29 agosto, 2024

Tempo Ordinario: 22ª semana



1 de setembro: Domingo 22º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Dt 4, 1-2. 6-8. Salmo: 14, 2-3a. 3cd-4ab. 5
2ª lectura: Sant 1, 17-18. 21b-22. 27

Evanxeo: Mc 7, 1-8. 14-15. 21-23

Nunha ocasión reuníronse con Xesús un grupo de fariseos con algúns letrados chegados de Xerusalén, e viron que os discípulos comían con mans impuras, é dicir, sen antes lavaren as mans. (É sabido que os fariseos e os xudeus todos non comen sen lavaren ben as mans, seguindo así as vellas tradicións; e cando chegan da rúa, tampouco comen sen se bañaren antes; tamén están moi apegados a outras tradicións, como o lavar vasos, xerras e bandexas.) Por iso os fariseos e máis os escribas preguntáronlle:
—¿Por qué os teus discípulos non se portan conforme a tradición dos devanceiros, senón que comen con mans impuras?

El contestoulles:
—Que ben profetizou Isaías de vós, hipócritas, como está escrito: “Este pobo hónrame cos labios, pero o seu corazón está lonxe de min. Danme un culto inútil, porque a doutrina que ensinan non son máis que costumes humanos.”

Rexeitades os mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións humanas.

E, convocando a xente, dicíalles:
—Escoitádeme todos e procurade entender. Nada do que hai fóra do ser humano pode manchalo ao entrar nel; pero o que sae do ser humano, iso si que o mancha. Porque de dentro, do corazón do ser humano, xorden os malos pensamentos, as fornicacións, os roubos, os asasinatos, os adulterios, as cobizas, as maldades, os fraudes, os desenfreos, as envexas, as blasfemias, a soberbia, os desatinos. Todos eses males saen de dentro e manchan o ser humano.

Meditación

Neste domingo volvemos ao Evanxeo de Marcos, que deixaramos hai cinco domingos para ler neles o capítulo 6 de Xoán, no que este evanxelista nos ofreceu a súa catequese sobre Xesús como pan de vida. O Evanxeo de Marcos que hoxe lemos preséntanos un dos moitos enfrontamentos que Xesús mantivo cos representantes oficiais da relixión no seu tempo: fariseos e letrados, algo así como a xente máis devota e os teólogos do seu tempo. Este enfrontamento concreto versaba sobre os rituais de purificación, cousa quizabes para nós de pouca importancia, pero que nos tempos de Xesús, na vivencia relixiosa do seu pobo, era algo realmente transcendental, porque eran eses rituais os que abrían ou pechaban as portas de acceso ao posible trato con Deus.

A cuestión en concreto era o lavado ou purificación minuciosa das mans antes de se poñer a comer. Non era un problema de hixiene, ante o que non hai dúbida ningunha para nós: é necesario lavar as mans antes de comer. Era un problema teolóxico: se estás en contacto físico con mil detalles da vida normal, mánchaste internamente, ata o punto de non ser apto/a para unha vivencia relixiosa sólida; estaslle faltando a Deus. Xesús rebélase contra iso: as cousas normais coas que mil veces temos que bater na vida non manchan, non impiden nada, non pechan portas, para o encontro con Deus; outras cousas son as que si nos manchan, e enumera unha serie de comportamentos que teñen que ver coa nosa maneira de estar ante nós mesmos e, sobre todo, coa maneira de situarnos na vida ante os
demais.

O que cambian as cousas! Desde mediados do século pasado, unha corrente espiritual, da que moitos/as bebemos, falábanos da importancia de “mancharse”, de meter a fondo as mans, os pés, o pensamento, o corazón, no medio das mil realidades da vida cotiá, sabendo que iso nos ía manchar, contaminar, pero co convencemento de que era aí, nesa realidade diaria onde Deus nos agardaba, onde nos ofrecía a súa presenza, a súa compaña, a súa luz, o seu encanto, a súa capacidade de enredarnos nunha aventura dura e gozosa ao estilo de Xesús. Coido que é bo que siga en pé este convencemento; coido que Deus se nos segue ofrecendo neses espazos complexos da vida, de onde por instinto de seguridade tendemos a escapar.

Xesús cita a Isaías para recordarlles, recordarnos, que podemos honrar a Deus cos labios, que podemos darlle un culto inútil, e que o noso corazón quede lonxe del. Isto era un risco para eles, é un risco para nós, e é un risco para todos/as cantas pretendemos acceder ao misterio de Deus e vivir, algo polo menos, ao seu abeiro. Todos/as tendemos a ritualizar a experiencia relixiosa; é dicir, a limitala a aquelas catro cousas, de máis ou menos fácil control, que nos permitirían asegurarnos o acceso a Deus, mandar sobre a súa presenza nas nosas vidas, controlar a Deus. E defendemos eses ritos a capa e espada. Acaso non se seguen dando nas nosas comunidades, na nosa Igrexa, moitas discusións por cuestións de ritos, de tradicións humanas, coma se nos ritos ou tradicións humanas se xogase a verdade nosa ante Deus? Xesús recórdanos que non esta aí o importante, que o importante está en como somos honestos con nosoutros/as mesmas, e como somos honestos/as con Deus e, por suposto, coa xente que a vida vai poñendo no noso camiño.

Igual que podemos reducir a vida relixiosa a ritos, e facela estéril, tamén podemos ritualizar moitos, todos os outros aspectos da nosa vida: podemos ritualizar a vida familiar, o trato cos fillos/as, a relación de parella, a vida sexual, a participación política, a convivencia cidadá, o trato co veciño/a da porta, as relacións laborais, etc., etc. Mesmo podemos ritualizar, simplificar, banalizar situacións tan densas como a crise actual. Ritualizamos sempre que reducimos a nosa experiencia a catro xestos, catro palabras fáciles, normalmente repetidas, que nos pechan á nosa propia e rica fondura, e á rica fondura de calquera persoa ou circunstancia que abordamos na vida. Se ritualizamos as cousas da vida, acabaremos ritualizando tamén a Deus. Non ritualizar a Deus levaranos a non ritualizar a vida, e a vivila cunha fondura e limpeza que ningún rito pode abrir ou pechar.

Preces

QUE O NOSO CORAZÓN, SEÑOR,
ESTEA PRETO DE TI

Que te deixemos entrar nas nosas vidas e enchelas coa túa presenza crítica e alentadora. Oremos.

Que nos deixemos criticar e ensinar polas persoas que andan ao noso redor, e que seguramente teñen palabra túa para nós. Oremos.

Para que o noso corazón non se seque, non se peche nunca, e vibremos coas alegrías e cos traballos das persoas que nos rodean, por exemplo coa loita que están levando os gandeiros para acadar un prezo xusto para o leite das súas vacas.. Oremos.

Para que non sexamos indiferentes ante os miles de persoas inmigrantes que chegan a Europa polas portas do Mediterráneo, nos comprometamos positivamente con esa realidade e esixamos aos nosos Gobernos unha atención xusta a esas persoas. Oremos.

Para que aprendamos a facer do compromiso social, do compromiso político serio un camiño de acceso a Deus, que quere que haxa boa organización social onde a xente máis débil sexa a máis protexida. Oremos.

Oración
Non, Señor, non,
que nunca o corazón se me arrefríe,
que nunca as mans me queden tesas,
nin a palabra afogada aló na gorxa
cando a vida me pasa pola porta.

Non, Xesús, non,
que non simplifique nada,
que non lle responda con banalidades á riqueza da vida,
que non lle peche as portas a nada,
que non me escude de ninguén
cando a diario no que vivo me visitas.

