mércores, 10 de xuño de 2015

14 de xuño: Domingo 11 do tempo ordinario (B)



Evanxeo: Mc 4, 26-34


Comentario:

Podemos imaxinar a Xesús con aquela ilusión vivísima porque as cousas todas da xente se fosen desenvolvendo en conformidade coa vontade de Deus; é dicir, na verdade, na inocencia, na xustiza, na misericordia, tanto nas relacións persoais como nas relacións entre os pobos. E, ao tempo, podemos ver a Xesús ollando para aquel grupiño de discípulos e discípulas, poucos en número, aparentemente entregados á súa causa, pero tamén moi covardes e negados para entender e vivir conforme Xesús lles ensinaba coas palabras e coa vida. Xesús mesmo houbo de matinar moito niso, houbo de dubidar de a onde ía chegar con aquel pequeno grupo, houbo de rezar tendo en conta esa situación. As dúas breves parábolas do evanxeo de hoxe poden ser o froito das súas matinacións, dúbidas e pregarias.

Podemos imaxinar tamén as mesmas primeiras comunidades cristiás, poucas en número, sen moitas seguridades interiores, perseguidas por uns e por outros, aínda que, iso si, mantendo o soño de Xesús, que tampouco acababan de ver moi claro. Á forza houberon de recordar as palabras de Xesús, estas dúas parábolas pequeniñas que tanto consolo lles habían dar. Consolo e confianza. Eran pouca cousa, é certo, os seus recursos eran cativos; comparados cos movementos relixiosos e políticos que había ao seu redor, non eran ninguén. Pero así son as cousas de Deus, cando de verdade son de Deus: semente que medra, porque o seu vigor non depende de nós, senón de Deus que responde del; semente pequeniña, da que ninguén espera gran cousa, pero que medra e medra ata acubillar nas súas gallas os paxaros; e os paxaros ben poden ser o símbolo da fermosura, da liberdade, de quen necesita refuxio e amparo. Xesús fóra aquela semente pequeniña. E aquelas primeiras comunidades cristiás seguíano sendo; ou nesa esperanzas se querían fortalecer recordando as palabras de Xesús.

Que nos pasa a nós coas nosas parroquias, coas nosas comunidades cristiás? Tanto que ollemos para as das vilas e cidades como que reparemos nas das aldeas, hai acordo común en que, con diferenzas, claro, somos comunidades cristiás moi débiles, moi pouca cousa; somos un rabaño pequeniño en número e escaso en alentos. Mesmo hai quen di que moitas delas están chamadas a desaparecer. Que fixemos do soño de Xesús? Pois moitas veces convertémolo nunha serie de ritos relixiosos, que simplemente nos dan un chisco de tranquilidade por aquilo de que podemos dicir que cumprimos con Deus, pero pouco máis. As persoas que van á Misa os domingos, que non son moitas, oímos o Evanxeo, pero as nosas vidas séguense desenvolvendo coas rutinas de sempre, sen diferenciarse moito das vidas de quen nin vai á Misa nin se considera crente.

Ante isto igual nos acosa a tentación de renunciar á comunidade cristiá, de abandonar o seguimento de Xesucristo, de facer a vida ao noso aire e punto. Entón é Xesús quen se nos presenta con dúas parábolas para devolvernos a paz e a esperanza, e, con elas, as ganas de sacarlle máis forza, gozo e proveito á nosa condición de persoas cristiás, xente seguidora de Xesús. Igual non todo é tan mouro como parece. Igual nas vidas das persoas hai correntes de inocencia, de solidariedade, de servizo, que nin sequera nos imaxinabamos, e que xustamente en tal ou cal ocasión, se me fixeron manifestas. É a semente do Reino que poida que medre entre a xente que é relixiosa e cumpre coa relixión, pero poida que medre tamén en persoas que non o son, nin pisan unha igrexa. As cousas de Xesús sempre saben a acollida, a alento, a liberdade, a misericordia, a compartir bens e dereitos, a esforzo, a resistencia. Calquera pequeniña cousa que fagamos en liña co estilo de Xesús nunca quedará sen froito. Ao seu tempo frutificará.

