25 febreiro, 2021

Tempo de Coresma: 2ª semana


 

28 de febreiro: Domingo 2º de Coresma

1ª lectura: Xén 22, 1-2. 9-13. 15-18
Salmo: 115, 10 e 15. 16-17. 18-19
2ª lectura: Rom 8, 31b-34

Evanxeo: Mc 9,2-10

Un día levou Xesús consigo a Pedro, a Santiago e a Xoán e subiu con eles sos a un monte alto. Alí transfigurouse diante deles, e os seus vestidos viráronse resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar. E aparecéuselles Elías e máis Moisés, que estaban afalar con Xesús.

Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:

—Mestre, que bo sería ficarmos aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías.

El non sabía o que dicía, de tan asustados que estaban.

E formouse unha nube que os cubriu, e dende a nube deixouse oír unha voz:

—Este é o meu Fillo benquerido; escoitádeo.

De se súpeto, mirando ao redor, xa non viron a ninguén, senón a Xesús só onda eles.

Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada do que viran, ata que o Fillo do home resucitase de entre os mortos. Eles gardaron a cousa en segredo, pero preguntábanse entre si que sería aquilo de “resucitar de entre os mortos”.

18 febreiro, 2021

Tempo de Coresma: 1ª semana

 


21 de febreiro: Domingo 1º de Coresma

1ª lectura: Xén 9, 8-15
Salmo: 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9
2ª lectura: 1 Pe 3, 18-22

Evanxeo: Mc 1,12-13

Nunha ocasión o Espírito encamiñou a Xesús ao deserto. Alí permaneceu corenta días, alí o tentou Satanás; vivía entre as feras e servíano os anxos.

Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus, dicindo:

—O tempo está cumprido e chega o reino de Deus; convertédevos e crede na Boa Nova.

15 febreiro, 2021

Tempo de Coresma

 


CORESMA


Co mércores da cinza comezamos o tempo da Coresma. Temos por diante corenta días de preparación para a Pascua, que é a celebración do triunfo da vida en Xesús de Nazaré e tamén o triunfo da vida nas nosas existencias humildes, e na comunidade e pobo do que formamos parte.

Na Coresma Deus invítanos a baleirarnos para nos poder encher del e do seu Espírito.

Na Coresma Deus invítanos a compartir a nosa presenza, palabra, tempo, cartos, empobrecéndonos algo para que outra xente medre na vida coa nosa axuda.

Na Coresma Deus invítanos a descubrir unha maneira nova de nos relacionar coa xente, véndoa en todo coma irmá e non como rival ou competidora.

Na Coresma Deus invítanos a descubrir a ledicia que dá o pouco, o pequeno, o simple, e ofrécenos, polo tanto, unha maneira nova e accesible de ser persoas felices.

Na Coresma Deus invítanos a ollar con paz e con esperanza para nas nosas propias vidas, aínda que receemos facelo por mor das trapalladas que ás veces nos consentimos.

Na Coresma Deus invítanos a ollar para a xente do noso redor, para decatarnos de que vivimos grazas aos demais, e de que os demais tamén vivirán grazas a nós, se non nos negamos a esta preciosa correspondencia.

Na Coresma Deus invítanos a ollarnos con tenrura e a ollar con tenrura tamén a toda persoa que se cruce connosco na vida.

Na Coresma Deus invítanos a gozar e medrar dando e recibindo perdóns.

Na Coresma Deus invítanos a tomar en serio a construción da sociedade na que vivimos, pois diso depende que moita xente máis humilde poida vivir con dignidade.

Na Coresma Deus invítanos a serenarnos e acougar, a atoparnos connosco e con el na soidade compartida.

Na Coresma Deus invítanos a andar con humildade pola vida, confiad@s na forza de ben que Deus gratuitamente nos ofrece.

Na Coresma Deus invítanos a contemplar o espertar da vida na natureza e a acompañala e protexela sempre.

Na Coresma Deus invítanos a saír das nosas casas para visitar a xente veciña e levarlle algo de compaña e calor.

Na Coresma Deus invítanos a volver a falarlle a aquela persoa á que, polo que sexa, lle deixei de falar.

Na Coresma Deus invítanos a cabrearnos contra a inxustiza e a envolver en paz os nosos cabreos.

Na Coresma Deus invítanos a sentirnos viv@s, libres, alegres, esperanzad@s.

Na Coresma Deus invítanos a ollar con alma de discípul@ para o mestre Xesús que vai sempre diante ou ao lado abríndonos o camiño.

Fratelli tutti: oración 3 capítulo

 


PREGARIA 
(Capítulo 3 da encíclica)

Pensar e xestar nun mundo aberto
 
Manuel Regal Ledo


“Vede que vos mando como ovellas entre lobos.
Así que sede prudentes coma as serpes
e sinxelos como as pombas” (Mt10, 16).

O don da prudencia, Xesús.
Prudencia que pide pensar e xestar,
aclarar cal é a nosa meta
e os pasos que nos permitirán chegar a ela.

O don da sinxeleza, Xesús,
para non enredarnos no que nos distraia do obxectivo,
para ir ao corazón das cousas,
ao único necesario, ao único imprescindible.

