30 abril, 2021

Fratelli tutti: capítulo sexto

   



CAPÍTULO SEXTO

DIÁLOGO E AMIZADE SOCIAL

Texto deste capítulo en galego:

(tradución de Nuria Núñez)


Guía para a lectura por Elvira Santos Pena

En principio parécenos que non di o Papa nada novo, son conceptos, que manexamos habitualmente e que damos por sabidos. Diálogo, consenso, encontro, amabilidade…. Recoméndovos ler con moita calma este capítulo porque podemos facer moitos descubrimentos sobre o que significan estas palabras. Xa na introdución do capítulo (num.198) podemos ler: “Para encontrarnos e axudarnos mutuamente precisamos dialogar” O diálogo axuda a vivir mellor moito mais do que pensamos.

O primeiro apartado leva por título “O diálogo social . Cara unha nova cultura” .O Papa vai explicando o que non é dialogar. A veces convertemos o que pensamos diálogo nun intercambio de opinións que non son mais que monólogos paralelos que non comprometen a ninguén, ao que se engade o ton violento ou a descualificación do adversario. Un auténtico diálogo social supón a capacidade de respectar o punto de vista do outro, escoitar con moita atención porque existe a posibilidade de que a súa aportación conteña unha riqueza que non descubríramos nos. Dialogar así supón buscar o ben común, non ten nada que ver con impoñer cada un a súa maneira de pensar.

O segundo apartado titúlase “ O fundamento dos consensos “ . Destaca aquí a importancia de buscar os fundamentos máis sólidos que están detrás das nosas opcións. Aceptar que hai valores permanentes que están mais alá de todo consenso, que son apreciados como estables e que dan solidez y estabilidade a unha ética social. Tamén é certo que podemos ir crecendo na súa comprensión por iso o consenso é algo dinámico.

“Unha nova cultura” titúlase o terceiro apartado deste capítulo que xa empeza dicindo “A vida é a arte do encontro”. E aquí o Papa vai contándonos que é a “cultura do encontro”, buscar puntos de contacto, tender pontes, proxectar algo que inclúa a todos. Recoñecer que a paz social non é un proceso doado, precisa moito traballo , é un proceso lento e difícil si queremos que sexa unha paz real e sólida.” Un pacto social, realista e inclusivo debe ser tamén un” pacto cultural “que respecte e asuma as diversas cosmovisións culturas ou estilos de vida que coexisten na sociedade”.

O Capítulo remata co apartado titulado “Recuperar a amabilidade”. A amabilidade supón valoración e respecto. Cando a amabilidade se fai cultura, cambia o estilo de vida e as relacións sociais. “Facilita a procura de consensos e abre camiños onde a exasperación destrúe todas as pontes”. Son soamente tres puntos pero non me parece un apartado menor. Pódenos facer pensar moito e como resultado deste” cultivo da amabilidade” que Francisco nos recomenda, podemos cambiar o entorno, aínda que sexa soamente o próximo, cambiarnos a nos mesmas e facer a vida máis doada e as relacións máis auténticas , humanas e felices.

Para reflexionar

Despois de ler o que Francisco nos di sobre o que significa o verdadeiro diálogo. ¿Pensas que neste momento a nosa sociedade responde a esa maneira de dialogar?

E persoalmente, ¿Como é a túa maneira de dialogar? ¿Que pensas do que o Papa chama a “cultura do encontro”?

Francisco insiste no “cultivo da amabilidade” e no seu poder transformador . ¿Estás de acordo? E na vida diaria, ¿Como actúas con respecto a amabilidade nas relacións cos demais?


28 abril, 2021

Tempo de Pascua: 5ª semana

 

2 de maio: Domingo 5 de Pascua

1ª lectura: Feit 9, 26-31
Salmo: 21, 26b-27. 20 e 30. 31-32
2ª lectura: 1 Xn 3, 18-24

Evanxeo: Xn 15,1-8

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:

—Eu son a verdadeira vide e meu Pai é o labrador. A vara que en min non leva froito, arríncaa; e a que leva froito límpaa, para que leve aínda máis froito. Vós xa estades limpos pola palabra que vos teño falado. Permanecede en min e eu en vós.

Así como a vara non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na vide, tampouco vós, se non permanecedes en min. Eu son a vide; vós, as varas. Quen permanece en min e eu nel, ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer nada. Se alguén non permanece en min, é coma as varas arrincadas fóra, que secan; apáñanas, bótanas no lume e arden.

