA FONTE / QUE MANA E CORRE, / ANQUE É DE NOITE.
  1. Esta viva fonte estouna vendo / na túa voz calada, no silencio / Anque é de noite.
  2. Que fonte máis preciosa nos amosas / alí na xente pobre onde ti moras / Anque é de noite.

Entre rezos e amores




ENTRE REZOS E AMORES

Convivencia en Sobrado, 10,11,12 de xuño do 2016

Venres, 10 de xuño

Coma todos os anos, na ESCOLA DE ESPIRITUALIDADE pechamos o curso coa convivencia en Sobrado dos Monxes os días 10, 11 e 12 de xuño. Fomos unhas 60 persoas as que asistimos, aínda que non todas puideron asistir a todos as partes do encontro.

O venres pola tarde, Maricarme estaba solícita, coma sempre, atendendo e orientando as persoas que iamos chegando. O ceo estaba algo encuberto, pero os ánimos non. Había moitas máis mulleres ca homes; a maioría eramos persoas que estiveramos asistindo á Escola durante o curso, pero tamén houbo un bo grupiño delas que se estrearon na Escola asistindo a este encontro, entre elas varias portuguesas. A todas, xaora, lles abrimos as portas con inmenso agarimo. Acomodadas todas puidemos asistir ao rezo de Vésperas coa comunidade cisterciense. Aínda que non entramos no canto, porque non é doado, si que, cada un, cada unha, á súa maneira, puidemos asolagarnos no espazo orante que os monxes crean. Deus sexa sempre bendito!

17 de xullo: Domingo 16º do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 10, 38-42

Comentario:

Chama unha vez máis a atención o lugar, o momento concreto no que suceden as cousas, nas que Xesús intervén. Xesús non era un sacerdote da súa relixión, era un laico, e, coma bo laico, os espazos tidos por sagrados non eran para el os máis apropiados para desenvolver a súa actividade de anunciador dunha Boa Nova por parte de Deus. Os espazos para el máis idóneos eran os da vida normal, profana, o mundo, as aldeas, o pobo, a xente, os camiños, os encontros, os comedores, as cociñas...; todo lle valía, todo lle daba pé para ir espallando, popularizando a novidade de Deus; todo se ía facendo para el espazo sagrado. Parémonos agora a ver cal é en concreto a proposta nova de Xesús neste encontro ocasional con dúas mulleres, Marta e María, na casa destas.

05 xullo, 2016

10 de xullo: Domingo 15º do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 10, 25-37

Comentario:

Cando se fala de posibles cambios na vida dos cristiáns e cristiás, na vida das comunidades cristiás e do conxunto da Igrexa, fálase da necesidade de facernos persoas samaritanas, comunidades samaritanas, Igrexa samaritana. Por iso é tan importante achegarnos con ollos limpos, con corazón limpo, unha vez máis a este texto do evanxeo de Lucas, que podería ser un estupendo resume de todo o Evanxeo de Xesús; unha especie de Evanxeo do Evanxeo.