Bendito ti, Xesús,
mestre coa palabra e cos feitos,
que alumas os nosos pasos na difícil arte do amor!

Ao teu lado aprendemos
que vivimos realmente
cando saímos de nós en relación amorosa;
na medida en que nos baleiramos
para que a vida floreza ao noso redor..

Invítasnos a non ter medo
na máis grande aventura humana
que é saír diariamente de nós,
abrir o corazón,
sen recear ampliar sen medida o círculo da propia existencia.

Que o amor, só o amor,
fai posible unha amizade social
aberta a todo o mundo, sen exclusión ningunha,
nin de persoas nin de pobos.

Investir na fraxilidade!
“Coidadiño con desprezar a unha destas criaturiñas!” (Mt 18, 10)
Facernos como persoas e pobo propiedade comunal!
“Tomade e comede, isto é o meu corpo!” (Mt 26, 26).

Ao teu lado, Xesús, sempre ao teu lado,
para non xogar co amor,
para non diluílo en intimismos estériles.
Ao lado da xente máis marxinal, amigando con ela,
para atopar na crúa realidade das súas vidas
a luz e a forza imprescindible
que nos leve limpamente ao esencial: amar.




10 febreiro, 2021

Tempo Ordinario: 6ª semana

 



14 de febreiro: Domingo 6º do tempo ordinario

1ª lectura: Lev 13, 1-2. 44-46. Salmo: 31, 1-2. 5. 11
2ª lectura: 1 Cor 10, 31—11,1

Evanxeo: Mc 1, 40-45

Unha vez achegouse un gafo (leproso) a Xesús e rogoulle de xeonllos:

—Ti, se queres, pódesme limpar.

Xesús, estremecido, estendeu a man e tocouno, dicindo:

—Pois quero, queda limpo.

E no instante desapareceulle a lepra, quedando limpo. E despediuno e, poñéndose moi serio, mandoulle:

—Mira, non lle vaias dicir nada a ninguén; preséntate ao sacerdote e fai pola túa purificación as ofrendas mandadas por Moisés, para que lles conste.

Pero, mal se foi, aquel home botouse a pregoar a nova, espallándoa de tal xeito que Xesús xa non podía entrar en vila ningunha, senón que quedaba fóra, nos arredores apartados. Pero aínda así acudían a el de todas as partes.

04 febreiro, 2021

Tempo Ordinario: 5ª semana


7 de febreiro: Domingo 5º do tempo ordinario


1ª lectura: Xob 7, 1-4. 6-7. Salmo: 146, 1-2. 3-4. 5-6
2ª lectura: 1 Cor 9, 16-19. 22-23

Evanxeo: Mc 1,29-39

Un día, despois de saír da sinagoga, Xesús foi á casa de Simón e máis de André con Santiago e Xoán. A sogra de Simón estaba na cama con febre e axiña lle falaron dela. E, achegándose, colleuna pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos.

Chegada a tardiña, xa de sol posto, leváronlle todos os enfermos e endemoñados; a vila enteira se amoreou na porta. E sandou a moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demos. Pero aos demos non os deixaba falar, porque o coñecían ben.

Moi cedo, aínda de noite, Xesús ergueuse e saíu para un lugar arredado onde se puxo a orar. Simón e máis os que estaban con el fórono seguindo e, cando o atoparon, dixéronlle:

—Todos te andan a buscar.

El respondeulles:

—Vaiamos a outro sitio, ás aldeas veciñas, para que tamén alí se predique, pois para isto vin.

E marchou e ía predicando nas sinagogas por toda Galilea e botando fóra os demos.

02 febreiro, 2021

Fratelli tutti: capítulo terceiro

 



CAPÍTULO TERCEIRO

PENSAR E XESTAR UN MUNDO ABERTO

(tradución de Nuria Núñez)


Guía para a lectura por Andrés Torres Queiruga

Eu tiven un profesor que nos aconsellaba empezar a lectura do libro polo índice: cando está ben feito, serve de orientación estupenda. Paga a pena facelo con este capítulo da encíclica.

O principio radical é: só somos de verdade nós mesmos, se nos abrimos e, no posible, nos entregamos aos demais.

Aos que están preto para non caer en idealismos: trato na familia, cos veciños, cos grupos aos que pertencemos.

Aos que están lonxe na xeografía, ou apartados, necesitados na sociedade, para non confundir amor con solidariedade de tribo: só me interesan “os meus”, na clase social, na política, na relixión.

Fratelli tutti: fillas e fillos do único Pai, todas as persoas humanas somos irmáns e irmás e so cremos de verdade en Deus se cremos de verdade, é dicir, con verdadeira fe, nos irmáns

As necesidades das persoas non son só materiais. Están tamén: 1) o cariño, o respecto, a compaixón co próximo so noso lado e 2) o ambiente moral, o testemuño relixioso e a confesión explícita da fe son hoxe moi necesarios e nada fáciles, fronte á moda, ao que loce, ao que se aplaude.

Penso que tomar como guión estas ideas e ir examinando como están presentes e se realizan na nosa vida, pode ser unha boa “guía de lectura” para todos nós.