A vida é tan ampla e fermosa!
É tanto o que a diario peta á miña porta!
Son tantos e tan variados os nomes
que se pronuncian cada día na miña presenza!
Como deixalo pasar, Señor,
como permitir que esvare pola codia da miña existencia!

Aséntate en min, Señor,
como ti queres facelo.
Que nada en min enturbe a túa presenza,
a túa luz, a túa claridade.
Que o amor ordene ou desordene
diariamente as cousas da miña vida,
que as encha de eficacia e de alegría.

Bendita a túa liberdade, Señor,
que me fai atrevido/a buscador/a!
Bendito o teu amor, a túa paixón, Señor,
que me acende e pacifica a cada hora!
Acción

Podemos revisar a ver se nas nosas prácticas relixiosas lle damos tamén moita importancia a detalles sen transcendencia, e ao mellor deixamos de lado o fundamental: o amor, a misericordia, a fidelidade, a solidariedade...Ou pretendemos ser moi exquisitos coas cousas do culto, pero tratamos a xente de calquera maneira.


2 de setembro: Luns da 22ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 4, 13-18. Salmo: 95, 1 e 3. 4-5. 11-12. 13
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 2, 1-5. Salmo 118, 97. 98. 99. 100. 101. 102

Evanxeo: Lc 4, 16-30

E pasou que chegou Xesús a Nazaré, onde se criara, e o sábado entrou na sinagoga conforme tiña por costume. Ergueuse para facer a lectura e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía: “O Espírito do Señor está sobre min, porque El foi quen me unxiu, para proclamarlle a boa nova á xente empobrecida. Mandoume para lle anunciar a liberación ás persoas cativas, e ás cegas, a vista; para lle dar liberdade á xente asoballada e proclamar o ano de graza do Señor.”

Pechou o libro, devolveullo ao encargado e sentou. Os ollos de toda a xente da sinagoga fixáronse nel. E empezou a lles dicir:
—Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.

E toda a xente asentiu, admirada polas palabras de graza que saían da súa boca. E dicían:
—Pero ¿non é este o fillo de Xosé?

El díxolles:
—Seguramente me recordaredes aquel refrán: Médico, cúrate a ti mesmo; fai no teu pobo todo canto oímos que fixeches en Cafarnaúm.

Pero el continuou:
—Asegúrovos que ningún profeta é ben recibido na súa terra. Tede por seguro que no tempo de Elías había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres anos e seis meses e unha grande fame anegou todo o país; pero a ningunha delas mandaron a Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón. E moitas persoas con lepra había en Israel no tempo de Eliseo, o profeta, pero a ningunha delas curou, fóra de Naamán, o sirio.

Oíndo estas cousas, toda a xente que estaba na sinagoga se enfureceu; así que erguéronse, botárono fóra da aldea e levárono ata o alto do monte no que está edificada, coa intención de o guindaren embaixo. Pero el botou a andar polo medio deles e marchou.

Meditación

Resulta curioso este paso do asentimento e da admiración ao rexeite e ao odio que se deu nos veciños e veciñas de Xesús contra a súa persoa e contra a súa proposta de melloría radical para toda a xente en situación desamparada. Sóannos moi ben as propostas de igualdade, de respecto dos dereitos de todo o mundo, de consideración especial polas persoas máis vulnerables, pero deseguida se empezan a remover non sei que cousas no noso interior, e acabamos fuxindo desas propostas coma do lume. Por que?

Pode ser que non lle deamos credibilidade á persoa que nolas fai. Sempre as cousas foron así, sempre a xente empobrecida tivo que serrar por baixo, e ¿quen te cres ti para facer que as cousas cambien? “¿Non é este o fillo de Xosé?”, dicían os paisanos de Xesús. Pero pode ser tamén que propostas como as de Xesús –ás que ás veces se parecen algo as dalgúns nos nosos políticos— nos acaben collendo máis do que nos gustaría. Non é algo que vén de repente do ceo, por moito que sexa cousa de Deus. Vén de Deus, pero implícanos a toda a cidadanía, e empuxa a todo o mundo a entrar en cousas de respectar, de compartir, de tolerar, de facer máis común o que cremos absolutamente noso etc. E iso moitas veces non nos vai. Vémolo, por exemplo, co caso da xente refuxiada. Vémolo tamén coa xente delincuente que nos gustaría ver podrecer no cárcere. Vémolo no que nos custa poñer de primeira na atención social a toda a xente máis machucada pola vida.

Oración
Quero contaxiarme dos teus soños, Xesús,
e do teu Espírito para poder vivilos!
Quero contaxiarme dos teus soños,
e do aguante necesario para ilos realizando día a día!
Quero contaxiarme dos teus soños, Xesús,
e da sagacidade e prudencia que os fan posibles!
Quero contaxiarme dos teus soños,
e da compaña cálida de quen cre neles!
Quero contaxiarme dos teus soños, Xesús,
e da capacidade de sufrimento que permite cumprilos!
Quero contaxiarme dos teus soños,
e da ledicia polos pequenos progresos feitos!
Quero contaxiarme dos teus soños, Xesús,
quero contaxiarme de ti!
Acción

Podemos mirar se co que falamos e facemos estamos apostando algo por algún dos soños de Xesús. Damos grazas por iso e animámonos a seguir por aí.


3 de setembro: Martes da 22ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 5, 1-6. 9-11. Salmo: 26, 1. 4. 13-14
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 2, 10b-16. Salmo: 144, 8-9. 10-11. 12-13ab. 13cd-14

Evanxeo: Lc 4, 31-37

Nunha ocasión baixou Xesús a Cafarnaúm, vila de Galilea, e os sábados ensinaba á xente. Todo o mundo estaba sorprendido do seu ensino, porque falaba con autoridade. Había na sinagoga un home posuído polo espírito dun demoño inmundo, que pegou a berrar dando grandes voces:
—¿Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaré? ¿Seica viñeches para acabares connosco? Ben sei quen es ti: o Santo de Deus.

Xesús ordenoulle:
—¡Cala a boca e bótate fóra dese home!

E o demo tirou por terra o home no medio da xente e saíu del sen lle facer mal. Toda a xente quedou abraiada e falaban entre si dicindo:
—¿Que terá a súa palabra? Dálle ordes con autoridade e poder aos espíritos malos e eles fanlle caso.

E a sona de Xesús estendeuse por todos os lugares daquela terra.

Meditación

Unha persoa endemoñada érao calquera home ou muller rota a base de carencias, de fames, de fallas de saúde física e psíquica, de rupturas afectivas, de desarraigo social, de exclusión relixiosa. Un paquete realmente destrutor. Quitemos a palabra “demo”, se queremos, pero caiamos na conta de que seguimos sendo moitos os homes e mulleres que temos rupturas fondas na nosa existencia.

Xesús ten para nós palabras con autoridade, palabras firmes, palabras que chegan ao fondo da alma, palabras alentadoras, palabras que devolven a esperanza e as ganas de poñernos ao labor de cambiar a nosa vida e de ir gozando con ese cambio. Palabras, en definitiva, capaces de refacernos por dentro e mesmo por fóra. Palabras capaces de desenvolver procesos en nós que nos leven ao gusto de vivir e de convivir. E todo isto sen quitarlle importancia aos moitos recursos para a saúde integral de que dispoñemos nas nosas sociedades modernas.

