mércores, 12 de xullo de 2017

16 de xullo: Domingo 15º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 13, 1-23 (lectura breve: Mt 13, 1-9)


Comentario:

Durante tres domingos leremos o capítulo 13 do evanxeo de Mateu, que contén unha serie de parábolas, moi relacionadas coa vida e as prácticas do campo; con estas parábolas Xesús intentaba facer que a xente que o escoitaba se parase ante as cousas que compoñían a vida máis ou menos normal de cada día, e que soubese ver nesas cousas coma unha comparanza das realidades fondas que todas as persoas vivimos ou podemos vivir. Esas realidades fondas teñen que ver sempre coa boa construción das nosas persoas, familias e sociedades, coas atinadas relacións sociais, coas fontes da nosa satisfacción, da nosa ledicia, da nosa felicidade, co noso éxito ou fracaso coma persoas; por iso mesmo, estas realidades fondas teñen moito que ver coa presenza ou ausencia de Deus nas nosas vidas, e teñen que ver coa proposta de Xesús, o “Reinado de Deus”.

Xesús contaba a parábola ou conto, e adoitaba rematar dicindo: “Quen teña oídos que escoite”. É dicir, que escoite, que pense, que medite, que revise, que valore, que tome decisións, que cambie, se o considera oportuno. Porque nos xogamos a vida, a nosa vida, a vida das persoas que conviven connosco en círculos máis estreitos e máis amplos. No verán adoitamos ter algo máis tempo libre. Adoitamos gustar o campo como lugar de descanso e de reparación. Igual é un tempo apropiado para escoitar, meditar estes contos ou parábolas de Xesús con serenidade, con confianza, nada malo nos vai pasar por facelo, ao contrario, seguro que algo bo nos acontecerá.

A parábola do sementador dicíalles moito aos oíntes de Xesús. Sementar, poder recoller ou non, era algo vital para unha sociedade de xente labrega pobre, que debería pagar as rendas. Se non había produción ou había moi pouca, iso significaba pasar fame, ter enfermidades, ter que endebedarse, ter incluso que venderse, escravizarse. Isto era moi frecuente daquela, como o foi durante séculos en Galicia. Eran as consecuencias do dominio do imperio romano e do dominio dos señores do pobo, que o explotaban. Así era o modelo social. Que a semente producise era cuestión de vida ou morte. Ante ese drama estaba situada diariamente a xente que escoitaba a Xesús. A reacción normal da xente era a angustia, o medo, o afán por ter e xuntar, a envexa por quen tiña en abundancia, a desesperación..., todo, por outra parte, moi lóxico en quen tiña a súa vida permanentemente ameazada.

Hoxe non se trata para moita xente de terras que produzan froitos, pero si, por exemplo, de ter un posto de traballo digno. Se non o hai –estámolo vendo--, aparecen as mesmas consecuencias que padecían os contemporáneos de Xesús: privación, fames, ter que abandonar pisos, bágoas, desesperos, rabias contra quen tal cousas produce, afán por ter e xuntar...

Xesús ve, observa, dóelle a xente e fai unha proposta nova que afecta aos corazóns de cada persoa, que afecta ás relacións entre as persoas, á sociedade. As súas palabras son palabras de confianza, pero non porque espere novidades de quen rexe o mundo con poder e abuso (daquela o imperio romano, hoxe a imperio financeiro e os seus representantes). A xente pobre, non a rica, é a que curiosamente ten iniciativa e poder para cambiar as cousas. As palabras de Xesús son palabras de renuncia á acumulación, son palabras de reparto e compartir; son palabras de aposta e loita pola xustiza, a xustiza de Deus que é máis limpa e espléndida que a da xente máis xusta. Son palabras de pensar nos demais, nos intereses de todos e todas, da comunidade. As súas palabras son palabras de verdade, non de trampa; son palabras de honradez, non de corrupción; son palabras de mimo pola xente máis débil, non de menosprezo e marxinación cara aos máis débiles. O conxunto do Evanxeo é a proposta de Xesús, que se chama Evanxeo, Boa Nova, precisamente por iso, porque trae remedio á situación desesperada da xente. Algo que nos pode parecer un soño, pero niso vainos a vida.

