28 marzo, 2017

2 de abril: Domingo 5º de Coresma (A)


Evanxeo: Xn 11, 1-45

Comentario:

Antes de nada, empecemos reparando na humanidade de Xesús que se deixa ver neste relato evanxélico: había un home, Lázaro, a quen Xesús quería moito; tamén lles quería moito ás súas irmás, Marta e María; ía visitalos, comía con eles tres, conversaba con elas; cando soubo da morte de Lázaro sentiuno moito, saloucaba, chorou por el, ... Un Xesús normalmente humano, que vivía e sentía as cousas da vida como nós as podemos sentir, e seguro que con moita máis fondura. Este é Xesús, o noso Xesús, o teu Xesús, o meu Xesús, que, na fe, quere establecer con todos e cada un, cada unha, de nós unha relación íntima, unha relación de amigo, para desde aí abrirnos o seu corazón e compartir connosco toda a vida que levaba dentro de si, que era moita. Nunca valoraremos abondo os feitos de trato e consideración coa xente, de convivencia cálida cos veciños e veciñas, con amigos e amigas. Neses intercambios normais da vida de cada día está fluíndo entre nós a graza e a bendición de Deus.

21 marzo, 2017

26 de marzo: Domingo 4º de Coresma (A)


Evanxeo: Xn 9,1-41

Comentario:

Estamos ante un texto no que o evanxelista Xoán presenta unha catequese sobre Xesús coma luz das nosas vidas. É un evanxeo longo, pero precioso; paga a pena que busquemos tempo para lelo con calma, deixándonos enchoupar pola forza, pola vida que del deita. Incluso, podendo, estaría moi ben facer unha lectura dialogada, mesmo dramatizada, do mesmo; gañaría aínda máis en viveza e expresividade.

15 marzo, 2017

19 de marzo: Domingo 3º de Coresma (A)

Evanxeo: Xn 4, 5-42

Comentario:

Lemos hoxe o evanxeo chamado da Samaritana, porque narra un encontro de Xesús cunha muller de Samaria a carón dun pozo a onde Xesús, canso e sedento, se achegara para beber algo. Tradicionalmente foi un relato moi apreciado polas comunidades cristiás. Durante a Coresma, por exemplo, os catecúmenos (homes e mulleres adultas que se preparaban para o bautismo na noite de Pascua) ían recibindo catequeses sobre a presenza e significado de Xesús para as súas vidas. Neste Ciclo A, no que estamos, recupérase algo esa tradición, e durante estes tres domingos antes do domingo de Ramos, lemos os textos do evanxelista Xoán, que servían de base para esas catequeses: o evanxeo da Samaritana (Xesús coma auga que mata a sede das nosas vidas), o evanxeo do cego de nacemento (Xesús coma luz que alumea as nosas vidas) e o evanxeo de Lázaro (Xesús coma vida que nos colma de vida). Todos tres son relatos figurados, non exactamente históricos, construídos coma catequeses para explicar o significado que para as nosas vidas ten, pode ter, atoparnos con Xesús e deixarnos afectar e conmover por el.

07 marzo, 2017

12 de marzo: Domingo 2º de Coresma (A)


Evanxeo: Mt 17,1-9


Comentario:

Na Coresma estamos invitados/as a facer un camiño de acompañamento a Xesús nas súas opcións, nas súas experiencias de vida, no seu estilo de vida, que o foron levando cara a unha situación de conflito coas autoridades relixiosas e civís do seu tempo; e este conflito acabou na morte violenta de Xesús por parte desas autoridades: era evidente que Xesús molestaba para quen quería montar o seu poder sobre o abuso da xente, desinteresándose do respecto polas persoas, deixando de lado aos máis débiles, pobres e pecadores/as da sociedade. Xesús mantívose fiel, ata a morte; amou ata o extremo, non recuou, por fidelidade a Deus e por fidelidade ao pobo a quen Deus tanto amaba. E Deus sentiuse compracido nesta fidelidade de Xesús, aínda que non lle fixese ningunha graza a morte do seu Fillo, como non lle fai ningunha graza a morte, o encollemento, o desprezo de ningún dos seus fillos e fillas que somos nós.

01 marzo, 2017

5 de marzo: Domingo 1º de Coresma (A)


Evanxeo: Mt 4, 1-11


Comentario:

Empezamos un ano máis o tempo de Coresma. Preparámonos para a celebración da Pascua, que é a experiencia de sentir vivo a Xesús, dentro de cada un, cada unha de nós, dentro das nosas casas, dentro da comunidade cristiá, dentro deste mundo noso do que formamos parte. Preparámonos, polo tanto, para a ledicia de Pascua, porque sentir a Xesús vivo no medio de nós é unha alegría. A Coresma é así un tempo penitencial, pero un tempo, por iso mesmo, cargado de esperanza. Coresma non quere dicir tristura, amargura, aflición. Coresma quere dicir revisión da nosa traxectoria cristiá, persoal e comunitaria, para ver onde estamos pouco abertos/as ás chamadas que Deus nos fai desde o corazón da vida, para ver onde non estamos respondendo ao que Deus espera de nós, ao que esperan de nós as persoas que nos rodean, sobre todo as persoas máis necesitadas por seren pobres, marxinadas, pecadoras. Coresma quere dicir tamén abrir a nosa propia pobreza aos coidados de Deus e aos coidados da xente que nos rodea. E así, uns e outros, unhas e outras, medrar en fidelidade a Deus e medrar, por iso mesmo, en felicidade entre nós. A Coresma é a porta da Pascua, a porta da alegría.