31 de xullo: Domingo 18º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Ecl 1, 2; 2, 21-23. Salmo: 89, 3-4. 5-6. 12-13. 14 e 17.
2ª lectura: Col 3, 1-5. 9-11.
Evanxeo: Lc 12, 13-21
Unha vez díxolle a Xesús un que estaba entre a xente:
—Mestre, dille a meu irmán que reparta a herdanza comigo.
El contestoulle:
—Home, ¿quen me nomeou xuíz ou testamenteiro entre vós?
E logo díxolle á xente:
—Atención, gardádevos da cobiza, que, por moito que un teña, non por iso a súa vida depende dos seus bens.
E propúxolles unha parábola:
—As terras de certo home rico déranlle moito froito. Púxose entón a cavilar: “¿Cómo vou facer, que non teño onde meter o froito?” E dixo: “Xa o sei; vou desfacer os meus celeiros e constrúo outros máis grandes e alí meto o trigo todo e todos os meus bens. Logo direime a min mesmo: Amigo, xa tes aí reservas para moitos anos; descansa, come, bebe e a vivir!” Pero Deus díxolle: “Insensato, esta mesma noite váiseche reclamar a túa vida, ¿para quen será todo o que xuntaches?”
Así é quen atesoura riquezas para si mesmo, pero non é rico para Deus.