14 novembro, 2024

Tempo Ordinario: 33ª semana



17 de novembro: Domingo 33º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Dn 12, 1-3. Salmo: 15, 5 e 8. 9-10. 11
2ª lectura: Heb 10, 11-14. 18

Evanxeo: Mc 13, 24-32

Unha vez díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Naqueles días, pasada xa aquela grande angustia, o sol ha escurecer, a lúa deixará de alumar, as estrelas caerán do ceo, abalarán as potencias do ceo. Entón verán vir o Fillo do home sobre as nubes con gran poder e gloria. E mandará os anxos para reuniren os elixidos desde os catro ventos do cabo da terra ata o cabo do ceo.

Aprendede da comparanza da figueira. Cando lle saen os gromos e bota a folla, comprendedes que o verán está a chegar. Así tamén vós, cando vexades que pasan estas cousas, sabede que xa está pretiño, á porta. Asegúrovos que non pasará esta xeración sen que antes suceda todo isto. O ceo e máis a terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán.

En cando ao día e máis a hora no que isto vai acontecer, ninguén sabe nada, nin os anxos do ceo, nin o Fillo; sábeo o Pai soamente.

07 novembro, 2024

Tempo Ordinario: 32ª semana



10 de novembro: Domingo 32º do Tempo Ordinario

1ª lectura: 1 Re 17, 10-16. Salmo: 145, 7. 8-9a. 9bc-10
2ª lectura: Heb 9, 24-28

Evanxeo: Mc 12, 38-44

Nunha ocasión Xesús ensinaba a xente dicíndolles:
—Coidado cos letrados! Gustan moito de se pasearen con vestidos fachendosos e que lles fagan reverencias polas rúas; buscan os primeiros postos nas sinagogas e máis nos banquetes. E acábanlles cos bens ás viúvas, facéndose os piadosos. Pero serán xulgados como lles cómpre.

Sentado fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto.

E moitos ricos botaban con fartura. E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria coma quen di. Entón chamou os seus discípulos e díxolles:
—Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis cós ricos todos. Pois eles botaron o que lles sobraba, pero ela na súa pobreza botou todo canto tiña para vivir.

31 outubro, 2024

Tempo Ordinario: 31ª semana



3 de novembro: Domingo 31º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Dt 6, 2-6. Salmo: 17, 2-3a. 3bc-4. 47 e 51ab
2ª lectura: Heb 7, 23-28

Evanxeo: Mc 12, 28b-34

Nunha ocasión acercouse a Xesús un letrado e preguntoulle:
—¿Cal é o primeiro de todos os mandamentos?

Respondeu Xesús:
—O primeiro é: “Escoita, Israel: O Señor, noso Deus, é o único Señor. Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa mente e con toda a túa forza.” O segundo é este: “Amarás o teu prróximo coma a ti mesmo”. Non hai mandamento máis importante ca estes.

O letrado replicou:
—Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que Deus é único e non hai outro fóra del; e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con toda a forza, e amar o próximo coma a un mesmo, é máis importante do que todos os holocaustos e sacrificios.

Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle:
—Non estás lonxe do reino de Deus.

E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.

24 outubro, 2024

Tempo Ordinario: 30ª semana



27 de outubro: Domingo 30º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Xer 31, 7-9. Salmo: 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5. 6
2ª lectura: Heb 5, 1-6

Evanxeo: Mc 10, 46-52

Nunha ocasión, ao saír Xesús de Iericó cos seus discípulos e outra moita xente, o fillo de Timeo, Bartimeo, que era cego, mendigaba sentado a carón do camiño. Oíndo que pasaba Xesús o Nazareno, púxose a berrar e a dicir:
—Fillo de David, Xesús, ten piedade de min!

Xesús detívose e dixo:
—Chamade por el.

Chaman entón polo cego e dinlle:
—Veña, érguete, que te chama!

El, deixando o seu manto, veu dando brincos ata onde estaba Xesús. Este preguntoulle:
—¿Qué queres que che faga?

O cego respondeulle:
—Mestre, que volva ver.

Xesús díxolle:
--Vai, a túa fe salvoute.

E no intre comezou a ver e seguíao polo camiño.