Oración
Xesús,
ti estás ao noso dispor,
sempre.
Atento ás nosas inquedanzas e angustias,
disposto a botar unha man,
e que man!
Disposto a botar lonxe de nós
os nosos particulares demos
que nos rompen por dentro e por fóra.
Tes forza e poder abondo
para refacer vidas,
para recompoñer convivencias,
para restaurar ilusións persoais e colectivas.
Pero, ¿fiarémonos de ti?
¿Poñerémonos ao teu dispor,
como ti te pos ao noso?
Acción

¿Observamos na nosa vida persoal ou social, na comunidade cristiá, no pobo, algunha realidade negativa que poderiamos considerar como un demo para nós? ¿Poderiamos enfrontarnos a esa realidade negativa apoiándonos na autoridade, na forza de Xesús? Probemos, a ver.


4 de setembro: Mércores da 22ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Col 1, 1-8. Salmo: 51, 10. 11
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 3, 1-9. Salmo: 32, 12-13. 14-15. 20-21

Evanxeo: Lc 4, 38-44

Un día, saíu Xesús da sinagoga e entrou na casa de Simón. A sogra de Simón tiña unha febre moi alta e pedíronlle por ela. El, achegándose a ela, ordenoulle á febre que a deixase, e deixouna. Deseguida ergueuse ela e púxose a servilos.

Á tardiña, quen tiña xente enferma de calquera doenza levouna onda el, e el, impoñendo as mans sobre cada home ou muller enferma, devolvíalles a saúde. De moitas desas persoas saían os demos berrando e dicindo: “Ti es o Fillo de Deus”. Pero el increpábaos e non os deixaba falar, porque sabían que el era o Mesías.

Ao abrir o día, saíu para un lugar arredado. Pero a xente buscouno e, chegando onde el estaba, trataba de retelo para que non os deixase. Mais el díxolles:
—Cómpre que tamén anuncie o reino de Deus noutras vilas, que para isto fun enviado.

E predicaba polas sinagogas de Xudea.

Meditación

Por onde andaba Xesús contaxiábase a saúde do corpo, do espírito, do ánimo. Xesús sempre atento ao benestar das persoas. Falando, si, que para anunciar a boa nova de Deus viñera; pero realizando en feitos de atención o que as palabras dicían. Podemos percibir que Xesús, que o de Deus anda connosco, se tamén nós nos sentimos persoas atendidas, curadas, vigorizadas por el. Podemos percibir que Xesús, que o de Deus anda connosco, se nos vemos persoas coidadoras, que espallamos saúde e alentos. Cando é así, por aí anda o “Fillo de Deus”, por aí andamos nós tamén como fillas e fillos de Deus.

Por onde andaba Xesús, andaba tamén o seu apego ao silencio, o seu gusto por arredarse da xente, para compartir con Deus vida e acción. Nel estaba o motor de todo o seu quefacer diario. Nel estaba o alento que empuxaba a ser firme e persistente na tarefa que traía entre mans. Todo moi sinxelo. Todo moi fondo e contundente. Todo ao noso dispor.

Oración
Gústame a túa maneira de ser, Xesús.
Asómbrame, pero gústame.
Descolócame, pero gústame.
Déixame en evidencia, pero gústame.
Vén, cólleme da man,
lévame contigo
aos tempos de silencio co noso Pai maternal,
ao encontro coidador coa xente vulnerable,
á participación social, comunitaria, política.
Lévame contigo
polos camiños do amor e do servizo
no meu medio sinxelo, aldeán, popular,
onde ti queiras,
como ti queiras.
Que eu non che falle,
como ti non me fallas a min.
Grazas, Xesús.
Acción

¿Na nosa vida estamos ao tanto dalgunha persoa vulnerable? ¿Estámola atendendo, acompañando no que poidamos, con respecto? Se non o estamos facendo, ¿poderiamos facelo con alguén que precise axuda, compaña?


5 de setembro: Xoves da 22ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Col 1, 9-14. Salmo: 97, 2-3ab. 3cd-4. 5-6
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 3, 18-23. Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6

Evanxeo: Lc 5, 1-11

Nunha ocasión, estando Xesús á beira do lago Xenesaret, mentres a xente se amoreaba ao seu redor para escoitar a Palabra de Deus, viu dúas lanchiñas que estaban na beira do lago. Os pescadores que desembarcaran delas lavaban as redes. Subiu a unha barca, que era de Simón, rogoulle que se arredase un pouco da terra e dende a barca, sentado, ensinaba a xente. Cando acabou de falar, díxolle a Pedro:
—Voga lago a dentro e larga o aparello para pescar.

Respondeulle Pedro:
—Mestre, pasamos a noite de faena e non demos collido un rabo de peixe, pero, xa que ti o dis, largarei o aparello.

Así o fixeron, e colleron tal cantidade de peixe que o aparello rebentaba. Fixéronlles entón acenos aos compañeiros da outra lancha para que lles fosen botar unha man. Foron e encheron as dúas lanchas tanto que, a pouco máis, van a pique. Vendo isto, Simón Pedro botouse aos pés a Xesús, dicindo:
—Señor, arreda de min, que eu son un pecador.

Porque tanto el coma os seus compañeiros quedaron aleutos con tanto peixe como colleran naquel lance. O mesmo lles pasaba a Santiago e máis a Xoán, fillos de Zebedeu, que eran compañeiros de Simón. E díxolle Xesús a Simón:
—Tranquilo, dende agora vas ser pescador de xente.

Daquela, varando as barcas en terra e deixándoo todo, seguírono.

Meditación

Na Igrexa, nas comunidades cristiás das parroquias, agora mesmo estamos bastante coa convicción de Pedro: “pasamos a noite de faena e non demos collido un rabo de peixe”. Esforzos inútiles. Fracaso na transmisión da vivencia relixiosa cristiá. Na sociedade a moita xente pásalle tamén o mesmo: sensación de que moitas cousas van mal, pero os esforzos acaban adoito en fracaso. Dígase situación de abandono do mundo rural; dígase situación laboral, dígase progresivo control do mundo dos cartos sobre a realidade social, política, sobre o presente e o futuro das nosas vidas.

O “milagre” de Xesús, ou o que fose, non debe levarnos a esperar que as cousas se amañen con milagres. Cómpre empezar por ver se o que facemos no civil e no relixioso para mellorar as cousas está ben pensado, ben programado, ben abastecido de recursos materiais e espirituais, ben avaliado etc. E ao tempo ver tamén se lle damos espazo na nosa vida, no noso espírito ao dinamismo de Xesús, á súa paixón pola xente. Ver se no silencio deixamos que o Espírito de Deus nos sande, nos baleire, nos capacite para o oficio de compartir coa demais xente a bondade de Deus que nos foi dada.

Oración
Grazas, Xesús,
pola xente toda que, coma ti, non cansa,
ou non se deixa levar pola canseira.
Grazas polas persoas
que terman da esperanza propia e allea
coa súa diaria faena por mellorar as vidas.
Grazas polos mil milagres
que a diario saen das mans de xente descoñecida
afeita aos coidados e á tenrura en todo.
Grazas por quen se detén,
observa e analiza,
programa e cumpre,
cala e reza,
para facer posible no mundo
o gozo da irmandade pola que ti segues soñando.
Acción
Observemos se ao noso redor hai persoas desas que persisten no seu afán por facer máis humano o mundo, máis servidora a Igrexa. Agradezámosllo. E de paso podemos mirar se nalgún intento bo nos deixamos levar polo desalento e abandonamos.


