21 decembro, 2014

25 de decembro: Nacemento do Señor



Evanxeo: Misa da noite: Lc 2,1-14. Misa do amencer: Lc 2,15-20; Misa do día: Xn 1,1-18.

Comentario:

Podemos celebrar o Nadal ben na Misa da noite do 24, no amencer do 25, ou na Misa do día do 25. Para cada un destes momentos a liturxia ofrécenos lecturas distintas, que contribúen a achegarnos desde diferentes vivencias e perspectivas a un acontecemento tan fundamental para a vida cristiá: a presenza total de Deus na nosa historia, concentrada fundamentalmente no corpo fráxil dun neno nacido de pouco.

O relato de Lucas ten un aire completamente humanizado, vivo e cordial. Unha parella en viaxe obedecendo ordes políticas do poder establecido; unha muller a punto de parir obedecendo leis normais da natureza, nas que o autor intúe fonduras de amor dado e respondido, que van máis aló das simples aparencias; un parto apresurado, atendido como mellor se podía nunhas circunstancias pobres, limitadas, marxinais; uns pastores que van e veñen obedecendo sentimentos espontáneos de solidariedade, nos que se visibiliza a solidariedade fondísima de Deus con toda a humanidade sufrinte; anxos por aquí e por alí (onde aparece un anxo sempre se está a falar de algo maior que nos transcende ou pola súa grandiosidade, ou –como é neste caso— pola súa desconcertante simplicidade), que nos incitan a arrecantar os medos e a abrir os corazóns á ledicia máis fonda e plena; presenza de Deus desbordante nun marco vivo e real de pobreza e de solidariedade, que non é doado entender, acoller, agradecer, celebrar, e que por iso demanda corazóns silenciosos, acolledores coma o de María.

Faríamos mal en entrar a preguntarnos se tal ou cal cousa pasou ou non pasou así. Lucas non pretende narrar historia, senón transmitir certeza, convicción, fe, vivencia: Deus presente de forma absoluta e total na persoa e na vida de Xesús de Nazaré; o mundo da pobreza e da marxinación, onde xurde e medra a solidariedade coidadora, como espazo preferido por Deus para a súa manifestación en carne humana.

O evanxelista Xoán dinos o mesmo, pero neste caso na forma dunha viva e sentida meditación teolóxica, na que quedamos todos e todas incluídas. Deus non é absentista; o seu ser realízase na presenza, na comunicación; estamos vivos/as, vivimos en Deus; a carne, a existencia humana, a historia, a debilidade do presente todo iso é lugar propio de Deus; todo iso está embarazado de Deus. Xesús, coma fillo de Deus, vivenciou a fondo todo isto, desvelounos a nosa identidade máis fonda e real, a nosa condición de fillos/as, de criaturas onde Deus nun máximo de humildade se materializa e nos descubre o máis limpo e fermoso da nosa condición humana. Xoán invítanos a entrar neste mundo de luz e de dignificación humana.

Podemos caer na tentación de ler e meditar o texto de Xn 1,1-18 converténdoo nunha fantasía espiritual, tanto menos divina canto máis a apartemos da realidade humana que nos rodea. Lucas, coa súa narración humanizada e contextualizada, pódenos axudar a vivir o misterio do Nadal –Deus encarnado, mundanizado--, empuxándonos e poñerlle rostro presente ás conviccións relixiosas, e animándonos e escoller os espazos de solidariedade real coma os únicos onde se realiza a presenza de Deus, que todo el é apego, amor, solidariedade.


Preces:

QUE A LUZ DE DEUS ALUME AS NOSAS VIDAS
  • Que nos deixemos visitar e acompañar por Deus en todas as horas e circunstancias da nosa vida. Oremos xuntos/as.
  • Que sexamos sempre xente positiva, e acollamos a luz, a alegría, a forza que nos pode vir das persoas que nos rodean a diario. Oremos xuntos/as.
  • Que, sendo crentes e precisamente por selo, saibamos estar moi a carón das persoas que vexamos débiles, necesitadas, marxinadas e nos poñamos ao seu servizo en todo o que podamos. Oremos xuntos/as.
  • Que nos animemos a participar en asociacións de todo tipo, en sindicatos e partidos políticos, e que o fagamos honestamente, buscando non as nosas comenencias, senón que a vida lles vaia mellor a quen nestas horas de crise o están pasando tan mal. Oremos xuntos/as.
  • Que o novo goberno de España acerte a defender o pan dos pobres, o traballo dos parados, a dignidade das mulleres, a esperanza dos inmigrantes, as expectativas da xente nova, os dereitos de todos os cidadáns. Oremos xuntos/as.



Pregaria:

Feliz aniversario, Xesús,
feliz aniversario!

Belén vivente de Alalpardo
(Blog Crónica Norte)
Lembras?
Aquel nacemento teu tan chocante,
tan pobre, tan humilde,
como era normal en quen era fillo
dun pai e dunha nai pobres e humildes,
dun pobo pobre e humilde,
afeito a abusos e exclusións!

Aquel nacemento teu
por fonda e sinxelamente humano tan divino,
e por divino tan fonda e sinxelamente humano!

E logo os días, os meses, os anos,
os coidados da nai, do pai e da familia,
as influenzas do teu pobo, da túa cultura,
o Espírito humildemente actuando
lentamente, coma quen non quere a cousa,
ata ese estoupido de graza e de verdade
no que te convertiches
para gloria e bendición de todos e todas nós.

Feliz aniversario, Xesús!
Felices nós no teu aniversario,
sabendo que as cousas son así para todo o mundo,
que Deus é así de familiar e de entregado para todo o mundo,
que misteriosamente
xongue a súa sorte coa nosa,
a súa vida, coa nosa,
o seu Espírito, co noso,
a súa carne, coa nosa.

Feliz aniversario, Xesús!
Felices nós por ti,
que desde aquela bendita hora
quedamos asolagados nun mar de amor,
de solidariedade real e eficiente,
que lle dá norte e forza aos nosos amores cotiáns,
aos nosos compromisos e desvaríos!

Estaremos á altura de tanta bendición?
Saberemos acollela, agradecela, vivila felizmente?
Saberemos ir vertendo nos pequenos moldes do cotián
tal enxurrada de luz e de solidariedade?
Portal de Belén en Siria
(solidaridad.net)

Feliz aniversario, Xesús!
Sabemos que a túa presenza
se perpetúa entre nós
no rostro de cada criatura habitada por Deus,
nos rostro sen rostro de calquera pobre sufrinte.

Por iso, máis aínda,
un bico, unha aperta,
agarimosa e agradecida,
comprometida.

Feliz aniversario, Xesús!


Signo:
  • Unha representación do portal de Belén, que desde San Francisco, parece, se perpetuou entre nós coma símbolo da tenrura de Deus e da xente.
  • Ao lado unha imaxe ou representación dalgunha realidade actual onde, por inclusión ou por exclusión, poidamos ver o rostro humanizado de Deus, e o seu ofrecemento e chamada.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.