Evanxeo: Mc 9, 2-10
Comentario:
O relato deste Evanxeo pódenos parecer estraño e algo fantasioso. Está construído polo evanxelista desde unhas referencias, a veces veladas, a veces manifestas, a elementos da tradición relixiosa, espiritual, xudía: o monte, o Sinaí, como lugar de encontro con Deus; os dous personaxes que viviron ese encontro: Moisés e máis Elías; os vestidos radiantes, como lle pasara a Moisés, cando baixara do monte despois de ter experimentado algo da presenza de Deus; a nube como expresión desa mesma presenza, real pero misteriosa; o conforto, a satisfacción, pero tamén o medo de quen goza desa presenza. Deixándonos envolver por estas referencias culturais, teolóxicas, espirituais, podemos comprender mellor toda a fondura desta narración que recollen os evanxeos sinópticos.