13 decembro, 2017

Tempo de Advento: 3ª semana


17 de decembro: Domingo 3 de Advento

Evanxeo: Xn 1,6.8.19-28

Meditación

Estámonos achegando ao Nadal, cando poderemos contemplar a luz de Deus iluminando as nosas vidas na presenza humilde do neno Xesús. Todos, todas accedemos á luz de Deus porque houbo persoas que nos destaparon os ollos, que nos axudaron a decatarnos da súa presenza cálida, amorosa, que envolve por completo as nosas vidas. Seguro que na traxectoria da nosa vida todos, todas lles poderemos poñer nome a esas persoas que nos iluminaron e aínda nos seguen iluminando o camiño cara a Deus, coa súa palabra, co exemplo das súas vidas. Que agradecidas lles estamos!
É ben reparar nas características dunha boa testemuña da presenza de Deus, porque tamén nós estamos chamadas a ser para outra xente testemuñas de Deus. Xoán está no deserto, é dicir, nun espazo retirado, silencioso, curto en comodidades. Parece que a boa testemuña ha de ter doses amplas de retiro, de silencio, de austeridade. A boa testemuña é unha persoa baleira, libre, para que Deus teña onde entrar libremente. Xoán era humilde, recoñece que el non era a luz, soamente que a sinala coa súa palabra e coa súa vida; recoñece que soamente bautiza con auga, algo simbólico e superficial, pero que quen realmente bautiza, quen é capaz de entrar a fondo en nós, regalo todo, limpalo todo, recompoñelo todo, dispoñelo todo para o froito, ese é Xesús; e a Xesús nin sequera se considera digno de lle desatar o amalló das sandalias.

08 decembro, 2017

Tempo de Advento: segundo domingo


10 de decembro: domingo 2ª semana de Advento

Evanxeo: Mc 1, 1-8

Meditación

Estamos bastante cansos de xente, políticos e non políticos, que se nos presentan como remedio dos nosos males, pero logo vemos que as cousas seguen igual ca sempre: a xente poderosa facéndose cada vez máis poderosa, e a xente débil continuando na súa debilidade. É posible que con esta experiencia nas mans poidamos recibir con ilusión esa promesa dun Deus que nos visita? É posible que nos poidamos dispoñer para prepararlle o camiño de chegada?
Pero máis que debater sobre disto, o Evanxeo invítanos a fixarnos nunha persoa que vive e comparte esa ilusión súa por un Deus que vén: Xoán Bautista. Xoán Bautista vivía sen luxos, comía sen luxos, vestía e calzaba sen luxos. Non era consumista, porque o consumismo non salva o mundo, como tantas veces nos din os políticos; o consumismo non cura as vidas, non cura os corazóns. A Xoán Bautista gustáballe mirar para o seu corazón e mantelo san, limpo, volto á honradez coa xente e con Deus. E invitaba a iso mesmo como maneira de prepararlle o camiño ao Deus humilde e forte, que se faría presente na figura de Xesús.
O exemplo das persoas vale máis ca mil debates. Seguro que todos coñecemos hoxe a outras persoas que, coma Xoán Bautista, nos espertan os ánimos, nos moven á esperanza, nos axudan a crer, nos dispoñen para a tarefa de preparar camiños, abrir portas, corazóns e vidas. Que mulleres, que homes son para nós hoxe xente que nos sostén na fe, no amor, na esperanza? Podemos facer nós mesm@s de Xoán Bautista para axudar a levantar os ánimos da xente que nos rodea?

06 decembro, 2017

do 4 de novembro ao 16 de decembro de 2017


Lecturas:

Texto base:
"Introducción al Antiguo Testamento" J.L Sicre. Verbo Divino. 1993

Textos complementarios:
"Un concepto actualizado de la revelación" Texto: A. T. Queiruga
"Cómo se formó a Biblia" Texto: A. T. Queiruga
"Para leer la Biblia" Etienne Charpentier - Cuadernos bíblicos 1 Verbo Divino

2º Encontro: 16 de decembro de 2017

Lectura:
Introducción al Antiguo Testamento. José Luis Sicre, Verbo Divino, Estella (Navarra), páxs. 13-59 (edición primeira), ou 19-62 (edición segunda).

Cuestións que poden ir orientando a túa lectura:
  • Como reaccionas cando les ou escoitas na misa pasaxes "estrañas", coma o paso do "Mar Vermello" con tantas mortes de exipcios?
  • Como explicas a Biblia cando che din que contradí a ciencia actual, por exemplo na creación do mundo en seis días, fronte a miles de millóns de anos?
  • Como pode haber ideas tan distintas de Deus, algunhas terribles?
  • Como compaxinar o Novo Testamento co Antigo?
  • Pensa un pouco en como este lectura che pode axudar a ler a Biblia.



1º Encontro curso 2017/2018



“Ti, pola contra, cando queiras rezar, métete no teu cuarto, pecha a porta e rézalle a teu Pai que está no oculto; e teu Pai, que ve o oculto hate recompensar. E cando vos poñades a rezar, non sexades lareteir@s coma os pagáns. Botan de conta que os van escoitar polo moito falar. Non sexades coma eles, porque voso Pai ben sabe o que precisades xa antes de que llo pidades”. (Mt5,6)

“Brevis debet esse et pura oratio” (a oración debe ser breve e pura) (S.Bieito, Regra, 20,4).