Se permanecedes en min e as miñas palabras permanecen en vós, pedide o que queirades e hásevos facer. Nisto é glorificado meu Pai, que le levedes froito abondoso e vos mostredes coma discípulos meus.

21 abril, 2021

Tempo de Pascua: 4ª semana

 


 25 de abril: Domingo 4 de Pascua

1ª lectura: Feit 4, 8-12
Salmo: 117, 1 e 8-9. 21-23. 26 e 28 e 29
2ª lectura: 1 Xn 3, 1-2

Evanxeo: Xn 10,11-18

Unha vez díxolles Xesús aos fariseos:

—Eu son o bo pastor. O bo pastor dá a súa vida polas ovellas. O criado, que non é pastor, de quen non son as ovellas, cando ve vir o lobo, deixa as ovellas e foxe e o lobo rapínaas e dispérsaas, porque el anda ao xornal e as ovellas non lle importan.

Eu son o bo pastor; coñezo as miñas e as miñas coñécenme a min. Igual que o Pai me coñece a min e eu coñezo o Pai e dou a miña vida polas ovellas. Teño ademais outras ovellas que non son deste curro: tamén a esas téñoas que guiar, e escoitarán a miña voz e farase un único rabaño e un único pastor.

Por iso ámame o Pai, porque eu dou a miña vida, para tomala de novo. Ninguén ma quita, non, eu douna voluntariamente. Teño poder para dala e teño poder para tomala de novo. Este mandato recibino do meu Pai.

18 abril, 2021

Fratelli tutti: oración 5 capítulo

  


PREGARIA 
(Capítulo 5 da encíclica)

A mellor política
 
Manuel Regal Ledo

Cando, Xesús, cando,
cando seremos persoas apaixonadas a fondo
pola xente, polo pobo?

Cando deixaremos que o amor,
a solicitude, o afecto, a tenrura
—iso ao que lle damos o nome grande de Deus—
invada todo o noso actuar;
e se converta en nós en pensamento clarividente,
en estratexias eficaces
en dereitos, en xustiza, en deberes compartidos,
para que a xente, toda a xente, viva
e vida dignamente?

Cando amaremos tanto,
tan limpamente, tan libremente,
que as sombras do prestixio, do poder,
dos intereses do propio grupo, partido ou país
deixen de condicionar as mellores decisións
para o mellor futuro do noso pobo
e de todos os pobos do mundo, por pequenos e insignificantes que sexan?

Cando liberaremos o amor dos espazos curtos,
das discusións eufóricas,
das asembleas devotas,
e o levaremos no teu nome, Xesús,
no nome do teu Deus da vida,
alí onde cada día se xoga a vida da xente,
a vida das persoas e pobos máis excluídos?

Cando apreciaremos a política,
cando agradeceremos a vida de quen a practica honradamente,
cando sairemos das sancristías
para meternos na complexidade do mundo, no rebumbio da vida,
o lugar dun laicado comprometido coa causa de Deus?

Cando aprenderemos de ti, Xesús,
da túa implicación valente en defensa da xente abusada,
da teu proceder amoroso, pero non populista,
entregado e por iso mesmo tamén esixente?
Cando nos dispoñeremos a morrer coma ti,
un chisquiño polo menos,
para que todo o pobo viva?

Que o teu Espírito guíe e fortaleza os nosos pasos
neste campo tan urxente e delicado.
Grazas, Xesús.


15 abril, 2021

Tempo de Pascua: 3ª semana

 




18 de abril: Domingo 3 de Pascua

1ª lectura: Feit 3, 13-15. 17-19
Salmo: 4, 2. 4. 7. 9
2ª lectura: 1 Xn 2, 1-5a

Evanxeo: Lc 24, 35-48

Pasou que os discípulos de Xesús que volveron de Emaús contaron o que lles pasara polo camiño e como o recoñeceran no partir o pan. Estando eles comentando estas cousas, presentóuselles Xesús no medio e díxolles:

—A paz sexa convosco!

Sobresaltados e cheos de medo, coidaban contemplar un espírito. Pero el díxolles:

—¿Por que estades asustados e a que veñen esas dúbidas? Mirade para as miñas mans e para os meus pés: sonvos eu. Palpade aquí e decatádevos de que un espírito non ten carne nin ósos, como vedes que teño eu.