6 de setembro: Venres da 22ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Col 1, 15-20. Salmo: 99, 2. 3. 4. 5
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 4, 1-5. Salmo: 36, 3-4. 5-6. 27-28. 39-40

Evanxeo: Lc 5, 33-39

Unha vez os letrados e fariseos dixéronlle a Xesús:
—Os discípulos de Xoán xaxúan a miúdo e rezan, como tamén os dos fariseos, pero os teus, a comer e a beber.

Xesús contestoulles:
—¿E logo ides facer xaxuar a xente convidada á voda mentres con ela está o esposo? Xa chegará o día no que lle leven o esposo; daquela si que esa xente xaxuará.

Tamén lles propuxo esta parábola:
—Ninguén recorta unha peza dun vestido novo para lle botar un remendo a un vestido vello, porque rompería o novo e o remendo tampouco lle iría ben ao vestido vello. E tampouco ninguén bota viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, perderíase o viño e estragaríanse os pelellos. Xa sabedes: a viño novo, pelellos novos. E ninguén que proba o viño vello, quero o novo, pois dirá: é mellor o vello.

Meditación

Xesús era o vestido novo, o viño novo. ¿En que consistía esa novidade? Entre outras cousas, en que, en Xesús, o encontro con Deus non é tanto froito dun esforzo humano, ascético (por exemplo, xaxuar máis ou menos), coma un regalo do mesmo Deus que se nos ofrece gratis; tamén consiste esa novidade de Xesús en que o seu mundo relixioso non é un mundo tristeiro, angustioso, temeroso, senón un mundo confiado, esperanzado, alegre. Tamén consiste esa novidade de Xesús en que a experiencia de Deus se realiza sobre todo no trato de respecto, valoración e apoio que teñamos coa xente vulnerable, máis que nos rituais relixiosos, que nos poden dar unha aparencia de seguridade por ter cumprido.

Non é doado entrar nesa novidade de Xesús. Á xente do seu tempo, aínda á máis relixiosa, custoulle entendelo. Seguro que tamén a nós nos custa entendelo, e cando nos achegamos a el, ás súas propostas, con palabras ou sen palabras máis dunha vez dicimos: é mellor o vello, o de sempre, o que nos sae das nosas rutinas.

Oración
Canto me custa, Xesús,
ser persoa viva e fresca na túa novidade!
Canto me custa fuxir
do empeño por posuír a Deus,
ou da desesperanza por non poder posuílo!
Canto me custa, Xesús,
estar aberta a todo o que vén de ti,
polo camiño que sexa!
Canto me custa admitir
que o de Deus me desborda
e que ante el serei unha eterna discípula!
Canto me custa apegarme humildemente
aos camiños abertos por ti, Xesús,
que olen sempre a fondas e simples solidariedades!
Canto me custa beber o teu viño novo
na festiva comunidade que celebra os teus amores!
Acción

Cando hoxe falamos de xaxún, facémolo máis ben pensando en xaxúns solidarios: privarnos de algo, para poder compartilo. Ese xaxún estaría moi na onda de Xesús. Podemos probar a facelo algún día. Privarnos dalgunha comida ou bebida, dalgún partido de fútbol, da compra dalgunha prenda que igual non nos fai moita falla, etc.


7 de setembro: Sábado da 22ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Col 1, 21-23. Salmo: 53, 3-4. 6 e 8
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 4, 6b-15. Salmo: 144, 17-18. 19-20. 21

Evanxeo: Lc 6, 1-5

Pasando un sábado por unhas leiras sementadas, os discípulos de Xesús arrincaban espigas e comíanas despois de refregalas coas mans. Entón dixeron algúns fariseos:
—¿Cómo facedes o que non está permitido facer no sábado?

Respondeulles Xesús:
—¿Seica non sabedes o que fixo David, cando sentiu fame el e máis os seus acompañantes? Entrou na casa de Deus e colleu o pan das ofrendas, comeu el e deulles aos seus acompañantes, e iso que non lles estaba permitido comelo a eles, senón soamente aos sacerdotes.

E engadiu:
—O Fillo do home é o Señor do sábado.

Meditación

O exemplo de Xesús do comportamento do rei David é como se hoxe alguén argumentase que, tendo fame, unha persoa non ofende a Deus indo ao sagrario e comendo o pan santo da Eucaristía. Porque o Fillo do home é Señor do sábado. Porque o coidado do ser humano está por riba de calquera precepto relixioso, por sagrado que sexa. Porque o sábado e calquera outra norma relixiosa soamente valen se valen para servir ao crecemento e maduración das persoas e comunidades no corpo e no espírito. “Unha Igrexa que non serve, non serve para nada”, dicía xa hai ben anos o bispo Jacques Gaillot. Unhas prácticas relixiosas que non están ao servizo do benestar integral das persoas e da comunidade humana, non valen para nada. Xesús tíñao moi claro. Foi un dos grandes puntos de conflito coas autoridades relixiosas do seu tempo. Normal.

Oración
Canto necesito de ti, Xesús,
para ser un chisquiño radical
no que ti mesmo eras radical!
Canto necesito ese fondo aprecio polo ser humano,
por todo ser humano,
ata poñelo no centro
das miñas conviccións relixiosas!
Canto necesito da túa paixón cega por Deus,
da túa ollada limpa,
que te levaba a poñer o mesmo Deus
insultantemente
ao servizo de toda debilidade!
Canto necesito da túa coherencia
para non facer da miña radicalidade
unha simple arroutada verbal!
Acción

Podemos revisar a ver se temos claro que o que máis lle gusta a Deus, por riba de calquera práctica relixiosa, é que coidemos a xente que nos rodea con palabras e feitos. Tamén podemos revisar se a práctica relixiosa que teñamos nos está empuxando de veras a mirar moito polo coidado da xente, polo noso mesmo coidado, polo coidado da natureza.



23 agosto, 2024

Tempo Ordinario: 21ª semana



25 de agosto: Domingo 21º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Xos 24, 1-2a. 15-17. 18b. Salmo: 33, 2-3. 16-17. 18-19. 20-21. 22-23
2ª lectura: Ef 5, 21-32

Evanxeo: Xn 6, 60-69

Unha vez moitos dos discípulos de Xesús dixeron:
—Que dura é esta doutrina! ¿Quen pode admitir tal cousa?

Comprendendo Xesús que os seus discípulos murmuraban do asunto, díxolles:
—¿Escandalízavos isto? ¿E logo se visedes o Fillo do home subindo a onda estaba antes? O espírito é quen dá vida, a carne non vale para nada; as palabras que eu vos falei son espírito e son vida. E, aínda así, hai algúns de vós que non cren.

Pois ben sabía Xesús desde o principio quen eran os que non crían e máis quen o había de entregar. E proseguiu:
—Por iso téñovos dito que ninguén pode vir a min, se non llo concede o Pai.

Desde aquela moitos dos seus discípulos botáronse para atrás e xa non andaban con el. Preguntoulles entón Xesús aos Doce:
—¿Vós tamén vos queredes ir?

Respondeulle Simón Pedro:

—Señor, ¿e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna, e nós cremos e recoñecemos que ti es o Santo de Deus.

Meditación

Co evanxeo de hoxe pechamos esa catequese especial sobre Xesús como pan de vida, que o evanxelista Xoán nos ofreceu a partir do acontecemento-signo da multiplicación dos pans e dos peixes, e que durante varios domingos de verán estivemos lendo, meditando e levando á práctica. Sabemos que o evanxelista Xoán non narra no seu evanxeo a entrega do corpo e do sangue de Xesús no pan e no viño durante a súa cea de despedida, ou cea pascual, pero no seu canto ofrécenos a fonda e proveitosa catequese de que vimos falando. A parte final desa catequese, a que hoxe lemos nas nosas Misas, recolle o momento de máxima tensión a que deron pé as palabras de Xesús; é algo habitual tamén no evanxeo de Xoán falarnos das fortes discrepancias que provocaban os ditos e feitos de Xesús ; posiblemente esteamos ante unha estratexia catequética de Xoán, pero en todo caso non é algo ante o que poidamos pasar de largo.

