mércores, 25 de xuño de 2014

29 de xuño: San Pedro e San Paulo Apóstolos


Evanxeo: Mt 16, 13-19

Comentario:

A festividade de hoxe ten que ver coa Igrexa, ten que ver cos líderes relixiosos –Pedro e Paulo neste caso--, que estiveron nos seus inicios, ten que ver con todas as persoas, homes e mulleres que formamos parte dela, ten que ver con Xesús mesmo, que sen dúbida é a única pedra firme sobre a que se poden erguer e soster todas e cada unha das comunidades cristiás que facemos día a día a Igrexa de Xesús.

luns, 23 de xuño de 2014

Novas alternativas em tempos de mudança






Caríssimas e caríssimos,
há cinco anos que se realizam os Encontros de Verão grão de mostarda, refletindo projetos de confiança e de esperança atuante.



Novas alternativas em tempos de mudança
é o tema do encontro deste ano, que terá lugar a 12 de julho (sábado), para dar a conhecer experiências concretas de pessoas que abriram o coração à realidade, ao “fluir incessante” do quotidiano, usando a expressão do monge Carlos Maria Antunes.

Convidámos Paula Vieira, de Braga, e um casal da Galiza, Natalia e Breo Fernández.

mércores, 18 de xuño de 2014

Convivencia en Sobrado dos Monxes



Manuel Regal Ledo

Como é habitual na Escola de Espiritualidade, tamén este ano pechamos o curso cunha convivencia en Sobrado dos Monxes, lugar significativo para nós, porque alí empezou a Escola de Espiritualidade, alí se estivo levando a cabo durante anos, e alí seguimos tendo unha referencia comunitaria, espiritual, vital moi importante.

Ben, pois unha vez máis durante os días 13-15 de xuño deste ano, Sobrado dos Monxes converteuse para nós nun lugar de descanso, de convivencia, de pregaria, de ilusión, de soños, de integración, ... Ao redor de 55, segundo os días e os momentos, fomos as persoas que quixemos e/ou puidemos asistir á convivencia.

18 de xuño: Solemnidade do Corpo e do Sangue de Cristo (A)


Evanxeo: Xn 20, 19-23

Comentario:

Coa festa do Corpo de Cristo pasou algo semellante ao que pasou coa festa da Santísima Trindade: empezouse a celebrar moi tarde, no século XIII, nun ambiente de debate sobre a forma de presenza do corpo e do sangue de Cristo na Eucaristía. A visión dunha relixiosa, santa Xiana de Cornillón, no século XIII, e o milagre de Borsena, Orvieto, preto de Roma (un crego que dubidada da presenza do corpo de Cristo na Eucaristía, cando vai partir a Hostia para a comuñón, ve saír sangue da Hostia –algo semellante ao que se conta do milagre do Cebreiro), foron o primeiro paso para unha institucionalización da festa que se estendeu a toda a Igrexa no 1317. A partir de aí empezouse a xeneralizar o da Exposición do Santísimo, a Bendición do Santísimo, tocar a campaíña no momento do “alzar”, as Procesións co Santísimo. Ata eses tempos, a Eucaristía era a Eucaristía, simplemente, a memoria da vida, morte e resurrección de Xesús que se celebraba en cada Misa. En todo caso, o Xoves Santo sería xa a festa especial da Eucaristía, que deu pé á súa celebración continuada.

xoves, 12 de xuño de 2014

15 de xuño: Santísima Trindade (A)


Evanxeo: Xn 3, 16-18

Comentario:

A festa da Santísima Trindade non se estendeu por toda a Igrexa ata o ano 1334, co Papa Xoán XXII. Toda a liturxia cristiá é unha liturxia trinitaria, feita e celebrada no nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo. Posta ao final do tempo da Pascua, a celebración da Trindade fai coma de remate, de colofón, de resumo, de todo o vivido e celebrado durante o Advento, o Nadal, a Coresma, a Pascua, pois todo está á sombra do amor de Deus Pai, todo para nós está provocativamente realizado na persoa de Xesús, e todo é posible pola forza do Espírito que nos acompaña nas nosas celebracións e nos acontecementos todos da nosa vida.

xoves, 5 de xuño de 2014

Pregaria eucarística a partir de textos de Díaz Castro


Por Manuel Regal Ledo


(As palabras, frases ou parágrafos en cursiva están tomadas ao pé da letra dos poemas de Días Castro, ás veces lixeiramente modificadas para adaptalas ao noso intento. Ademais, noutros casos, sen empregar as súas mesmas palabras, seguimos as súas ideas e sentimentos)


Ai, Pai noso, Nai nosa,
Poetisa maior que cantas todas as cousas,
que as alumas con fachas das palabras,
da túa Palabra!

GLORIA E LOANZA A TI!

Co teu alento dáslle ás cousas, a todo canto vive,
a todo canto sucede en nós,
o drama cheo que lles nega a vida,
o rostro que nos fai recoñecibles e amables,
a palabra que nos devolve a dignidade.

8 de xuño: Domingo de Pentecoste (A)


Evanxeo: Xn 7, 37-39

Comentario:

Diciamos o domingo pasado que coa Ascensión do Señor quedaba aberto o tempo da adultez, da responsabilidade cristiá, persoal e comunitaria. No domingo de hoxe insistimos un pouco máis neste aspecto da nosa condición cristián. Hoxe é o domingo de Pentecoste. Pentecoste é unha palabra que vén do grego e quere dicir cincuenta. Chamámoslle así a este domingo, porque aos 50 días da Pascua, segundo o evanxelista Lucas, foi cando os seguidores e seguidoras de Xesús recibiron del o Espírito Santo. Lucas no relato do libro dos Feitos dos Apóstolos representa aos discípulos reunidos nun local, e fálanos de ruídos, de vento, de linguas de lume que baixan sobre as súas cabezas, para concluír que así quedaron cheos do Espírito Santo. Ben vemos que é unha maneira de falar moi imaxinativa. O certo é que aqueles seguidores e seguidoras de Xesús, despois de pasar pola amargura da morte inxusta de Xesús, se viron alentados/as pola súa memoria, polo seu Espírito, dun xeito inexplicable, que lles causaba admiración a eles mesmos e a cantas persoas batían con eles. E a isto estamos todos, todas, chamados tamén no día de hoxe.