Xesús non cansa de nos facer a súa proposta. Non cansa de sementar, de sementala, igual que o labrego galileo botaba as sementes cada ano con esperanza e medo. Xesús coñece as dificultades coas que se pode encontrar a xente que pensa en facerlle caso. Por iso nos fala na parábola non de colleitas fáciles, senón de sementes que as comen os paxaros, de sementes que caen entre pedras e parece que tiran para arriba, pero logo se achican, de sementes no medio dos silveirais, que se ven afogadas pola maleza. Así pasa na vida da xente: a proposta de Xesús pódenos parecer preciosa, iso da irmandade, de pensar nos outros, de non acumular, de non trampear, pero que difícil se nos fai ás veces; e faise difícil, porque temos un corazón infectado cos vicios dos poderosos, criticámolos a eles, pero non fondo que envexa nos dan; faise difícil, porque as propostas de Xesús hai que loitalas, cómpre sensibilidade solidaria, aguante; a tentación está sempre á porta; a idea de que no enriquecemento egoísta está a felicidade é algo que peta a diario nos nosos corazóns, nas nosas casas.

Canta palabra de Xesús, canta semente de Xesús se perde! Pero tamén canta semente dá froitos abundantes. Non saen nas primeiras páxinas dos periódicos, pero houbo e hai moitas persoas e grupos en Galicia, en España, polo mundo adiante que se fían da proposta de Xesús, ou de propostas semellantes ás de Xesús. Nesas persoas, crentes ou non, cristiás ou non, nesas persoas, no Deus que as sustenta e dinamiza, descansa o futuro da humanidade. Esas persoas, das que Xesús foi o gran promotor, son as que nos enchen o ollo, as que nos conmoven o corazón, as que nos embarcan en soños de paz, de ben e de xustiza verdadeira. Con quen nos queremos apuntar nós? A quen lle queremos facer caso?
Na celebración eucarística acollemos a semente de Xesús e alimentámonos del para ser constantes e deixar que a súa semente chegue a dar froito en nós.

Preces:

QUEN TEÑA OÍDOS QUE ESCOITE
  1. Que o mesmo que a xente labrega traballa e prepara a terra para facela producir, que así traballemos nós e preparemos o noso corpo e o noso espírito para sermos abundantes en froitos de ben, de honradez e de xustiza. Oremos.
  2. Que teñamos oído aberto á voz do Espírito que clama con urxencia nas cousas todas da vida, e sobre todo nas vidas da xente máis maltratada. Oremos.
  3. Que saibamos escoitarnos uns aos outros/as con respecto, con desexo de aprender, con honestidade, dispostos a cambiar á luz do que outras persoas nos poidan advertir. Oremos.
  4. Que sexamos humildes e honestos/as con Deus, con Xesús, que o escoitemos sen prexuízos, non dando nunca por sabido o que nos quere dicir, o que nos quere pedir. Oremos.
  5. Que sexamos humildes e valentes para vivir en solidariedade máxima, coma irmáns e irmás, segundo Xesús nos ensinou e non nos deixemos comer a cabeza polos criterios egoístas que poden rexer no mundo. Oremos.

Pregaria:

Señor, meu Deus,
que vexa, que oia, que entenda,
as cousas, as persoas, a sociedade,
para poder sentir, amar e servir
para te poder sentir, amar e servir.

Que se me abrande o corazón,
que se me faga sensible,
que o amor mo amoleza,
para poder ver, oír e entender
para poder verte, oírte e entenderte.

Señor, meu Deus,
que o corazón se me amoleza ao teu carón,
para que coa forza dun corazón sensible,
coa luz dun corazón intelixente
poida acoller a túa proposta de maduración persoal e comunitaria.

Os señores deste mundo
(que teñen espazo no meu corazón)
incítanme ao medo e á acumulación egoísta,
e ti empúxasme á confianza, ao necesario, ao reparto e ao compartir.

Os señores deste mundo
(que encontran ecos no meu corazón)
incítanme ao éxito fácil, inmediato, sen conflito,
e ti fálasme do gozo amasado na lentitude,
da alegría que brota da loita gañada ou mesmo perdida,
da resistencia, da constancia, da perseveranza.

Terra tripada,
terra pedregosa,
terra silvestre,
terra boa ...
Ti ensínasme a coidar a miña leira, a miña vida,
para facela fecunda para min, para a comunidade.
Que me deixe aprender de ti,
e así a miña vida sexa toda ela terra de bendición.

Signo:
  • Sementes, persoa sementando,
  • Espigas de trigo, froitos,
  • Terras en diferente condición: labradas, pedregosas, bravas...
  • Persoas ricas acumulando cartos,
  • Xesús, o seu rostro, pobres



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.