A persoa de Xesús, o proxecto de Xesús, as ideas e sobre todo os feitos de Xesús conmocionaron a xente, suscitaron a admiración de algúns e, sobre todo nun segundo momento, tamén o desinterese e mesmo o desprezo de boa parte do pobo que o escoitaba. As multitudes que o seguían fóronse reducindo, os seguidores e seguidoras fóronse contando por pequenos números, e ao final case soamente os máis íntimos puideron, a trancas e barrancas, acompañalo ata o momento final. Por que? A orixes humildes, populares, de Xesús, a súa pertenza ao mundo e á causa dos máis débiles socialmente, a súa militancia firme ao lado da xente marxinada, a lectura nova que facía do feito relixioso, crente, coa palabra pero sobre todo co seu estilo de vida, a distorsión que producía sobre todo na xente relixiosa, os interrogantes que suscitaba nos cridos nas formas tradicionais de relixión, o seu sólido enraizamento no Deus vivo, que o levaba máis aló do que normalmente era lícito pensar, o compromiso persoal e grupal ao que con forza empuxaba, a súa invitación fonda a vivir na pobreza, na liberdade, no desarraigo económico, na apertura total ao Deus que vén coma Pai ou Nai, etc., todo isto levou a que moitos se botasen para atrás, e a que Xesús chegase a lles preguntar mesmo á súa xente máis fiel: “Vós tamén vos queredes ir?”.

É normal que a persoa e a proposta de Xesús nos descoloque. Malo se iso non pasa! É normal que nos leve a preguntarnos: que fago eu seguindo a este paisano xudeu de Nazaré, fillo de María e de Xosé, que nos propón, como medio para atopar vida, comer o seu corpo, beber o seu sangue, é dicir, comungar a fondo, o máis fondo posible, cos seus convencementos, co seu estilo de vida, iso si, adaptados lucidamente, baixo a guía do Espírito, aos tempos de hoxe?

Como persoas, como membros dunha comunidade cristiá, estaría ben que nos preguntásemos: Xesús descolócanos? Ou acaso estamos moi adaptados, temos feito unha interpretación cómoda e conformista das propostas de Xesús, das súas loitas, das súas paixóns, ata o punto de que podemos ler os evanxeos, rezar sos ou en grupo, comungar nas misas domingo si e domingo tamén, sen que nada ou case nada se altere en nós, sen que nada ou case nada nos distinga de moitos outros concidadáns/ás nosas, que polo que sexa lle teñen dado as costas a Xesús?

A catequese de Xoán sobre Xesús pan de vida remata estudadamente coa confesión convencida de Pedro: “Señor, e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna”. Algo poderemos facer para que esa confesión convencida madure en nós; algo que ten que ver coas prácticas relixiosas (rezar, meditar, celebrar, comungar...), e algo que ten que ver coas decisións diarias ante as que a vida nos coloca. Nos tempos de crise ampla e fonda nos que vivimos (sobre todo visto o mundo desde o lado dos máis pobres a crise sempre estivo aí), apostar por Xesús implica cousas evidentes, que nos permitirán ir comprobando se o de Xesús en nós é algo realmente consistente, ou un baño de pintura relixiosa que as augas do outono limparán sen maior problema. O que pouco custa, pouco vale; o que pouco custa, pouca vida aporta. E Xesús falábanos de vida, e de vida completa, abundante, redonda, mesmo eterna.

Preces

SEÑOR, TI TES PALABRAS DE VIDA ETERNA

Que nos deixemos engaiolar por ti, Xesús, que descubramos a fondura e forza das túas propostas de vida. Oremos.

Que non nos deixemos levar por unha relixiosidade superficial, baleira, que á hora da verdade case nada nos aporta. Oremos.

Que haxa coma ti, Xesús, moitos defensores/as das persoas marxinadas, que están sufrindo o abuso de quen manexa o mundo desde o poder. Oremos.

Que saibamos apoiar aos produtores de leite en Galicia, que están loitando por uns prezos xustos que lles permitan vivir con dignidade e manter vivo o mundo rural. Oremos.

Que gocemos coas nosas festas do verán, e fagamos delas espazos de encontro, de alegría, de solidariedade. Oremos.

Oración
Señor, Señor,...
que non me poida a rutina
na miña relación contigo,

na miña busca de Deus,
no meu exercicio diario da solidariedade.

Que cada mañá, cada noite
a túa palabra poida resoar fresca no meu corazón,
coma unha invitación sempre sorprendente
cara ao máis novo,
cara ao máis libre,
cara ao máis fondo,
cara ao máis servizo,
cara ao máis amor.

Que me deixe sorprender por ti,
engaiolar por ti,
desenvolver por ti,
recrear por ti,
cada día, cada noite.

Señor, Señor,...
que non me poida a rutina
en ningunha das miñas actividades diarias,
maiormente cando teño ante min
a calquera home ou muller,
a calquera irmán ou irmá.

Que non me poida a rutina,
nunca, xamais,
cando un débil pete á porta da casa ou do corazón.

Señor, Señor,...
que non me canse de ti,
que non me canse de min,
que non me canse de nada,
Cada día, unha mañá,
toda a vida, unha mañá.

Señor, Señor,...
ti tes palabras de vida eterna.
Acción
Hai algunha cousa de Xesús que me escandalice, que me bote para atrás? Hai algunha cousa da Igrexa coa que me pasa o mesmo? Como estamos manexando estas circunstancias, que con frecuencia crean desasosego e abandono? Traballámolas con seriedade?


26 de agosto: Luns da 21ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 1, 1-5. 8b-10. Salmo 149, 1-2. 3-4. 5-6a e 9b
Ano 2: 1ª lectura: 2 Tes 1, 1-5. 11b-12. Salmo: 95, 1-2a. 2b-3. 4-5

Evanxeo: Mt 23, 13-22

Nunha ocasión dixo Xesús:
—Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que lles pechades á xente o reino dos ceos! Nin entrades vós nin deixades entrar a quen o intenta. Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que percorredes mar e terra para conseguir un prosélito, e cando o conseguides, facédelo fillo da perdición o dobre ca vós! Ai de vós, guías cegos, que dicides: “Se alguén xura polo templo, non pasa nada; pero, se xura polo ouro do templo, fica obrigado”. Parvos e cegos! ¿Qué é máis importante, o ouro ou o templo que consagra o ouro? E tamén: “Se alguén xura polo altar, non pasa nada; pero, se xura pola ofrenda que está enriba do altar, fica obrigado”. Cegos! ¿Qué é máis importante, a ofrenda ou o altar que consagra a ofrenda? Quen xura polo altar, xura por el e máis por todo o que hai enriba del; e quen xura polo templo, xura por el e máis por Aquel que o habita; e quen xura polo ceo, xura polo trono de Deus e máis por Aquel que está sentado nel.

Meditación

Posiblemente nos soen a cousas raras estas criticas ao comportamento dos letrados e fariseos: xurar por tal, xurar por cal, qué era o máis importante, qué era o menos. Podémolo resumir dicindo que, ao que se ve, era xente que se enredaba cegamente en moitas cousas sen importancia da doutrina, e esquecía o fundamental, que era o respecto profundo por Deus e o respecto profundo pola xente que o fai presente entre nós.