Neste sentido é bo mirar tamén ao que pasa noutros ámbitos da nosa vida, onde pode ser que nos atopemos igualmente con medos e con tentacións de abandono. Hai situacións familiares moi desfeitas, pero con fiíños de agarimos que son a semente pequena agochada; hai un mundo rural que ameaza afundimento, pero hai moita xente –pequenas sementes-- apostando pola súa valía e o seu futuro; hai moita corrupción política, pero hai partidos novos que se están embarcando na rexeneración do político cal sementes pequenas; hai un imperio da banca e das finanzas que oprimen o mundo, pero hai moita xente que opta por compartir e pola solidariedade. Pequenas sementes ameazadas de desalento, tras das cales Deus quere poñer o seu alento.

Na Eucaristía do domingo Xesús sementa no noso corpo, no noso espírito, a semente diminuta do seu corpo entregado para paz e crecemento das nosas vidas, e régaa co seu sangue de liberdade.


Preces:

QUE FRUTIFIQUE EN NÓS, SEÑOR, A TÚA SEMENTE
  • Que sexamos humildes e constantes en facer o ben, en seguir o camiño de Xesús. Oremos.
  • Que quen loita por unha sociedade, por un mundo máis humano, máis solidario, máis xusto non perda nunca a súa fe, a súa esperanza. Oremos.
  • Que os Concellos todos que hoxe se constitúen en Galicia, en España, se convertan en boa semente de convivencia e en amparo privilexiado para os máis débiles da sociedade. Oremos.
  • Que aprendamos a querer e coidar a nosa comunidade cristiá, a nosa parroquia, por moi fráxil que nos pareza, e precisamente por iso. Oremos.
  • Que non sexamos derrotistas nin contribuamos a iso; que todo o mundo encontre nas comunidades cristiás unha fonte de ilusión e de esperanza. Oremos.


Pregaria:

Tranquilo, tranquila,
confía,
estás en boas mans.

Es pequeniña
coma semente pequeniña,
pero estás en boas mans.

Non sabes o que se coce no teu interior,
as enerxías profundas e simples
que te constrúen momento a momento,
pero estás en boas mans.

Pasea, descansa,
acouga, durme,
estás en boas mans.

Esperta, érguete,
espabila, traballa, loita,
estás en boas mans.

Ti es a terra fértil,
na que o Espírito botou a semente do Reino,
estás en boas mans.

A túa parroquia, toda, sen excepción,
tamén é terra fértil sementada por Deus,
estades en boas mans.

O mundo enteiro é a inmensa parcela
onde prende, medra, florece, frutifica o Espírito,
estades en boas mans.

Olla cos ollos mesmos de Xesús,
penetra e descubre como el o facía,
a presenza diminuta e eficaz do Espírito,
estamos en boas mans.

Alégrate pola semente pequeniña,
Xesús mesmo,
que medra e medra
para dar sempre sombra, respiro, amparo
a ti e a todos os teus irmáns e irmás.

Alégrate de seres ti tamén,
en Cristo, coma el, canda el,
semente pequeniña,
que medra e medra,
para dar acubillo a quen precise amparo.

Que non te cegue o grande,
en ningunha das súas formas.
Déixate conmover polo pequeno,
polo humilde, polo calado.

Confía.
Confía.
O Espírito non o ves,
pero está.
Contacta con el,
déixate arrastrar por el.

Pequeniño rabaño,
canto Deus te quere!

Confía,
estás en boas mans,
en moi boas mans.
Deus conta contigo.


Signo:
  • Unha semente pequeniña.
  • Unha terra, na que medran plantas de diferente tamaño, cor e froitos.
  • Un neniño ou neniña, un ancián ou anciá, como representación do pequeno.
  • Un Pleno Municipal onde se debaten moitas cousas de consideración coa xente máis débil.
  • Unha barcaza chea de xente inmigrante africana.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.