venres, 20 de decembro de 2013

1º Encontro do curso 2013/2014



Toma de conciencia

Cantiga:

Mira, meu Deus,
aquí estou para quererte,
estas mans, estas mans para servirte
en quen máis precise delas.

Signo: “Todo é relativo, menos Deus e a fame”.
(bispo Casaldáliga)

Cantiga de Mercedes Sosa: SÓLO LE PIDO A DIOS



QUE NADA NA VIDA, MEU DEUS, NADA,
QUE NADA NA VIDA ME SEXA NUNCA INDIFERENTE

Que a inmigración non me sexa indiferente
cos seus rostros curtidos en pobrezas,
coa súa ollada esperanzada e fervente.

Que a marxinación nosa non me sexa indiferente,
nomes e vidas coñecidas, resignadas ou amargas,
á espera dunha man alongada e quente.

Que o gran drama da crise non me sexa indiferente
coas súas acedas consecuencias e ensinanzas
sobre o vivir e o non vivir da xente.

Que África non me sexa indiferente,
moreas de persoas, de bens e de promesas,
afogadas, espoliadas descaradamente.

Que Galicia non me sexa nunca indiferente
coa súa lembranza histórica, coa súa fala,
coa súa verdade fonda e silente.

Que o cárcere non me sexa nunca indiferente,
misterio de vidas en suspenso e en suspense,
clamor de amor, de solidariedade creativa, ardente,

Que a aldea non me sexa nunca indiferente,
cruces e glorias en desconcertante mestura,
o sinxelo, o humilde, o pequeno, gratuitamente.

Que a Boa Nova de Xesús non me sexa indiferente,
co seu poder alternativo, humilde, servidor,
para encher de vida a crentes e non crentes.

Que a natureza non me sexa indiferente
coa súa capacidade de vida e de mantenza,
ameazada polas teimas do mercado, friamente.

Que a causa palestina non me sexa indiferente,
co seu particular gulag de horror e espanto,
ao abeiro do noso silencio compracente.

Que ti, meu Deus, non me sexas nunca indiferente,
a pesar da incoherencia de quen che canta,
a pesar da miña propia cegueira impenitente.

Que ningún rostro humano me sexa indiferente,
co seu camiño propio, de po e lama, fráxil,
que nada, meu Deus, nada,
me sexa nunca indiferente,
e que a morte non me colla
sen ter feito o suficiente.


Evanxeo:

Mt 25,40: “Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos fixéstelo comigo”.

Mt 25,45: “Asegúrovos que canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a min”.

Preces: 

  • Noso Pai 
  • Bendición mutua: "Eu proclámote bendito/a, no nome do Pai, e do Fillo e do Espírito Santo"


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.