Dous mil anos despois podemos seguir nós coas mesmas andrómenas; debatemos ás veces sobre detalles da vida relixiosa, do culto, da doutrina: se o mal, o demo, anda por aí como tal demo, ou non; se é necesario confesar os pecados a un cura, coma sempre, ou non; se debemos recibir a comuñón na lingua ou na man, se o cura debe andar vestido normal ou con “tirita” etc. Cantas veces facemos da vida cristiá un xogo de debates absurdos, que non levan a nada. E deixamos de lado o que todos ben sabemos que é fundamental: andar con confianza, humildade, xustiza e rectitude diante de Deus, e mirar polo ben da xente como miramos polo noso mesmo ben.

Oración
Veño onda ti, Xesús,
para que me limpes a ollada,
para que me laves a intención e o corazón.
Quero atinar co que é realmente bo
para min, para a miña xente,
para toda a comunidade, para todo o pobo.
Quero investir o meu tempo, a miña ansia
no que realmente me faga persoa sa,
me axude a axudar a quen me rodea,
e me leve a honrar dignamente a Deus.
Veño onda ti, Xesús,
con confianza, con humildade,
co desexo firme de andar con bo pé polos teus camiños.
Sei que ti nunca me decepcionas.
Grazas, Xesús.
Acción

Podemos mirar se nas cousas da relixión, da vida cristiá, non nos estaremos enredamos en discusións que non levan a nada. Facémonos conscientes diso, para darlle importancia ao que realmente a ten.


27 de agosto: Martes da 21ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 2, 1-8. Salmo: 138, 1-3. 4-6
Ano 2: 1ª lectura: 2 Tex 2, 1-3a. 14-17. Salmo: 95, 10. 11-12a. 12b-13

Evanxeo: Mt 23, 23-26

Nunha ocasión dixo Xesús:
—Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que pagades o décimo pola menta, o anís e máis o comiño, e descoidades o máis importante da Lei: a xustiza, a misericordia e a fidelidade! É isto o que hai que practicar, sen descoidar o outro. Guías cegos, que coades o mosquito e tragades o camelo!

Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que limpades por fóra a copa e máis o prato, e por dentro estades ateigados de roubos e vicio! Fariseo cego, limpa primeiro o interior da copa para que o seu exterior fique tamén limpo.

Meditación

Segue o Evanxeo coa crítica aos representantes da relixión xudía do seu tempo. E seguimos nós tamén mirando a ver ata que punto non estamos caendo en cousas semellantes ás criticadas por Xesús hai dous mil anos. Tanto eles coma nós somos xente feita do mesmo pau, temos as mesmas tentacións, e, en concreto, a mesma tendencia a converter a relixión nunha cousa insubstancial, a base de darlle importancia a certos rituais e quitarlla ao fundamental: andar sempre en xustiza, en misericordia, en fidelidade, con nós mesm@s, coa xente que nos rodea, co Deus a quen queremos amar e respectar.

Ao mellor obsesionámonos por todos os detalles do enterro dun familiar, a quen en vida non coidamos como deberamos. Ao mellor cura e xente celebramos unha misa de dez minutos para cumprir cunha así chamada obriga relixiosa, pero non nos preguntamos se Deus, por exemplo, non nos estará pedindo máis atención ao trato que lle estamos dando ás persoas veciñas, maiores e soas. E así máis cousas. Que doado nos é limpar por fóra, coidar as aparencias, e por dentro, no corazón, andar con sucidade, con malicias, con abandonos. A Deus non lle importa que o intentemos enganar; a Deus impórtalle que así non atopemos o camiño da nosa felicidade.

Oración
Grazas, Xesús,
porque miras por nós.
Grazas porque nos corrixes.
Grazas pola xente que, no teu nome,
con paciencia e agarimo tamén nos corrixe.
Grazas por avisarnos
das moitas trampas nas que podemos caer
nas cousas da relixión.
Podemos converter o máis santo no máis obsceno!
Podemos converter os camiños da vida
en camiños de perdición!
Grazas, Xesús,
porque apelas constantemente ao instinto de verdade
que toda a xente, grazas a Deus,
levamos ben gravado no noso íntimo.
Grazas, Xesús, pola túa corrección.
Acción

¿Cómo reaccionamos cando alguén nos critica as trampas nas que caemos coa práctica relixiosa? ¿Temos a humildade e a valentía necesarias para corrixir con respecto o que consideremos malas prácticas relixiosas da nosa comunidade ou parroquia, dicíndollo incluso ao mesmo cura?


28 de agosto: Mércores da 21ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 2, 9-13. Salmo: 138, 7-8. 9-10. 11-12ab
Ano 2: 1ª lectura 2 Tes 3, 6-10. 16-18. Salmo 127, 1-2. 4-5

Evanxeo: Mt 23, 27-32

Unha vez falou así Xesús:
—¡Ai de vós letrados e fariseos hipócritas, que vos parecedes aos sepulcros encalados, que por fóra parecen fermosos e por dentro están cheos de ósos de mortos e de impureza! Tamén vós por fóra parecedes homes xustos, pero por dentro estades cheos de hipocrisía e inxustiza.

¡Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que construídes sepulcros aos profetas e adornades os monumentos dos xustos, e dicides: “Se vivísemos no tempo de nosos pais, nós non seriamos cómplices deles na asasinato dos profetas!”. De xeito que contra vós mesmos testemuñades que sodes os fillos dos que asasinaron ós profetas. ¡Acabade tamén vós de encher a medida de vosos pais!.

Meditación

Palabras moi gordas as que o evanxelista Mateu pon na boca de Xesús criticando o comportamento hipócrita de letrados e fariseos. Palabras que debemos acoller como tamén dirixidas a nós, porque ¿quen está libre dese afán tolo de aparentar e aparentar, simulando honradez, solidariedade, interese pola sorte da comunidade, pola sorte da xente máis desfavorecida, e logo quedamos no seo da manta? ¡Cantas veces entramos no intento absurdo de branquear por fóra a nosa vida, buscando recoñecemento e valoración, agochando sabe Deus qué no noso interior! Énchesenos a boca de palabras e palabras, que nós tal, que nós cal, que mira eses, que mira esoutros…, e por aquí e por alí moitas veces acabamos facendo o mesmo que criticamos. Xesús invítanos a actuar sempre con sinceridade, con humildade, ollando con verdade para o noso interior, para o noso propio corazón, e desde esa verdade poder falar e actuar. Deus axúdanos a poñer verdade no noso propio corazón, na nosa propia vida.

Oración
Que me deixe traballar por ti, meu Deus!
Límpame de aparencias e simulacións,
do afán tolo de recibir recoñecementos,
do intento absurdo de fuxir da miña propia verdade.
Que da túa man
acceda ao meu ser verdadeiro,
e desde o meu ser verdadeiro
fale,
actúe,
me relacione sempre
coa xente,
contigo, meu Deus.
Con humildade,
con agradecemento.
Porque son lama,
nada máis que lama,
ti quéresme valer, meu Deus.
Grazas.
Acción

E moi probable que nalgunhas cousas actuemos desde a simulación e o engano. Pensemos na última ocasión en que fixemos algo así. O cambio posible empeza por tomar conciencia dos momentos nos que nos deixamos levar pola hipocrisía.


