mércores, 31 de xaneiro de 2018

Tempo Ordinario: 5ª semana


4 de febreiro: 5º domingo do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 1, 29-39

Meditación

O Evanxeo de hoxe fálanos dun día máis ou menos normal de Xesús: ir á casa duns veciños amigos, preocuparse pola señora que está enferma, animala, incorporala ao gozo familiar; logo preocuparse por outros veciños e veciñas que tamén andaban coa vida a rastro por diferentes razóns e facer o que podía para alivialos; logo deitarse e a durmir; e despois erguerse cedo e buscar un lugar arredado, silencioso, para rezar, ata que o veñen buscar e lles recorda aos seus amigos e amigas que así hai que andar día tras días, espallando a palabra e a forza de Deus por toda a contorna.
Primeiro, é bo pensar que a nosa casa, a nosa familia, cada un, cada unha de nós, somos tamén dalgunha maneira visitados por Xesús; tamén el nos ofrece a súa presenza e a súa forza de ben. Logo, é bo pensar que ese estilo de Xesús, tan sinxelo, tan popular, tamén o podemos practicar nós, algo polo menos; e de feito cantas veces nas aldeas nós facemos iso: ir visitar a un veciño/a, preocuparnos pola saúde da xente da casa, ofrecernos para axudar se necesario for, rezar algo, ir visitar á residencia a unha veciña enferma, e ir así creando, con cousiñas pequenas, un ambiente de ánimo, de alegría, de esperanza entre nós. Igual onde nos custa máis é niso de buscar un sitio silencioso e arredado para estar algo a soas con Deus; pero precisamente aí era onde Xesús atopaba forzas para facer tanto ben como logo facía.


Oración

Xesús,
gústame como vives,
como te relacionas coa veciñanza,
como fas canto podes
para levar ánimo e conforto á xente,
como rezas,
como te mantés vivo
para a tarefa popular de alentar ánimos e alegrar vidas.
Quero aprender de ti
quero andar contigo,
quero ser o teu amigo ou amiga.
Cólleme da man e camiñemos xuntos.
Grazas.

Acción

Non deixes de facer iso que era tan tradicional na aldea de ir visitar os veciños e veciñas, sobre todo cando estean enfermos ou o estean pasando algo mal. Somos poucos nas aldeas, vémonos pouco, falámonos pouco. E iso non é ben, afonda as nosas orfandades.


5 de febreiro: luns da 5ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 6, 53-56

Meditación

Parece un soño. E seguro que diremos: quen nos dese que entre nós houbese tamén un home así! É posible que o evanxelista, levado polo agarimo e a admiración por Xesús, esaxere algo as cousas. De todos modos Xesús era algo excepcional. Era un verdadeiro apaixonado polo benestar da xente, pola saúde física e espiritual de cantas persoas a el se achegaban, e todo percibían no seu corpo e o seu espírito esa forza de ben. Sen dúbida que, se nos achegamos a el, á súa palabra, ao seu xeito de vivir, moito ben nos virá para o noso espírito e para o noso corpo. Seguro.
Pero tamén sabemos que a vida non se fai con milagres. Faise con apostas humildes, cotiás, valentes, por todo o que leve coidado e dignidade á xente, maiormente á máis débil. Eses son os milagres que hoxe Deus quere e fomenta.

Oración

Tocar a orla do teu manto, Xesús,
quen me dese!
Asomarme sequera a esa fonte de vida
que deitaba xenerosamente de ti,
quen me dese!
Achegar o meu corazón ao teu un chisquiño
para acendelo no mesmo soño humanitario,
quen me dese!
E todo no nome do Deus da vida
que te envolvía por dentro e por fóra,
quen me dese!
Quen me dese, Xesús,
quen me dese!

Acción

Se tes oportunidade, fai por ir visitar un enfermo na súa casa ou na residencia. Está ao tanto e participa en calquera movida que defenda os servizos públicos, especialmente o relativo coa saúde humana en calquera das súas ramas.


