23 xuño, 2017

25 de xuño: Domingo 12º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 10, 26-33

Comentario:

Xesús, o evanxelista Mateu, fálalle neste Evanxeo a unhas comunidades cristiás que están tendo dificultades serias por pretender vivir neste mundo co estilo de vida de Xesús, coa súa fe inquebrantable en Deus, coa súa aposta decidida pola honradez en toda hora, coa súa firme disposición de se situar sempre do lado da xente máis pequena e humillada. Estas palabras tamén se nos dirixen a nós hoxe, porque nós formamos unha comunidade cristiá que, en principio, temos que afrontar as dificultades de vivir coma cristiáns no medio de moita outra xente á que non lle importa nada ser cristiá. Pero podiamos empezar preguntándonos isto: estamos tendo algún tipo de dificultade, de conflito no medio do mundo no que vivimos, por sermos persoas cristiás e actuar coma tales? Ou é que estamos tan adaptados en todo aos criterios deste mundo, que non desentoamos en nada, que non cuestionamos nada, que non entramos en conflito con nada, con ninguén, que por nada sufrimos ningún tipo de desprezo ou persecución? Como somos nós, como é a nosa comunidade cristiá? Sufrimos algún tipo de persecución por causa do Evanxeo de Xesús? Como nos manexamos con eses conflitos?

Cristiáns perseguidos. ©ReligiónDigital
As dificultades, as persecucións, os conflitos, poden vir por moitos lados, se somos xente que nos afianzamos no noso estilo de vida cristián. Seguindo a Xesús, tendo en conta o tipo de conflitos que el tivo no seu momento, podiamos tamén nós pensar no tipo de conflitos polos que poderiamos pasar se actuásemos vivamente coma xente cristiá, coma seguidores de Xesús. Xesús tivo conflitos coas autoridades relixiosas, porque para el a persoa humana estaba por riba dos intereses relixiosos, fosen os que fosen, e non ao revés. Tivo conflitos con quen lle botaba en cara ao seu apego pola xente débil, pecadora, marxinal, cousa que para el era algo realmente sagrado. Tivo conflitos coas autoridades relixiosas que facían do culto un negocio e non un espazo de encontro libre e curador con Deus. Tivo conflitos con quen entendía que triunfar na vida era ter poder, mando, dominio, e non ser servidor, o máis servidor de todos. Tivo conflitos con quen nin se deixaba perdoar nin perdoaba, pechando portas ao redor de si, sobre todo á xente máis débil. Tivo conflitos con quen lle pedía postos, privilexios, enchufes, e nos entendían que ese é precisamente o estilo do mundo. Tivo conflitos con quen facía da comunidade un lugar de diferenzas, que fala de pais, mestres, dirixentes, xerarquías, e non un lugar de pura e dura fraternidade. Tivo conflito cos poderes políticos, porque formaban parte do sistema que explotaba a xente débil. Estes e outros campos de conflito vividos por Xesús poden iluminar os nosos conflitos actuais, pódennos axudar a estar neste mundo coa conciencia de Xesús.

O evanxeo de hoxe pon á nosa disposición algúns criterios, algunhas actitudes, coas que enfrontarnos a esas dificultades ou conflitos. A primeira sería dicir con franqueza, con afouteza, a plena luz o que no silencio persoal e comunitario fomos aprendendo de Xesús e dos seus seguidores e seguidoras. Sen medo, con humildade, pero sen medo, non tanto baseados na nosa propia sabedoría, senón baseados na luz do Espírito que nos acompaña sempre. Iso si, sen querer substituír o Espírito polas nosas propias ideas, polos nosos propios manías.

Outro criterio sería o de saber diferenciar ben entre o que mata o corpo e o que mata o espírito, é dicir, o que acaba co conxunto da persoa e fai dela un farrapo. Normalmente estamos sempre moi atentos ao que nos fai mal no corpo: os cartos, a posición, a aparencia social, pero deixamos máis de lado o que prexudica o espírito: a formación, a integración social, a igualdade de oportunidades e valoracións, a sensibilidade polo débil, a solidariedade, a falla de honradez, o desinterese pola propia coherencia, etc. Estas cousas pódennos meter nun verdadeiro inferno, xa nesta vida.

Outro criterio para nos manexar ben coma cristiás no medio das dificultades desta vida sería o da confianza máis absoluta en Deus. Seremos pouca cousa, pero estamos nas mans de Deus. Cústanos abrirnos a esta confianza total en Deus. Enchémola de tantas reservas, que Deus acaba quedando aí a un lado, como algo que en teoría dicimos que conta, pero en realidade facemos todo como se Deus non existise, contando soamente coas cartas que nós mesmos temos na man. E Deus non falla, cando nel poñemos todas as nosas confianzas. E incluso, así o podemos dicir baseados no mesmo Xesús, tampouco nos falla el, cando nós nos esquecemos del.

A Eucaristía é o momento de asolagarnos no Corpo e no Sangue de Xesús, no seu estilo de vida, no seu Espírito; un lugar onde sacar forzas para desenvolvernos logo na vida con humildade e valentía, sen ir de chulos polo mundo, pero tampouco sen nos encoller, como se o de Xesús non valese para nada.

Preces:

NON TEÑAMOS MEDO, NON TEÑADES MEDO
  1. Que non nos encollamos ante os poderosos que queren facer deste mundo a súa finca particular, xogando coas nosas vidas. Oremos.
  2. Que vivamos co convencemento de que Deus vai sempre connosco poñendo paz e alento nas nosas vidas. Oremos.
  3. Que non nos encollamos ante as dificultades por atopar unha saída para o mundo rural e a xente que nel quere facer vida digna. Oremos.
  4. Que sexamos valentes ante os problemas concretos polos que podemos estar pasando, que saibamos rezar e aconsellarnos para vivilos e resolvelos ao estilo de Xesús. Oremos.
  5. Que saibamos coidar o corpo e o espírito, buscar medios de vida e aprender a compartilos con quen carece deles. Oremos.

Pregaria:

Quero confiar en ti, meu Deus,
como dicía Xesús,
como facía Xesús.

Un pequeno concello alemán de 100 persoas
acollerá a 1.000 refuxiados. ©AFP 2017 / Armend Nimani
Quero vivir na seguridade
de que nada cae nin se ergue
sen o consentimento do Pai,
sen a súa olla atenta,
sen o seu corazón solidario,
sen a súa oferta de total esperanza.

Quero vivir na confianza plena
de que todo o meu,
todo o de cada un dos meus irmáns e irmás,
todo o da comunidade,
todo o do mundo
está en moi boas mans,
está nas túas mans, Pai.

Nin o paxariño máis cativo
cae ao chan sen o acompañamento amoroso de Deus!
E como non vai mirar Deus
con amor comprometido
por quen somos os seus fillos e fillas!
Ata os pelos todos das nosas cabezas
están contados solicitamente
--dicía Xesús de forma ben gráfica!

Quero vivir na confianza, meu Deus,
na confianza que só ti es capaz de xerar.
Quero vivir sen medos,
na valentía humilde que só ti es quen de facer xurdir.

Señor, Señor,
polo teu amor!


Signo:
  • Uns paxariños.
  • Os pelos da cabeza dun home ou muller.
  • A situación desesperada duns refuxiados.
  • Cristiáns perseguidos do momento presente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.