mércores, 4 de outubro de 2017

8 de outubro: Domingo 27º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 21, 33-43

Comentario:

É importante comparar algo a “canción da viña”, que lemos na lectura do profeta Isaías (Is 5,1-7), coa reformulación da mesma que Xesús fai na parábola que lemos no evanxeo de hoxe. Na “canción da viña” de Isaías o problema é que a viña, a pesar dos excelentes coidados do seu dono, no canto de producir boas uvas, produce uvas agraces. Non está de máis que reparemos niso; tamén nós podemos corresponder aos coidados de Deus e de moita xente que no seu nome mira por nós con uvas agraces, é dicir, palabras, comportamentos amargos que amargan a existencia, a nosa mesma existencia e a existencia das persoas que conviven connosco na familia, na comunidade, na sociedade. Estamos chamadas a ser uvas boas, froito gustoso, co que poida gozar quen nos trata, co que poidan gozar sobre todo as pobres, os pobres de Deus, que é a quen Deus quere que tratemos con especialísima consideración. Estamos sendo uva boa para a gran familia de Deus, ou uva agraz na casa, na comunidade, na sociedade?



Xesús, cando reformula a “canción da viña” de Isaías na súa parábola, non se queixa de que a viña non produza bos froitos, máis ben constata que si os produce; Xesús quéixase de que haxa alguén que se queira apropiar dos bos froitos da viña como se fosen cousa del, propiedade del, sen admitir que, calquera que sexa o seu labor no coidado da viña, non é máis ca un simple mandado, pois a propiedade é de Deus, só de Deus. Bótalle así en cara aos xefes relixiosos e autoridades do pobo que se estean apropiando do pobo de Deus, como se eles fosen os donos do pobo e non simplemente administradores, servidores do pobo no nome de Deus. As palabras de Xesús van dirixidas, logo, especialmente ás persoas que están ao fronte das nosas comunidades, e, a través delas, ás comunidades mesmas. Que tipo de comunidades cristiás estamos construíndo? Quen ten o servizo de presidilas, que papel fai? Estanse convertendo en señores que impoñen a súa vontade, como se fose a de Deus, que non favorecen a autonomía e responsabilidade dos membros da comunidade, que non fomentan os camiños persoais de relación con Deus, as capacidades de cada quen para facer unhas comunidades máis ricas, máis fermosas, máis auténticas? Fan e desfán na comunidade cristiá sen contar coa xente, sexa para rexer os cartos ou os bens da comunidade, sexa para dar orientacións sobre a vida cristiá, sobre a sexualidade, por exemplo, sobre a constitución da familia, sobre a participación cidadá? Como son os nosos pastores? Respectan a comunidades coma comunidade de Deus, propiedade de Deus, ou enseñóranse dela, para medraren a conta da comunidade?

Pero, de rebote, estas preguntas que lles podemos facer, no nome de Xesús, a quen preside as nosas comunidades, tamén nos afectan a todas as persoas que formamos a comunidade cristiá. Que facemos nós para que os nosos líderes respondan ao que Xesús quere deles? Valoramos a nosa autonomía, valoramos as calidades que cada un, cada unha de nós temos, para poñelas ao servizo da comunidade? Ou deixámonos levar, deixamos que outros decidan, desentendémonos da responsabilidade que temos sobre a marcha das nosas comunidades e parroquias? Moitas veces queixámonos das arbitrariedades dos bispos e dos curas, pero non estamos nós contribuíndo a elas co noso pasar de todo no que se refire á vida da comunidade? Cando actuaremos dando a entender que a comunidade é cousa nosa, que estamos dispostos/as a implicarnos nela, a pedir, a esixir que se nos teña en conta, que sexamos tratadas coma persoas adultas? Cando apostaremos por ter unha experiencia espiritual propia, adulta, ben formada, que nos capacite para entender das cousas da comunidades e participar nela con humildade, si, pero tamén con decisión e valentía?

