xoves, 30 de abril de 2015

3 de maio: Domingo 5 de Pascua (B)



Evanxeo: Xn 15, 1-8


Comentario:

O Evanxeo que hoxe lemos forma parte da longa conversa habida entre Xesús e as persoas que o acompañaban despois da cea de despedida polos días da Pascua. Estamos ante unha fonda reflexión espiritual, mística, que o evanxelista Xoán pon en boca de Xesús intencionadamente. Que pretendía facer Xoán? Que pretendía expresar a comunidade da que Xoán formaba parte? Fondamente afectados, afectadas, pola persoa e o estilo de vida de Xesús, os seus seguidores e seguidoras preguntáronse cal era, cal podía e debía ser a relación que os membros da comunidade cristiá mantiñan con Xesús. Unha pregunta vital, non teórica, que sería bo que se fixese calquera comunidade cristiá, tamén a nosa hoxe, calquera cristián ou cristiá. Que lugar ocupa Xesús na nosa vida? Que papel xoga na nosa existencia diaria?

Para responder a esta pregunta, o Xesús de Xoán bota man dunha imaxe que, aínda que algo modificada, enlaza cun antigo tema da espiritualidade do pobo de Israel: a viña, a cepa, o viñateiro, os froitos. Xoán compón o seu relato como adoita facer sempre: partindo dunha imaxe primeira, vai abrindo aspectos derivados, que permiten afondar, neste caso, nas posibilidades, na eficacia da nosa relación con Xesús.

Permanecer en Xesús, que Xesús permaneza en nós, é o punto de partida imprescindible para o que se pretende: dar froito de vida e de xustiza que cualifique as nosas vidas e que glorifique a Deus. Como se realiza iso de permanecermos en Xesús e no seu estilo de vida, como se realiza iso de que Xesús mesmo, a súa palabra, o seu estilo de vida, permaneza en nós? Non é tan complicado responder, abonda con observar o estilo de vida de Xesús, e ver se o noso estilo de vida ten aproximacións e continuidade co que el dicía e vivía. Ser unha prolongación de Xesús no nosos tempo, no Espírito, é a clave dun bo seguimento, e é a garantía de que toda a forza de boa nova de Xesús prende en nós, e, a través noso, nas cousas e nas persoas que nos rodean. Estámolo sendo?

A vitalidade, os froitos, a eficacia no ben e na xustiza, a forza de fraternidade real nas relacións entre persoas e nas estruturas da sociedade, todo isto non depende de nós; de todo isto nós non somos a fonte e a garantía. A fonte, a garantía tena o Pai, tena Xesús; a nós tócanos engancharnos a Xesús, para que a corrente de vida, de rebeldía, de loita, de paz, de ledicia que deita del, se espalle pola nosa vida e ao noso arredor, iluminándoo todo, sosténdoo todo, recuperándoo todo, renovándoo todo. Sabemos apoiarnos, confiarnos, descansarnos en quen o sustenta todo con tenrura e paixón? Sabémoslle deixar facer nas nosas vidas, na vida das nosas comunidades?

As primeiras comunidades cristiás entenderon deseguida que todo isto non era doado, que os fallos dos seus membros eran frecuentes, e que, polo tanto, era necesaria unha labor de revisión, de rectificación, de purificación. Era necesario andar en humildade da boa, para que a vinculación con Xesús fose recia, forte, contundente, e se garantise así que o seu estoupido de vida e de liberdade nos contaxiase a todas, a todos.

Non podemos soñar cunha vinculación limpa e forte con Xesús, con Deus, se no noso día a día non establecemos vinculacións limpas e fortes coas persoas que a diario acompañan a nosa existencia. E, sobre todo, non podemos soñar cunha vinculación limpa e forte con Xesús, con Deus, se no noso día a día non establecemos vinculacións limpas e fortes, comprometidas en corpo e alma, en euros e intencións, coas persoas pobres, cos grupos sociais que, por exemplo, se están vendo dramaticamente zarandeados pola crise que estamos vivindo. Permanecer, fidelidades, entronques sólidos..., algo marabilloso, que dá sentido e valor a unha existencia. Andamos nós nestas cousas? A elas nos convoca o Xesús do evanxeo de hoxe.


Preces:

QUE PERMANEZAMOS EN TI, XESÚS,
PARA LEVARMOS FROITOS ABONDOSOS.
  • Apegadiños/as a ti sempre, Xesús, coma a vara á cepa da que recibe vida. Oremos.
  • Deixando cuestionar o noso estilo de vida polo estilo de vida que ti tiñas e que vemos nos Evanxeos. Oremos.
  • Acolléndote, agradecéndote, amándote, servíndote nos máis débiles da comunidade, da sociedade, que é nos que máis claro te nos presentas. Oremos.
  • Establecendo lazos sólidos coas persoas, superando relacións de banalidade, vinculándonos, interesándonos polas persoas que se cruzan na nosa vida. Oremos.
  • Para sermos froito bo, gozo e proveito para as persoas da casa, da parroquia, da comunidade. Oremos.
  • Para que a nosa comunidade, o noso pobo medre algo con nós en vida e liberdade, como medrou con Xesús. Oremos.



Pregaria:

Grazas, Pai,
porque nos queres sólidos e consistentes,
por amor.

Grazas,
porque nos queres cheos de froitos de vida e de ben,
por amor.

Grazas, Pai,
porque nos ofreces a persoa e a vida de Xesús,
por amor.

A farmacéutica Sofia Tzitzikou, revisa os pedidos
de menciñas (Rita Álvarez Tudela) 
Grazas
pola corrente de vida e de liberdade que el nos garante,
por amor.

Grazas, Pai,
polas correccións que nos cheguen de calquera lado,
por amor.

Grazas
por todo o que nos fai medrar e consolidarnos,
por amor.

Grazas, Pai,
pola comunidade, pola parroquia, polos máis débiles,
por amor.

Grazas,
porque día a día a xente débil evita que fantasíe contigo,
por amor.

Grazas, Pai,
polas chamadas que me fas desde a vida,
por amor.

Grazas,
porque nos queres solidamente irmandados/as en ti,
polo amor.


Signo:
  • Unha cepa, con ramas e acios de uvas.
  • Un cesto de uvas.
  • Froitos de xustiza: pan para pobres, menciñas para enfermos, escolas, vivenda...


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.