sábado, 29 de xuño de 2013

30 de xuño: Domingo XIII do Tempo Ordinario (C)

 
Evanxeo: Lc 9, 51-62

Comentario:

Xesús andaba co seu grupo de seguidores e seguidoras anunciando e vivindo o novo de Deus para o pobo máis ben polas comarcas arredadas de Galilea. Pero hai un momento no que decide baixar a Xerusalén, onde está o poder relixioso xudeu co que el se sabe claramente en conflito. Sabe de sobra que vai ser unha viaxe con consecuencias moi serias para el, para o seu grupo. Pero “decidiu en firme” ir aló. Vemos a un Xesús convencido, afrontando as dificultades, sen medos que o paralicen, ousado, con afán de defender a gloria de Deus defendendo a vida, o pan, a integración social e relixiosa das persoas máis débiles daquela sociedade. Canto ben nos traería a todas, a todos nós camiñar á sombra polo menos deste Xesús, participar da súa ousadía para defender nós hoxe o que el no seu tempo defendía. Que supoñería iso para nós, para a nosa comunidade, para a nosa Igrexa?

venres, 21 de xuño de 2013

23 de xuño: Domingo XII do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 9,18-24

Comentario:

Ás veces facémonos preguntas fondas sobre aspectos determinantes da nosa vida, e é ben que nolas fagamos, porque nos axudan a afianzarnos e clarificarnos nas nosas decisións, nos nosos estilos de vida. Por exemplo, por que casei eu coa miña parella? Ou: por que defendo eu a nosa fala galega? Ou: por que voto a tal partido? Ou: por que defendo unha agricultura ecolóxica? Ou: por que mando a miña filla a un colexio público? E daquela non está nada mal tampouco que nos preguntemos: por que ando eu con Xesús de Nazaré, por que son seguidor ou seguidora del? Quen é Xesús de Nazaré para min?

xoves, 13 de xuño de 2013

16 de xuño: Domingo XI do Tempo Ordinario (C)

 
Evanxeo: Lc 7,36—8,3

Comentario:

Estamos ante unha das páxinas máis densas e esperanzadoras do Evanxeo; algo así coma o Evanxeo do Evanxeo, onde se recolle aquilo máis substancial da mensaxe de Xesús, as claves do seu estilo actuar, e as consecuencias liberadoras que de ese estilo de actuar se derivaban para as persoas que tiñan a sorte de bater con Xesús na súa vida. Propónsenos este Evanxeo aos cristiáns e cristiás de hoxe, para ver se esas liñas de forza da Boa Nova de Xesús, ou do Xesús da Boa Nova, conseguen ter entrada nas nosas vidas, para que nelas suceda algo semellante ao que pasou na vida da prostituta que bicaba, regaba e enxugaba cos seus cabelos os pés de Xesús.

xoves, 6 de xuño de 2013

9 de xuño: Domingo X do Tempo Ordinario (C)

 
Evanxeo: Lc 7,11-17

Comentario:

Volvemos ao que na Liturxia lle chamamos “Tempo Ordinario”, é dicir, aqueles días e semanas nos que na Liturxia non se celebra ningunha festividade especial, e simplemente se nos vai ofrecendo a lectura dun dos evanxeos –este ano o de Lucas--, para que vaiamos poñendo en contacto con el a nosa vida tamén normal, ordinaria, de cada día. É un tempo precioso, porque nos invita a ollar a vida normal con ollos novos, humildes, sosegados, confiados, creativos, sabendo que a nosa vida, aínda que sinxela e ordinaria e ás veces tamén dura, está chea de moitas cousas boas, de moitas posibilidades. E Deus, Xesús, quere estar ao pé da nosa vida de cada día, coa súa presenza, co seu alento, axudándonos a vivila con forza e alegría, con paz e esperanza. E con moita solidariedade sempre, porque é na solidariedade, na preocupación de uns polos outros e outras, no amor, onde en definitiva se encontra o sentido último e mellor das nosas vidas.

Quinto Encontro


Celebramos a Trindade, que en definitiva é a identidade amorosa, amante, solidaria, de todos, de todo: alguén que sae de si e ama, alguén amado, amada, e a forza do amor que nos vincula. Así é Deus, e así somos todos e cada un de nós. Deus é Trindade e todos/todas nós estamos chamadas a ser Trindade. É hoxe a festa de Deus, é, polo tanto, tamén a nosa festa.