25 xuño, 2014

29 de xuño: San Pedro e San Paulo Apóstolos


Evanxeo: Mt 16, 13-19

Comentario:

A festividade de hoxe ten que ver coa Igrexa, ten que ver cos líderes relixiosos –Pedro e Paulo neste caso--, que estiveron nos seus inicios, ten que ver con todas as persoas, homes e mulleres que formamos parte dela, ten que ver con Xesús mesmo, que sen dúbida é a única pedra firme sobre a que se poden erguer e soster todas e cada unha das comunidades cristiás que facemos día a día a Igrexa de Xesús.

A Igrexa sómola todas e cada unha das persoas vinculadas a unha comunidade cristiá con ánimo de coñecer e seguir a Xesús en grupo. Os nosos líderes teñen unha responsabilidade especial, por suposto, pero a comunidade cristiá, a parroquia da que formo parte, é cousa de todos e todas. Os líderes eclesiásticos represéntannos a todos e todas nós. A eles e a nós tamén nos pregunta hoxe Xesús: “E vós, quen dicides que son eu?”. Xesús non nos pide respostas teóricas, como non lla pediu a Pedro. Coa nosa vida, qué dicimos de Xesús, qué testemuño damos de Xesús?

Pedro, no seu tempo, con aquelas palabras “Ti es o Mesías, o fillo de Deus vivo”, dicía algo moi importante e moi arriscado tamén. Aquela sociedade estaba dominada pola figura do emperador romano, que tamén era considerado coma un fillo dos deuses na terra; por iso era unha verdadeira provocación afirmar que só en Xesús se vía futuro e liberación, que só Xesús era quen de revolucionar o mundo, co seu estilo de vida, coa súa maneira de establecer relacións sociais entre ricos e pobres, entres xustos e pecadores, entre autoridades e súbditos. É coma se hoxe, fronte ao enorme poderío dos cartos, das finanzas, das grandes multinacionais do armamento, da droga, dos produtos farmacéuticos, da alimentación, e dos estados que lles son submisos, afirmáramos convencidos/as de que non, de que o futuro non está nas súas mans, nos estilos de vida que provocan, senón que o futuro segue estando en Xesús e nos estilos de vida que alimenta. Afirmar isto quere dicir que día a día, pouco a pouco, temos a audacia de botar a andar pequenas experiencias persoais, pequenas comunidades, nas que, pola forza que nos vén de Xesús, demostramos crer nesa forma alternativa de entender a Deus, a sociedade, a vida e a forma de vivila.

San Pedro e San Paulo (Pablo Rabiella, siglo XVII)
Sobre esta base temos futuro na Igrexa. Fóra desta base todo é fume e vento. Tamén temos futuro sobre a base de Pedro e Paulo, sobre a base deste tipo de liderados. Pedro, o seguidor apaixonado, pecador arrepentido, que puido experimentar a misericordia fresca de Deus a través de Xesús, lento para entender na vida o misterio de Xesús que admiraba e que incluso de palabra recoñecía facilmente; este mariñeiro, traballador, home casado, pouco a pouco foise deixando traballar polo Espírito de Xesús, confirmou na fe ás primeiras comunidades cristiás non por ser autoritario e mandón, e andar vestido de roupas especiais e levar mitras e báculos, senón por andar os camiños cun simple caxato na man, para testemuñar aquí e acolá a novidade de Xesús a quen amaba con todo o corazón. Por Xesús e polas comunidades cristiás chegou a morrer tamén crucificado, coma o seu mestre querido. Sobre este liderado temos futuro na Igrexa.

Temos futuro sobre o liderado de Paulo, que, aínda que non coñeceu corporalmente a Xesús, quedou encantado pola súa figura, polo seu estilo de vida, polo que Xesús representaba para el e para calquera ser humano, por moi pecador e marxinal que fose. Abriu camiños novos na Igrexa. Pensou a fe que recibira, atreveuse a formulala de maneira sorprendentemente nova. Entendeu coma ninguén que Deus era Deus para todos e todas, que Xesús é un regalo de Deus para todos os homes e mulleres do mundo, que Deus é gratis. Saíu, viaxou, creou pequenas comunidades cristiás, onde con liberdade e responsabilidade compartida se avanzaba no camiño de Xesús; onde todos e todas eran importantes, onde todos e todas tiñan o seu carisma, a súa graza, que un Espírito común poñía ao servizo da comunidade. Por defender estar maneira de vivir a Deus, esta forma de facer comunidade, de facer sociedade, matouno o imperio, os poderosos, os que non queren saber nada da dignidade das persoas, do pobo. Sobre liderados coma o de Paulo temos futuro na Igrexa.