6 de febreiro: martes da 5ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 7, 1-13

Meditación

Daquela, coma hoxe, as normas de hixiene eran cousa boa; iso non se discute. O malo era que daquela había persoas que entendían que esas normas de hixiene eran un mandato de Deus, e facían deses mandatos algo moi importante, case central, da súa vida relixiosa, deixando de lado outras cousas que tiñan que ver co respecto e coidado de xente, coa xustiza, coa consideración polas persoas máis fráxiles e marxinadas.
A nós ás veces pásanos algo parecido: acendémonos na defensa dalgúns costumes do pasado, por exemplo, gardar unha hora de xaxún para poder comungar, confesar dunha determinada maneira, ou mesmo que as mulleres non poidan ser curas, ou que os curas teñan que ser célibes. Son cousas que poden ter a súa importancia, pero non son o principal. O principal dunha vida cristiá é algo moi simple: coidarnos a fondo como persoas no corpo e no espírito, e facer outro tanto coa xente que nos rodea, entendendo que calquera ser humano é tan meu como se fose eu mesmo, porque no fondo todos, todas somos unha realidade en Deus.

Oración

Que ben que me fose liberando coma ti, Xesús,
a base de ir sempre ao esencial,
e co esencial comprometer os meus pasos todos!
Que ben valorar as pequenas cousas
no que son e no que nos ofrecen,
sen apegar a elas o corazón, a vida!
Que ben, Xesús, poñer o amor no centro sempre,
e co amor concreto e real clarificar en todo a miña vida!
Canto me tes que aprender, Xesús,
canto me tes que aprender!

Acción

A vida, a vida relixiosa tamén, construímola día a día con pequenas accións, con pequenos costumes, que valen se nos axudan a camiñar cara ao esencial. Pensa: as túas prácticas relixiosas estante levando ao coidado da vida en ti e na demais xente?


7 de febreiro: mércores da 5ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 7, 14-23

Meditación

Que cousa máis simple e máis fonda a que nos propón hoxe Xesús! A xente, todas e todos, tendemos a pacificar as nosas vidas adaptándoas a normas e mandatos que nos veñen de fóra, teñan que ver coa comida ou con calquera outra cousa. Xesús invítanos a ir máis alá. Invítanos a ollar o propio corazón, a propia interioridade, porque é aí onde nos decidimos de verdade polo ben ou polo mal, e onde sentamos as bases da nosa felicidade.
Os seres humanos somos simples e complexos ao mesmo tempo. Non é doado chegar ao fondo do propio corazón, para poder ver nel as forzas destrutivas e construtivas que nos moven; facilmente nos enganamos a nós mesm@s, e chegamos a crernos persoas perfectas, negándonos a ver o que realmente somos, o que realmente nos move. No fondo do noso corazón, das nosas vidas, non estamos só nós, tamén está Deus, coa súa forza de luz, de paz, coas súas apertas, forzas e perdóns. Por iso non debiamos ter medo a entrar no noso mundo interior con dispoñibilidade para todo o que xurda, que sempre será bo.

Oración

Aquí está o meu corazón, Xesús,
a miña vida toda,
coas súas aparencias e coas súas fonduras,
co que creo controlar e co que se me escapa das mans.
Aquí estou eu, Xesús, ante ti,
con humildade completa,
como senón, Xesús!
Aquí estou desexando que o teu Espírito
me ilumine e me fortaleza,
para facerme libre no que é bo, no que é xusto,
sempre, se é posible.
Grazas, Xesús.

Acción

Podes facer algún pequeno exercicio de clarificación persoal. Por exemplo, que é o que cada día che aporta paz, serenidade, forza? Que é o que te altera e desconsola?


8 de febreiro: xoves da 5ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 7, 24-30

Meditación

Un relato precioso. A insistencia dunha muller, dunha nai non xudía, que acaba dobregando as resistencias de Xesús. Quen sabe se estamos ante un relato construído para xustificar a apertura das primeiras comunidades cristiás ao mundo pagán, non xudeu. Pero sorprendeulle a Xesús ver como fóra do xudaísmo había xente, unha muller neste caso, aberta ao Espírito, aberta á Boa Nova, capaz de acoller para si e para os seus toda a bondade que Deus verte sobre todos os seus fillos e fillas, sexa cal sexa a súa procedencia, a súa fe. Con canto orgullo van podemos andar a xente relixiosa, orgullo que nos impide achegarnos a Deus e gustar del na nosa vida! E, ao contrario, con canto pracer abre Deus as portas da súa amizade a quen anda humildemente pola vida, mendigando apoios e solidariedades, veñan de onde veñan!

