domingo, 21 de decembro de 2014

Felicitación de Manuel Regal Ledo


FELIZ NADAL, FELIZ ANO NOVO



Desde o portal de Belén,
onde apunta a solidariedade de Deus
e nacen todas as esperanzas,
feliz Nadal, feliz ano novo.

Desde o mundo da aldea,
onde a esperanza viste as roupas humildes
da terra e da auga,
feliz Nadal, feliz ano novo.

Desde os fogares de renda escasa ou nula,
onde a esperanza se fai berro e demanda,
feliz Nadal, feliz ano novo.

Desde a xente sen fogar, desafiuzada, sen portal,
onde a esperanza se fai rabia e bágoas,
feliz Nadal, feliz ano novo.

Desde os conflitos armados da humanidade,
onde a esperanza é moza frustrada, castigada,
feliz Nadal, feliz ano novo.

Desde os soños sociais, políticos,
onde a esperanza se viste de noiva,
feliz Nadal, feliz ano novo.

Desde a Igrexa pobre e para a xente pobre,
onde a esperanza abre cautelosos camiños,
feliz Nadal, feliz ano novo.

Desde as páxinas de Irimia, Encrucillada e Fervenza,
onde a esperanza se fai palabra humilde, tatexante, servidora,
feliz Nadal, feliz ano novo.

Desde a Escola de Espiritualidade
onde a esperanza se fai comunicación e busca,
pregaria e compromiso,
feliz Nadal, feliz ano novo.

Desde o corazón de Deus,
onde a esperanza é xeito natural e eterno,
feliz Nadal, feliz ano novo.

Desde a casa, a familia, o corazón deste amigo,
onde a esperanza sofre violencias,
pero é máis vigorosa que todos os seus contrarios,
feliz Nadal, feliz ano novo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.