29 de agosto: Memoria obrigatoria do Martirio de San Xoán Bautista

1ª lectura: Xer 1, 17-19. Salmo 70, 1-2. 3-4a. 5-6ab e 17

Evanxeo: Mc 6, 17-29

Sucedeu que Herodes mandara prender a Xoán por causa de Herodías, a muller de seu irmán Filipo, coa que el casara. Xoán non paraba de lle dicir:
—Non che está permitido vivir coa muller do teu irmán.

Por iso Herodías colléralle xenreira a Xoán e queríao matar. Pero Herodes temía a Xoán, sabendo que era home xusto e santo, e protexíao; mesmo o escoitaba con gusto, aínda que quedase desacougado.

Pero chegou a ocasión axeitada, cando Herodes no día do seu aniversario deu un banquete aos ministros, oficiais e xente importante de Galilea. Resulta que a filla de Herodías entrou e bailou moi ben, gustando moito a Herodes e a toda a xente convidada. Entón o rei díxolle á rapaza:
—Pídeme o que queiras, que cho hei dar.

E xurou:
—Dareiche o que me pidas, aínda que sexa a metade do meu reino.

Vaise a rapaza onda a nai e pregúntalle:
—¿Qué lle pedirei?

Ela díxolle:
—Pídelle a cabeza de Xoán Bautista.

E, volvendo onda o rei, díxolle:
—Quero que me deas de contado nunha bandexa a cabeza de Xoán Bautista.

O rei púxose moi triste, pero, polo xuramento feito e máis pola xente convidada, non a quixo defraudar. E de seguida mandoulle a un verdugo que trouxese a cabeza de Xoán. Foi, decapitouno e trouxo a cabeza nunha bandexa, para lla dar á rapaza, que non tardou en levarlla á súa nai. Cando os seus discípulos o souberon, recolleron o cadáver e fórono enterrar.

Meditación

Xoán Bautista foi un personaxe que deixou un impacto grande no mesmo Xesús e nas primeiras comunidades cristiás. Por iso aínda hoxe o recordamos en repetidos momentos durante o ano. Un home íntegro, un buscador apaixonado da verdade de Deus para a xente, unha persoa que renunciou ao oficio sacerdotal que lle correspondía por dereito familiar, para embarcarse nun camiño creativo, porque viu que no seu tempo a vida relixiosa se estaba diluíndo en prácticas sen sentido e sen verdade. Un home que se enfrontou abertamente co poder relixioso e político do momento polos seus descontrois e abusos do pobo. Un home que por todo isto deu a vida. O seu testemuño colle especial relevancia polas mesmas circunstancias da súa morte: nun ambiente de excesos, rodeado de persoas triviais, sen valores consistentes, que actuaban desde o rancor, desde o quedar ben, desde o desprezo á palabra, á vida de quen pretendía axudarlles a ser xente honrada e coherente. Un verdadeiro exemplo para quen nos nosos tempos apostamos por ser persoas cristiás na sociedade tan branda na que vivimos.

Oración
Grazas, meu Deus,
polas persoas mártires
de onte e máis de hoxe,
de todos os tempos da historia da Igrexa.
Grazas tamén polas persoas mártires
doutras relixións ou de ningunha relixión.
Grazas por quen defende o humano, o xusto,
e afronta con valentía as consecuencias desagradables desa defensa.
Grazas pola palabra desas persoas mártires,
pola súa vida, pola súa morte,
polo seu sangue inxustamente vertido,
aínda que valentemente ofrecido.
Grazas, meu Deus, infinitas grazas!
Que ao seu carón, co seu exemplo,
nos encoraxemos nós
para vivir con máis fidelidade e fondura
a nosa humanidade, a nosa fe.
Acción
Seguro que en máis dunha ocasión temos cedido á presión do ambiente, e deixamos de dicir ou facer o que a nosa conciencia nos ditaba por calquera clase de medos. Podemos aprender da nosa experiencia para entrar algo no espírito das persoas mártires, e chegado o caso, dar testemuño dos valores, da fe que levamos no corazón.


30 de agosto: Venres da 21ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 4, 1-8. Salmo: 96, 1 e 2b. 5-6. 10. 11-12
Ano 2: 1ª lectura: 1Cor 1, 17-25. Salmo: 32, 1-2. 4-5. 19ab e 11

Evanxeo: Mt 25 1-13

Unha vez díxolles Xesús esta parábola ás persoas que o acompañaban:
—O reino dos ceos parécese a dez mociñas que colleron os seus candís para saír recibir o noivo. Cinco eran aloucadas e cinco, previsoras. As aloucadas colleron os candís, pero non os encheron de aceite; as previsoras, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas. Como o noivo tardaba, pegoulles o sono e quedaron durmidas. Alá pola media noite oíuse berrar: “Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!” Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís. Entón as aloucadas dixéronlles ás previsoras: “Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen”. Responderon as previsoras: “Non vaia ser que non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda o que o merquedes”.

Mentres elas ían mercalo, chegou o noivo e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas e pechouse a porta. Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando: “Señor, Señor, ábrenos!” Pero el respondeulles: “Asegúrovos que non vos coñezo”.

Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora.

Meditación

Outra parábola sobre a necesidade da vixilancia na vida. Ser persoas en alerta, preparadas, porque día a día, hora a hora, Deus vai pasando pola nosa porta e, se non estamos dispostas a saírlle ao encontro, perdemos as oportunidades que o paso de Deus nos ofrece. E son acollementos e respostas que outras persoas non poden dar por nós, aínda que outras persoas si que poden alertarnos para que vivamos con serenidade, en paz, en silencio, e por iso mesmo con capacidade de percibir e responder.

Deus fáisenos presente nos momentos relixiosos (unha Eucaristía, un tempo de oración, un silencio para acoller…), pero tamén se nos fai presente en moitos outros momentos da vida: calquera persoa que se achega a nós, calquera persoa fráxil, desamparada; calquera acción humana que crea irmandade; calquera acción de abuso que xa dicimos que clama ao ceo; calquera momento da creación animada ou inanimada, que leva o rastro de Deus etc. Para quen anda coa alma en vilo cara ao ben, cara a fermosura, cara á verdade, a vida está chea de encontros humildes e poderosos co Deus da vida.

Oración
Quéresme, meu Deus,
persoa viva e asentada a un tempo.
Persoa de palabras e de silencios,
persoa de festas e de acougos,
persoa de acollementos e de ofrecementos,
persoa de comunidade e de soidade,
persoa de durmidas e de vixilancias.
Quéresme, meu Deus,
persoa amiga da riqueza da vida,
hábil para sacarlle á vida todo o seu zume,
hábil para no zume da vida
descubrirte a ti e gozar a túa presenza.
Quéresme, meu Deus,
totalmente humana
e así, só así, totalmente túa.
Acción

Estamos acabando o tempo de vacacións. Pero, con vacacións ou sen elas, ¿que tempo nos concedemos para mirar polo que pasa pola nosa vida, por como acollemos as persoas, as circunstancias que a vida nos vai poñendo diante? ¿Somos das aloucadas ou das previsoras? ¿En que poderiamos avanzar por aquí?


31 de agosto: Sábado da 21ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 4, 9-11. Salmo: 97, 1. 7-8. 9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 1, 26-31. Salmo: 32, 12-13. 18-19. 20-21

Evanxeo

Nunha ocasión díxolles Xesús esta parábola ás persoas que o acompañaban:
—Unha persoa, tendo que saír de viaxe, chamou polos seus criados e criadas e deixoulles o coidado da súa facenda. E deulles a cadaquén segundo a súa capacidade: cinco, dous, un talento. Despois marchou.

A persoa que recibira cinco talentos foi deseguida negociar con eles e gañou outros cinco. Do mesmo xeito a que recibira dous gañou outros dous. Pero a que recibira un foi cavar un burato na terra e escondeu os cartos do amo.

