Evanxeo: Mt 16, 13-20
Comentario:
Se collésemos hoxe un micro e nos fósemos á rúa para preguntarlle á xente que pensa de Xesús, que nos contestaría? Moi posiblemente as súas respostas demostrasen un descoñecemento enorme da vida e da persoa de Xesús. Catro datos anecdóticos da súa existencia (o portal de Belén, que facía milagres, a morte na cruz...), pero seguramente –oxalá nos equivocásemos-- moi pouco ou nada do máis importante da súa figura, do seu ideario persoal e social, do seu significado para as comunidades cristiás, para a sociedade en xeral. Ante moitísima xente a figura de Xesús quedou e segue quedando eclipsada pola figura da Igrexa e das persoas que máis ou menos a representamos. Se somos xente decente, coherente, humana, solidaria, recibiremos mil chufas; se, en cambio, somos xente enganosa, de moito rezo pero pouca humanidade, pouco sensible aos problemas diarios das persoas que nos rodean, recibiremos o máis grande dos desprezos. Que pena que Xesús, e todo o de Xesús, sexa tan pouco coñecido! E algo será polo desinterese da xente, pero moito éo tamén polo pouco e mal que o transmitimos, coa palabra e coa vida, as persoas que nos dicimos cristiás e que dicimos empeñar as nosas vidas no seguimento de Xesús.