E, dicindo isto, mostroulles as mans e máis os pés. Pero eles, tolos de contento e sen saíren do seu asombro, non acababan de crer. Xesús preguntoulles:

—¿Tedes por aí algo que comer?

Déronlle un anaco de peixe asado. El colleuno e comeuno diante deles. Logo díxolles:

—A isto me refería eu cando, estando aínda convosco, vos dicía que conviña que se cumprise todo o que está escrito na Lei de Moisés, nos Profetas e máis nos Salmos acerca de min.

E abriu os seus entendementos para que comprendesen as Escrituras. E engadiu:

—Así esta escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e máis o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén. Vós seredes testemuñas de todo isto.

Fratelli tutti: capítulo quinto

   



CAPÍTULO QUINTO

A MELLOR POLÍTCA

Texto deste capítulo en galego:

(tradución de Nuria Núñez)


Guía para a lectura por Manuel Regal Ledo


É un dos capítulos centrais e máis importantes do libro. A razón do mesmo expona o Papa no número 154, introdutorio, cando afirma: ”Para facer posible o desenrolo dunha comunidade mundial, capaz de realizar a fraternidade a partir de pobos e nacións que vivan a amizade social, fai falla a mellor política posta ao servizo do verdadeiro ben común.” E a falarnos desa “mellor política” dedica este capítulo. A linguaxe é sinxela, como o é en toda a encíclica, foxe de tecnicismos, pero iso non lle resta precisión aos asuntos concretos que aborda.

O capítulo divídese en cinco grandes apartados. O primeiro leva por título “Populismos e liberalismos”. O Papa fai unha descrición sinxela, clara, destas dúas tendencias políticas coas que tanto nos atopamos no presente, tamén en España. Moi fermosa a noción de pobo, popular, goberno do pobo (democracia) que aquí presenta, ás que se opoñen os populismos (de dereitas ou de esquerdas) e certas maneiras de practicar o liberalismo. Importante tamén o papel positivo que poden xogar os “movementos populares”, dos que o Papa é un constante seguidor e animador.

O segundo apartado titúlase “O poder internacional”. Deféndese nel o bo servizo que podería prestar ao funcionamento mundial un poder internacional que permitise controlar os poder das nacións máis poderosas e/ou os grandes poderes financeiros. A ONU podería representar ese poder internacional, pero debería liberarse de atumes que lle impiden actuar con rapidez, xustiza e equidade. Valora tamén o importante papel subsidiario de moitas agrupacións e organizacións da sociedade civil que van facendo como poden o que a Comunidade internacional non fai.

“Unha caridade social e política”, así titula o Papa o apartado terceiro. Importante esta dimensión política do amor: non vale o amor sen acción política, pero tampouco valería a acción política sen amor. Vai describindo unha serie de características que debería ter esa “mellor política” imprescindible: política con visión ampla, con proxecto de nación a medio e longo prazo, cunha economía integrada nun proxecto político, social, cultural e popular que busque o ben común; unha política con “caridade social”, que permita avanzar cara á civilización do amor.

No apartado 4, titulado “A actividade do amor político”, o Papa abunda nas características deste amor feito política e desta política transida polo amor. Resulta clarificadora esa distinción entre o amor “elícito”, que leva a facer caridade coas persoas e pobos, e o amor “imperado”, que leva a crear institucións que faciliten a dignidade de toda a poboación. Un amor que sempre integra e reúne, e non marxina e exclúe.

Por último, o apartado 5, titulado “Máis fecundidade ca éxitos”, apunta ao núcleo dunha política pola xente, polo pobo: non as aparencias, o éxito, a maquillaxe dos medios, as eleccións inmediatas, senón as persoas reais atendidas, a tenrura, a capacidade de desatar procesos dos que mesmo outras persoas quizais recollerán os froitos.


PROPOSTA DE TRABALLO:

—Ler pouco a pouco, case meditando a lectura. Ao ler, ir botando unha ollada ao que pasa no noso entorno político nacional, e tamén ao noso propio compromiso político. Se non o temos, a bicicleta do amor da nosa vida levaría unha roda pinchada.

—Facer por seleccionar de cada capítulo aquela frase ou parágrafo que máis me chamou a atención, para o poder compartir e comentar.