Este evanxeo, logo, oriéntanos sobre o ser ou non ser das nosas comunidades cristiás, sobre o feito de enseñorarnos da comunidade ou de permitir que outros o fagan. Dicía hai pouco o noso Papa Francisco: “A Igrexa ten respostas para a infancia do home, pero non para a súa idade adulta”. E iso é así porque hai quen nos trata coma nenos e nenas en moitísimas cousas, aínda que sexamos completamente adultos/as; pero tamén é así porque gústanos vivir coma nenos en cousas nas que estaría moi ben que funcionásemos coma adultos. Cando unha comunidade cristiá está infantilizada, perde calidade, perde atractivo, non chama, bota para atrás. A fermosura dunha comunidade na que Deus é o señor e na que os pastores son servidores, convértese pouco a pouco nunha comunidade na que os pastores, a clerecía, fanse amos, e na que Deus se vai facendo ausente da experiencia real dos membros desa comunidade, perde o seu señorío, a súa presenza viva, animadora. Non é este, acaso, un dos grandes problemas das nosas comunidades?

A celebración eucarística é a celebración da comunidade, presidida por Cristo, enriquecida cos valores e achegas de cantos nela participamos, para vivir en todo en adultez.

Preces:

VEÑA O TEU REINO, SEÑOR!

  1. Que todas, todos contribuamos a facer parroquias e comunidades vivas, aportando o que somos e valemos, para que a vide do pobo de Deus dea froitos saborosos para alegría de todos. Oremos.
  2. Que os nosos curas e bispos animen as comunidades cristiás, a Igrexa, coma servidores e non coma amos, escoitando en todo ao pobo de Deus e gozando co crecemento e madurez das persoas que o compoñemos. Oremos.
  3. Que o Sínodo sobre a familia que hoxe mesmo empeza en Roma se desenvolva con fidelidade ao Espírito de Xesús en todo, sabendo mesturar ben a misericordia coa esixencia na vida cristiá. Oremos.
  4. Que as persoas máis débiles de entre nós sexan sempre as máis consideradas tanto nas comunidades cristiás coma na sociedade civil, e que atopen en nós alento e apoio, defensa e afecto. Oremos.
  5. Que gocemos sabéndonos persoas amadas e atendidas por Deus, que conta connosco para espallar pola parroquia, polo Concello as súa bendicións, a súa paz, a súa xustiza. Oremos.

Pregaria:

Ai, Señor,
ese desmedido afán de ter,
do que nos chufamos os humanos,
esa tola ansia por posuír
cousas, ideas, persoas…!

Este corpo é meu,
e fago con el o que eu quero!
Esta muller é a miña,
e podo dispoñer dela cando quero,
do seu corpo,
das súas decisións,
e mesmo da súa vida, se me prace!

Este é o meu grupo,
a miña comunidade;
estes son os meus cartos,
a miña casa,
a miña finca;
estas son as miñas ideas,
a miña teoloxía…,
dicimos tantas veces
con aires de suficiencia, de propiedade, de dominio,
querendo ignorar
que somos simplemente debedores de todo canto somos,
que nada é meu,
nada é noso,
como non sexa esa sede insaciable, enfermiza,
de afogarnos nas cousas,
escapando de sermos nós mesmos,
libremente.

Ai, Señor,
deica cando este apego absurdo,
este fuxir espavorecido de bicos e apertas?
Cando descubriremos o pracer
de fuxir de todo acto de posesión,
para atopar con humildade o que somos,
para bater coa verdade que nos explica,
para abrazarme na comunidade que nos acubilla,
para ver por todas partes irmáns e irmás
e non inimigos cos que combater
nin rivais cos que competir.

Ai, Señor,
cando serei de verdade home, muller,
no teu seo,
no seo da creación,
no seo baleiro da xente que me rodea?

Cando serei unha muller nova,
un home novo?

Signo:

  • Un acio de uvas.
  • Unha árbore con moitas polas e froitos coma símbolo da comunidade.
  • Un grupo de persoas en corro, en comunidades.
  • Cadeas ou rellas para acompañar a pregaria final.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.