28 decembro, 2017

Tempo de Nadal: 2ª semana


31 de decembro: domingo dentro da oitava do Nadal: festa da Sagrada Familia

Evanxeo: Lc 2, 22-40

Meditación

Xa os días 29 e 30 meditamos algo este mesmo evanxeo. A festa da Sagrada Familia que hoxe celebramos invítanos a meditar nas nosas familias. Que posto ocupan nelas os nosos velliños e velliñas? Que papel asumen ou non asumen, que papel lles outorgamos ou lles negamos? Fanse --e axudámoslles a que se fagan-- esas persoas sabias en cousas da vida, que nos comunican os seus saberes e experiencias e son escoitadas nesa función? Que papel ocupan os nosos nenos e nenas? Traballamos en serio para axudalos a que saian persoas ben criadas, fortes no corpo e no espírito, sabias á altura dos seus anos? Iniciámolos con todo o respecto, coidado e emoción no coñecemento de Deus, no gusto de Deus? Que papel ocupamos as persoas adultas na familia? Coidamos da casa, da economía, seguramente, pero coidámonos tamén a nós, as nosas relacións de parella ou de pais con fill@s, de fill@s cos pais e nais? Coidamos o noso corpo, o noso espírito, o noso mundo emocional, a nosa fe, ou andamos algo ao tolo, sen deixar que aflore en nós esa fondura humana que todos levamos dentro? Respectamos a singularidade de cada unha das persoas que compoñemos a familia? Sabemos poñer a nosa singularidade ao servizo do conxunto da familia? Velamos moito para que as mulleres (avoas, esposas, fillas) que hai entre nós non sufran ningunha marxinación ou sobrecarga polo feito de ser mulleres? Respectamos os diferentes modelos de familia que se poden dar na nosa mesma familia ou en familias próximas? Gozamos e agradecemos tantas cousas boas como se dan na nosa familia? Bendicimos a Deus pola graza da vida familiar?

23 decembro, 2017

Tempo de Nadal: 1ª semana



TEMPO DE NADAL

Xa o 24 de decembro empeza o tempo do Nadal, que durará ata o domingo do Bautismo do Señor, este ano o 7 de xaneiro.

O Nadal é un tempo frío e chuvioso normalmente nas nosas latitudes, pero ao mesmo tempo cálido, que envolvemos en sinais de tenrura, de ledicia e de festa: luces, ceas e xantares, compras, regalos, relacións coa familia e con xente amiga. Un tempo no que, no medio de todo isto, hai bastante superficialidade, bastante insatisfacción, bastante baleiro, porque frecuentemente nos quedamos a medio camiño, non imos ao fondo das cousas, das vidas.

O cristianismo achegouse á festa pagá do Sol --que está na base da nosa festa do Nadal-- ofrecendo unha fe, un convencemento fondo: os homes e mulleres que imos poboando o mundo non estamos sos, non estamos tampouco ao libre dispor dunhas forzas escuras, nin dun fatídico destino. Todos, todas nós somos persoas acompañadas. Somos persoas habitadas por un misterio de luz e de amor, que nos dá orixe e que camiña ao noso lado, dentro de cada un, de cada unha de nós, invitándonos a entrar nunha dinámica de unidade solidaria, onde todos, todas, atoparemos a nosa máis limpa identidade, a nosa paz. Un misterio de luz e de amor que podemos percibir, nomear coa palabra que máis nos praza, e que sempre se nos ofrece para unha relación misteriosa e fecunda. Todo isto, iso si, vivido nas ás da inseguridade, da fe, desde o respecto máis profundo polo que somos os seres humanos, sen xogar para nada coas nosas nudeces, cos nosos medos, coas nosas aspiracións.

Tempo de Advento: 4ª semana


24 de decembro: Domingo 4 de Advento

Evanxeo: Lc 1, 26-38

Meditación

Canto debiamos agradecer que antes ca nós houbese persoas que estiveron á escoita de Deus na súa vida e na realidade, nas cousas que a diario vivimos! Persoas que, dentro ou fóra da relixión cristiá, souberon captar esa presenza do Único, da Vida, da Fonte, do Amor, do Fundamento de todo canto hai e somos; souberon admiralo, escoitalo, percibilo, acollelo, compartilo con sumo respecto, con completa implicación e dispoñibilidade; souberon deixar que as súas vidas bailasen ao son desa Forza que todo o crea, empuxa, renova e redondea. María foi, sen dúbida, unhas desas persoas. Pero, grazas a Deus, foron moitas as persoas que en cada xeración sostiveron acesa esta lapa do encontro entre Deus e as súas criaturas, que somos nós.

19 decembro, 2017

do 17 de decembro de 2017 ao 27 de xaneiro de 2018


Lecturas:

Texto base:
"Introducción al Antiguo Testamento" J.L Sicre. Verbo Divino. 1993

Textos complementarios:
"Un concepto actualizado de la revelación" Texto: A. T. Queiruga
"Cómo se formó a Biblia" Texto: A. T. Queiruga
"Para leer la Biblia" Etienne Charpentier - Cuadernos bíblicos 1 Verbo Divino

3º Encontro: 27 de xaneiro de 2018

Lectura:
Introducción al Antiguo Testamento. José Luis Sicre, Verbo Divino, Estella (Navarra), páxs. 61-127 (edición primeira), ou 75-164 (edición segunda).

Cuestións que poden ir orientando a túa lectura:
  1. Que razón hai para pensar que Moisés non puido escribir o Pentateuco?
  2. Entón eses libros non son revelación nin "palabra de Deus"? Como se entende iso?
  3. Como interpretar que Deus lle pida a Xacob que sacrifique o seu fillo Isaac?
  4. Para salvar a Israel, tivo Deus que "endurecer" o Faraón e matar os exipcios?
  5. Se Moisés tivo que discorrer, dialogar, aprender dos veciños... para publicar os Mandamentos, como dicimos que son mandamentos de Deus?