Ao cabo de moito tempo chegou o señor daquela servidume pedíndolles conta. Chegou a persoa que recibira cinco talentos e presentoulle outros cinco, dicindo: “Señor, cinco talentos me entregaches, velaquí outros cinco que gañei”. Díxolle o señor: “Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, dareiche un cargo importante; pasa a gozar da festa do teu señor”. Chegou a persoa que recibira dous talentos e dixo: “Señor, dous talentos me entregaches, velaquí outros dous que gañei”. E díxolle o señor: “Ben, criada fiel e cumpridora; xa que fuches fiel no pouco, dareiche un cargo importante; pasa a gozar da festa do teu señor”.

Chegou tamén a persoa que recibira un talento e díxolle: “Señor, sei moi ben que es un home duro, que seituras onde non sementaches e recolles onde non botas. Por iso collín medo e fun agachar na terra o teu talento; aquí tes o que é teu”. Pero o señor respondeulle: “Mal criado, lacazán! Con que sabías que seituro onde non semento e recollo onde non boto? Pois puxeras os meus cartos no banco e así, cando eu volvese, podería coller os cartos e máis os intereses. Quitádelle o talento a dádello a quen ten dez. Porque a quen ten háselle dar abondo; pero a quen non ten, aínda o que ten se lle ha quitar. E ao criado inútil botádeo fóra á escuridade, onde será o pranto e máis o renxer dos dentes”.

Meditación

Na liña dos Evanxeos destes días, o de hoxe fálanos de non deixar durmir dentro de nós aquelas calidades que cada quen ten, e que estaría ben que puxésemos ao servizo da construción da irmandade dentro e fóra da comunidade cristiá. Non todo o mundo é igual. Non todas as persoas temos calidades para o mesmo, nin temos esas calidades na mesma abundancia. Pero todas e todos temos valía, e o importante é que esa valía que temos a poñamos en xogo, vencendo medos persoais, vencendo resistencias que poden xurdir de nós, ou tamén das persoas e do medio que nos rodee.

Temos unhas comunidades cristiás moi clericalizadas, moi gobernadas para todo por uns clérigos varóns que o gobernan todo, e nós adaptámonos a iso por comodidade, por covardía. Temos unha sociedade civil tamén moi controlada por uns líderes, que fan e desfán sen teren en conta a cidadanía. Na Igrexa urxe que o laicado –tanto homes coma mulleres— non agachemos as nosas habilidades, os nosos saberes, os nosos poderes, que as poñamos ao servizo dunha comunidade cristiá viva, namorada do noso Deus e das tarefa de irmandade que Deus nos puxo nas mans. Quen pon en xogo a súa capacidade de servir, curiosamente acaba fortalecéndose como persoa servidora, feliz; quen se aforra para o servizo achícase, empobrécese, anúlase como persoa.

Oración
Non,
ti nunca ameazas, Xesús.
O teu foi sempre
gañar por atracción, non por medo.
Grazas!
Ti advirtes, corrixes, alertas, potencias
coma un irmán maior
que nos coñeces a fondo,
que coñeces os nosos medos e covardías,
a nosa tendencia primeira a quedarnos no seo da manta.
Grazas!
Ti, Xesús,
quérenos ver felices
participando, colaborando,
construíndo en común
a casa común da comunidade,
da parroquia, do pobo, da natureza, do mundo.
Grazas!
Con Díaz Castro disnos:
“O universo sería máis pequeno sen ti”.
Acción

¿Sentimos que temos algunha calidade que, ben por preguiza ou nugalla nosa, ben porque alguén nos dá para atrás, non estamos poñendo ao servizo da comunidade eclesial ou civil? Seguro que podemos dar un paso ao fronte para contribuír con esa calidade á fermosura da comunidade.



18 agosto, 2024

Tempo Ordinario: 20ª semana



18 de agosto: Domingo 20º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Pr 9, 1-6. Salmo: 33, 2-3. 10-11. 12-13. 14-15
2ª lectura:Ef 5, 15-20

Evanxeo: Xn 6, 51-58

Unha vez díxolle Xesús á xente:
—Eu son o pan vivo que baixou do ceo; se alguén come deste pan, vivirá para sempre, e o pan que eu darei é a miña carne para a vida do mundo.

Discutían entón entre eles os xudeus:
—¿Cómo pode este darnos a comer a súa carne?

Díxolles entón Xesús:
—Con toda verdade volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue permanece en min e eu nel.

Do mesmo xeito que o Pai que me mandou vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este é o pan que baixou do ceo; non semellante ao que comeron os pais, que mesmo así morreron; quen come este pan, vivirá para sempre.

08 agosto, 2024

Tempo Ordinario: 19ª semana



11 de agosto: Domingo 19º do Tempo Ordinario

1ª lectura: 1 Re 19, 4-8. Salmo: 33, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9
2ª lectura: Ef 4, 30—5,2

Evanxeo: Xn 6, 41-51

Unha vez os xudeus comezaron a murmurar de Xesús, porque dixera: “Eu son o pan que baixou do ceo”, e dicían:
—¿Non é este Xesús, o fillo de Xosé? ¿Non lle coñecemos o pai e máis a nai? ¿Cómo di, logo: Eu baixei do ceo”?

Xesús respondeulles:
—Non esteades aí a murmurar. Ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou, e eu resucitareino no derradeiro día. Está escrito nos Profetas: “Todos serán ensinados por Deus”. Todo aquel que escoita o Pai e aprende, vén onda min. Non porque alguén vise o Pai; o único que viu o Pai é o que estaba onda Deus. con toda verdade volo aseguro: quen cre ten vida eterna.

Eu son o pan da vida. Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron. Este é o pan que baixa do ceo, para que quen coma del non morra. Eu son o pan vivo que baixou do ceo; se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu darei é a miña carne para a vida do mundo.

01 agosto, 2024

Tempo Ordinario: 18ª semana



4 de agosto: Domingo 18º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Ex 16, 2-4. 12-15. Salmo: 77, 3 e 4bc. 23-24. 25 e 54
2ª lectura: Ef 4, 17, 20-24

Evanxeo: Xn 6, 24-35

Unha vez, vendo a xente que Xesús non estaba alí, nin tampouco os seus discípulos, montaron nos botes e chegaron a Cafarnaúm buscando a Xesús. Atopárono na outra banda do mar e dixéronlle:

Rabbí, ¿cando chegaches aquí?

Xesús contestoulles:
—Con toda verdade volo aseguro: buscádesme non porque vistes sinais, senón porque comestes pan ata vos fartar. Traballade non polo pan que se acaba, senón polo que dura deica a vida eterna, o que vos dará o Fillo do home, pois Deus Pai marcouno co seu selo.

Eles preguntáronlle:
—¿Qué temos que facer para realizar as obras de Deus?

Respondeu Xesús:
—Esta é a obra de Deus: que creades naquel que El mandou.

Replicáronlle:
—¿Qué sinal fas, para que véndoo creamos en ti? ¿Qué podes facer? Os nosos pais comeron o maná no deserto, conforme está escrito: “Deulles a comer pan do ceo”.

Entón díxolles Xesús:
—Con toda verdade volo aseguro: non foi Moisés quen vos deu o pan do ceo; meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo, pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e dá vida ao mundo.

Dixéronlle entón:
—Señor, dános sempre dese pan.

Xesús respondeulles:
—Eu son o pan da vida; quen vén onda min non pasará fame e quen cre en min endexamais terá sede.