luns, 15 de xuño de 2015

Carta en busca 2015


 “O amor é a meta última e máis alta á que pode aspirar o  home…”
Viktor Frankl, “El hombre en busca de sentido” (Herder, España, 2007)
Neurólogo e psiquiatra na Universidade de Viena, 
Viktor Frankl (1905-1997) foi prisioneiro do réxime nazi.


DA BUSCA DA PAZ INTERIOR
A UNHA AMABILIDADE COMPROMETIDA

Será posible que a Humanidade atope un “tempo de paz”, se no íntimo do noso corazón non vivimos pacificados?

O tempo presente preséntase incapaz de fomentar confianza e bondade de corazón no ser humano. O temor, o individualismo e a ambición dominan todas as relacións humanas, a nivel persoal e tamén estrutural, no interior das sociedades. Vivimos nunha época que parece contraria a unha reconciliación interior (1).

A busca da paz interior esíxenos un ollar ao máis profundo de nós mesmos… mais este ollar ten que ser construído “sen máscaras”, suxírenos Thomas Merton, apuntando que só así será posible desvelar que aquilo que “nos quenta é o lume, non o fume” (2). Ou sexa, un ollar que nos solicita unha escoita da nosa propia esencia; unha escoita que esixe cavar fondo o que nos habita, tantas veces desfigurado polo fume que nos envolve.

Este desafío, condición insubstituíble para unha mudanza de corazón, non nos require recriminacións ou xuízos de valor de calquera orde sobre a nosa vida. Trátase de coñecernos, de espirnos, aceptando o que somos e como o somos. Porque é na escoita que o ollar se vai adestrando en recoñecer as nosas raíces, até chegar á comprensión de que somos fraxilidade e nela vivimos (3).

Experimentada na fidelidade a nós mesmos, a busca da paz interior sempre nos remitirá ao “Absoluto Invisible” que nos habita, sexan os que fosen os camiños que cada unha e cada un decidiran percorrer. No fondo, trátase dunha inquietude que “desperta o noso corazón” e nos torna “vixiantes para renunciarmos a todo o que nos poda alienar”, non permitindo “que nos instalemos na mediocridade” (4). E esta inquietude nos orientará inevitablemente a un proceso de mudanza; non de conversión a unha doutrina ou ideoloxía, senón ao encontro do lume que nos quenta: o noso verdadeiro SER ... (5).

Esta inquedanza, pouco a pouco, suscitará no máis profundo do noso SER unha atención e apertura…, ou sexa, unha interpelación que nos conduce o ollar interior cara o exterior, cara a vida que acontece e da cal somos tamén acontecemento.

A partir deste encontro co noso corazón xamais nos será posible permanecer inmobilizados, indiferentes diante da realidade. Comezamos a vivir conscientes “de que o que pode paralizar ao ser humano é o escepticismo ou o desánimo” (6). Como o monxe cisterciense Carlos María Antunes sinala: “Cando vivimos dende o corazón xorde a novidade, porque a atención propia do corazón remítenos constantemente para o presente. E este é sempre novo, porque é un fluír constante” (7).

É a partir do ollar do corazón que nos tornamos “artesáns de paz, mulleres e homes de compaixón” (8). E así descubriremos a beleza profunda de cada ser humano, asumindo decisións de amabilidade comprometida, das cales han de xermolar novos camiños de confianza. Dunha confianza que non se transforma en aventura sen futuro, mais si en decisións capaces de traspoñer os desertos da indiferenza, a escaseza de actitudes humanizadoras…

Non se trata de entregar a nosa liberdade a calquera “destino”, mais si de ensinar aos nosos corazóns que o camiño individualista como itinerario de felicidade é unha ilusión. Soamente dunha amabilidade comprometida poderá nacer un “tempo de paz”, dunha xenuína hospitalidade e dunha gratuidade total.

E, entón, nada máis nos restará senón o Amor…

(1) “O home que non ten paz consigo mesmo necesariamente proxecta a súa loita interior na sociedade onde vive, difundindo o contaxio do conflito a todos que o rodean,” recórdanos Thomas Merton (1915-1968). Aínda máis, o monxe cisterciense que non se deixou prender por un ollar superficial sobre a Humanidade, confiadamente subliñou: “Por máis que poda parecer que o home e o seu mundo están en ruínas, e aínda cando poda asustar o desespero do home, mestres este continúe a ser home, a súa propia humanidade continuará a afirmarlle que a vida ten sentido.” “Los hombres no son islas”, Sudamericana Editorial, Buenos Aires, 2000 (versón transcrita: “Escritos Esenciales”, Sal Terrae, Santander, 2006)
(2) “Escritos Esenciales”, Sal Terrae, Santander, 2006
(3) Asumir a nosa fraxilidade non pode ser entendido como un infortunio inevitable, senón que, naturalmente, a condición humana non nos posibilita unha permanente resposta consciente e ética en todas as circunstancias da vida.
(4) Da reflexión do irmán Aloïs, prior da Comunidade de Taizé, na oración da noite de 5 de Xullo de 2012
(5) Thomas Merton comenta que o proceso de mudanza de corazón non pide ser unha busca da perfección, mais “unha apreciación intuitiva da propia realidade interior”, do noso verdadeiro SER, como camiño que nos posibilitará “aprender a vivir como persoa humana unificada.” “Escritos Esenciales”, Sal Terrae, Santander, 2006
Neste proceso de mudanza de corazón podemos sentir como necesidade vital ser escoitados. É moitas veces necesario que confrontemos con alguén sentimentos negativos ou a imaxe deformada de nós mesmos. Quen xa foi escoitado con afecto e amabilidade recoñece o conforto interior que é poder desvelar a bondade que habita os nosos corazóns.
(6) Irmón Roger de Taizé, “Vivir para amar – Palabras escollidas”, Paulinas, 2010
(7) “Só o Pobre se faz Pão”, Paulinas, 2013
(8) Da reflexión do irmán Aloïs, prior da Comunidade de Taizé, na oración da noite de 14 Xullo de 2011


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.