Hai quen pretende entender este evanxeo coma un argumento para defender os poderes absolutos do Papa e dos Bispos, para xustificar tamén o seu poderío, o seu boato. Hai quen entende tamén este evanxeo para desentenderse da súa responsabilidade na Igrexa, na comunidade cristiá, nas parroquias das que forma parte, como si con estar sometido ao Papa ou aos bispos ou aos cregos xa todo estivese solucionado. Ese non era o estilo de Xesús, certamente, e ese tampouco foi o estilo dos Santos Pedro e Paulo que Xesús e o seu Espírito nos deixaron como continuadores da tarefa que Xesús emprendera en vida.

Na celebración da Eucaristía achegámonos a Xesús, pedra viva sobre a que pode estar ben cimentada a nosa comunidade, cos seus líderes, coa participación de todos e cada un de nós, todas e cada unha de nós.


Preces:

TI ES O MESÍAS, O FILLO DE DEUS VIVO

  • Por iso te admiramos, Xesús, por iso te escoitamos e queremos facernos seguidores/as túas en comunidade, con todo canto facemos e vivimos. Oremos.
  • Por iso che mostramos o noso desexo profundo de que o teu Espírito acompañe e mova sempre ao noso Papa Francisco, ao noso Bispos, aos nosos cregos, para que a Igrexa sexa, algo coma ti, espertadora de alentos e esperanzas. Oremos.
  • Por iso precisamos a túa forza para darlle cara con humildade e valentía a quen pretende abusar e avasalar, e roubarlle o pan, o futuro, a dignidade á xente máis débil. Oremos.
  • Por iso poñemos nas túas mans as persoas que en diferentes lugares do mundo están sendo perseguidas e asasinadas por seren cristiás e quereren vivir coma ti viviches. Oremos.
  • Por iso che confiamos os esforzos que facemos para amparar a fe dos nenos e nenas que nestes días, nun lugar e noutro, están facendo a súa Primeira Comuñón. Oremos.

Pregaria:

Dámosche grazas, Xesús,
por formar parte da Igrexa, esta longa tradición crente
que ten en ti o seu punto de partida,
a súa inspiración,
a súa orixinalidade máis creativa,
as súas posibilidades de futuro.

Cantas cousas boas nos tes ofrecido
ao longo de anos e séculos,
saídas das mans de milleiros e milleiros de homes e mulleres
que creron e confiaron en ti,
que se inspiraron en ti para organizar os seus proxectos!

Canto servizo, canto amor, canta inocencia,
canta loita pola xustiza,
canta defensa da xente débil e marxinada,
canto andar humildemente na túa presenza,
canta paz, canta esperanza!

Canto pecado tamén –é certo--,
canto apego ao poder, ao diñeiro,
canta hipocrisía, canta infidelidade,
canto perdón necesitado, recibido e tamén dado!

Nesta hora providencial, neste día,
cando andamos á busca de novos camiños
para ofrecer con transparencia e gratuidade
o que de ti recibimos cada día,
presentámosche o desexo sincero
de nos deixar arrastrar polo teu Espírito,
de escoitar a túa chamada con oídos de discípulos/as.

T fálasnos, seguro, pola voz alentadora do Papa Francisco;
ti fálasnos pola voz urxente da xente máis débil da nosa sociedade;
ti fálasnos pola voz queixosa da natureza ferida;
ti fálasnos pola voz primordial de nosa propia conciencia;
ti fálasnos pola voz contrastada da comunidade.

Que saibamos escoitarte
para romper con tanta pasividade e desgana,
que nos inmobiliza e anula
Que saibamos facer da túa Igrexa, da nosa Igrexa,
un espazo de vida e liberdade,
un fogar para xente cansa e oprimida,
un hospital de campaña para a xente ferida pola vida,
(Foto: Xoán A. Soler / Mónica Ferreirós)
un lugar de acougo e respiro,
unha escola de participación e de responsabilidades,
de ledicia e de loita.

Que medre e se consolide así,
grazas ao teu Espírito sempre creativo e renovador,
a herdade dos santos Pedro e Paulo,
que pos nas nosas mans coma don e coma tarefa.


Signo:

  • Os rostros de Pedro e Paulo.
  • O rostro do Papa Francisco.
  • Imaxes de momentos comunitarios: celebracións, encontros, etc.
  • Imaxes de persoas en actos de servizo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.