08 abril, 2021

Tempo de Pascua: 2ª semana

 


11 de abril: Domingo 2 de Pascua

1ª lectura: Feit 4, 32-35
Salmo: 117, 2-4. 16ab-18. 22-24
2ª lectura: 1 Xn 5, 1-6.

Evanxeo: Xn 20, 19-31

Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:

—Paz convosco.

Dito isto, mostroulles as mans e máis o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. El díxolles outra vez:

—Paz convosco. Como o Pai me mando a min, tamén eu vos mando a vós.

E dito isto alentou sobre eles e díxolles:

—Recibide o Espírito Santo; a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.

Pero Tomé, un dos doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús. Dicíanlle entón os outros discípulos:

—Vimos o Señor.

Pero el contestoulles:

—Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.

Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e, poñéndose no medio, dixo:

—Paz convosco.

Despois díxolle a Tome:

—Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.

Tomé respondeulle:

—Meu Señor e meu Deus!

Xesús díxolle:

—¿Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!

Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus e, crendo, teñades vida nel.

01 abril, 2021

Tempo de Pascua: 1ª semana



PASCUA

Empezamos o tempo de Pascua, que desde a celebración da Vixilia Pascual nos vai levar durante seis semanas á solemnidade da Ascensión, logo á de Pentecoste, na que celebraremos a presenza do Espírito Santo nas nosas vidas cristiás, na vida de todas as persoas e realidades que hai no mundo.

Durante a oitava de Pascua o Evanxeo de cada día permite aproximarnos á experiencia daquelas persoas que dun xeito sorprendente tiveron a experiencia de que Cristo estaba vivo no medio delas, no medio da comunidade, no medio do mundo. Morrera, pero a morte non lle arrebatara a capacidade de estar no medio dos seus –todo o mundo é seu--, iso si, dunha forma nova, que se percibe cunha sensibilidade nova.

Durante o tempo da Pascua invitarásenos a realizar nos mesmos esa experiencia de encontro con Cristo resucitado; cousa que non é cuestión de ningún tipo de maxia, senón cuestión de estar moi atentas/os á vida de cada día, pois é na vida de cada día onde Xesús se nos amosará a través de pequenos sinais que falan del, que nolo fan presente. Por exemplo, se eu levo tempo sen lle falar a unha persoa veciña, percibo que iso é un atranco para a nosa felicidade, e me dispoño a retomar esa relación, é a vida que trunfa en min, é Xesús que resucita en min, ou eu nel. Ou se estaba deixando de participar en algo comunitario, e vexo que non podo deixar de lado os intereses comunitarios, e me dispoño a volver a botar unha man, é a vida que trunfa en min, é Xesús que resucita en min ou eu en Xesús.

A Pascua é un clamor de vida, un clamor pola vida. A nosa Pascua sempre será unha Pascua parcial, en camiño. Pero é Pascua, porque é gustar xa o fermoso que é vivir, o fermoso que é compartir vida, o fermoso que é traballar para que a vida o envolva todo: natureza, animais, xente. A Pascua realízase sobre todo cando todo o máis fráxil da natureza, dos animais, das persoas, por fóra ou por dentro, é especialmente atendido, e recupera o gozo de vivir e de celebrar a vida. No nome do Deus da vida, que para a vida nos creou e para a vida nos recompuxo en Cristo Xesús.


4 de abril: Domingo de Pascua da resurrección do Señor

Evanxeo: Vigilia Pascual: Mc 16,1-7

Día de Pascua: 1ª lectura: Feit 10, 34a. 37-43
Salmo: 117, 1-2. 16ab-17. 22-23
2ª lectura: Col 3, 1-4

Evanxeo: Xn 20, 1-9.

No día primeiro da semana María a Madalena foi ao sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada. Botou a correr e, chegando onda Simón Pedro e onda o outro discípulo a quen amaba Xesús, díxolles:

—Colleron do sepulcro o Señor e non sabemos onde o puxeron.

Pedro e máis o outro discípulos saíron correndo cara ao sepulcro. Corrían os dous á par. Pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro e chegou primeiro ao sepulcro. Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou. Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou no sepulcro. Viu os lenzos pousados alí. Pero o sudario que envolvera a súa cabeza non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar. Entón entrou tamén ao sepulcro o outro discípulo que chegara primeiro; viu e creu. Pois aínda non entenderan que, conforme a Escritura, era preciso que resucitase de entre os mortos.