Oración

Coma unha cadeliña, meu Deus,
coma unha cadeliña, non máis,
apañando debaixo da túa mesa
as migallas da túa abundancia
espalladas aquí e acolá por todo o mundo.
Apañándoas de ti sen reparos,
e, sen reparos tamén,
compartíndoas cos meus irmáns e irmás,
sexan do país e da relixión que sexan.
Porque ti, meu Deus, es sen distinción
pai ou mai de todo o mundo,
fonte de vida para todo o universo.
Grazas, meu Deus.
Cóllesme da man
para introducirme nese teu mundo máxico,
infinitamente humano.
Grazas, meu Deus.

Acción

Seguro que coñeces persoas doutras relixións que andan polos nosos pobos e aldeas. Respéctaos fondamente. Comparte con elas cando menos a túa palabra, a túa benevolencia, e, no que poidas e saibas, tamén a túa fe, dispost@ tamén, iso si, a respectar e valorar a súa.


9 de febreiro: venres da 5ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc , 31-37

Meditación

Non sabemos exactamente que hai de feito histórico e que hai de esaxeración ou símbolo nos relatos que contan os milagres de Xesús. Parece probado que tiña un dons especial para a curación, tanto dos corpos coma dos espíritos, da vida en xeral. E é totalmente seguro que tiña unha paixón especial pola xente máis ferida pola desgraza ou pola maldade doutra xente. O seu era sempre axudar a recuperar persoas para o goce de vida, para a convivencia social. E facíao fuxindo da fama, non buscándose a si mesmo, senón a gloria de Deus que brilla na xente feliz.
Tamén nós temos o don de facer milagres, moito máis do que pensamos. Podemos ser, ou non, persoas que loitan polo bo funcionamento dos servizos públicos para toda a xente; se o somos, moitos milagres facemos. Podemos ser, ou non, persoas que arrimamos a quen máis ande envolta en debilidade para lle amosar o noso aprecio, a nosa compaña e servizos; se o facemos, moitos milagres podemos facer tamén.

Oración

Bendito sexas, meu Deus,
nas persoas todas que miran polos demais
con ollada de misericordia,
con medidas de xustiza.
Bendito sexas, meu Deus,
nas persoas enfermas que son curadas,
nas persoas marxinadas que son integradas na comunidade,
nas persoas tristes que recobran a ledicia.
Bendito sexas tamén
naqueloutras persoas que, a pesar de todo, sofren e morren,
pero fano no medio dos coidados axeitados.
E bendito, sobre todo, en quen padece e morre
no medio do abandono e dos desalentos:
ti, que todo o fas ben,
saberás recuperar para a vida a quen para a vida acabou desafiuzado.

Acción

Oír e falar. Párate a escoitar a algunha persoa que igual tes algo de lado; permítelle que che fale, que che poida dicir algo da súa vida. Escóitaa e conversa con ela desde o corazón.


10 de febreiro: sábado da 5ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 8, 1-10

Meditación

Non se nos invita a esperar milagres nin, por suposto, a facer milagres. Invítasenos a que, se compartimos a palabra de Deus, os momentos chamados relixiosos, compartamos tamén, en boa lóxica, os bens necesarios para a vida: mantenza, traballo, casa, espazo social, amizades etc. Iso Xesús tíñao moi claro e actuaba con coherencia.
Invítasenos tamén a andar cos ollos ben abertos e co corazón ben espelido para percibir as necesidades da xente, e adiantarnos así a buscar solucións que axuden a remedialas.
Invítasenos ao grande milagre do compartir coas pequenas cousas que no día a día podemos facer con quen chama á nosa porta, ou participando en tal ou cal asociación que fai algo por remediar as miserias de xente; pero tamén a facelo apoiando políticos con políticas solidarias, que poñan en primeira liña as necesidades da xente máis desfavorecida, e tamén, as necesidades dun Terceiro Mundo que esgarece mentres nas nosas sociedades unhas minorías engordan sen medida.

Oración

Fólgome, Xesús,
sabendo que tes por min, por nós, ollada fina
para detectar carencias e baleiros
e enchelos coa túa esplendidez.
Fólgome, Xesús,
sabéndome invitad@por ti
a formar parte desa inmensidade de xente compartidora
que pon o seu gozo
en baleirar as arcas e non só en enchelas,
en bailar en corro e non en solitario.
Grazas por ti, Xesús,
polo Espírito que sempre te anima,
polo Deus que nos teus feitos nos mima.

Acción

Mira como está sendo a túa práctica de compartir. Mira se non poderías facer algo máis en calquera aspecto da vida. A ver se chegas á alegría de compartir.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.