24 de decembro: Domingo 4 de Advento
Evanxeo: Lc 1, 26-38
Meditación
Canto debiamos agradecer que antes ca nós houbese persoas que estiveron á escoita de Deus na súa vida e na realidade, nas cousas que a diario vivimos! Persoas que, dentro ou fóra da relixión cristiá, souberon captar esa presenza do Único, da Vida, da Fonte, do Amor, do Fundamento de todo canto hai e somos; souberon admiralo, escoitalo, percibilo, acollelo, compartilo con sumo respecto, con completa implicación e dispoñibilidade; souberon deixar que as súas vidas bailasen ao son desa Forza que todo o crea, empuxa, renova e redondea. María foi, sen dúbida, unhas desas persoas. Pero, grazas a Deus, foron moitas as persoas que en cada xeración sostiveron acesa esta lapa do encontro entre Deus e as súas criaturas, que somos nós.



