luns, 6 de abril de 2015

Celebración Penitencial de Coresma



Por Manuel Regal Ledo





(Nunha mesa, ben á vista de todas, hai dous pratos, dous vasos, unhas flores, pan, viño, a foto dalgunha persoa marxinal, símbolo de intimidade. Tamén unha cestiña con pedriñas brancas (cfr. Apoc 2,17)

O ano de Santa Teresa estanos invitando a ter un trato sólido con Deus: vivir baixo o convencemento agradecido de sermos persoas apaixonadamente amadas por Deus, e cun afán humildísimo e vigoroso de corresponder a tanto amor cun amor total, limpo, libre, firme, aberto a Deus e a todo o que Deus quere, e a todos e todas as que Deus quere, a todos e todas as que Deus, por seren fráxiles, especialmente quere. E moi doídos/as porque moitas veces isto non é así, e pasamos do amor fondo que Deus nos ten. Por iso imos facer esta celebración da penitencia atendendo a estas dúas dimensións do noso trato con Deus:

-.-Acoller a visita de Deus / Acoller a Deus cando nos visita nos seus fillos e fillas máis doridas.
-.-Visitar a Deus / Visitalo nos seus fillos e fillas máis doridas.

Cantiga:

QUE BIEN SE YO LA FONTE
QUE MANA Y CORRE,
AUNQUE ES DE NOCHE.

Aquí está llamando las criaturas
y de esta agua se hartan, aunque a oscuras,
porque es de noche.

1)Acoller a visita de Deus / Acoller a Deus cando nos visita nos seus fillos e fillas máis doridas.

Apoc 3, 14-20

“Ao anxo da igrexa de Laodicea escríbelle:
--Isto di o Amén, a testemuña fiel e lexítima, o comezo da creación de Deus: coñezo as túas obras: ti non es persoa fría nin quente. Quen me dese que foses persoa fría ou quente! Pero, por seres morna, nin fría nin quente, voute vomitar da miña boca. Porque dis: Son persoa rica, xa teño fartura e non preciso de nada; pero ti non sabes que es desgraciada, miserable e pobre, cega e espida.
Aconsélloche que merques ouro do meu, aquilatado no lume, para enriquecerte; e que merques roupa branca, para cubrirte e non ensinar a túa vergonzosa nudez; e que merques colirio para untar os teus ollos e así poderes ver. Que eu a quen lles quero ben, rífolles e corríxoos. Apaixónate e convértete! Mira que hai tempo que estou a petar na túa porta. Se alguén escoita a miña voz e abre a porta, eu entraría cabo desa persoa e cearía con ela e ela comigo.”

Deus está petando á porta da túa existencia. Cada día. Cada hora. Porque te quere. Porque te quere moito. E parece que non te decides a abrirlle a porta, ou lla abres un chisquiño só, con moitos receos, desconfiando da súa presenza. Tamén a xente máis aflixida, que vén sempre da man de Deus, peta á túa porta, para visitarte, para obsequiarte coa súa presenza, cos seus dons, e tamén te amosas remiso. Creste persoa rica, farta, que non precisas nin de Deus nin dos pobres, das pobres de Deus. Pobriño, pobriña de ti! Cando te vas fiar dunha vez enteiramente? Cando vas desexar con paixón a visita de Deus e da xente máis pobre que o acompaña? Cando vas mercar o ouro aquilatado de Deus, a roupa branca, o colirio, para andar viva en inocencia, amor e servizo solidario?
Pensa na túa vida. En que circunstancias, con que persoas, estás rexeitando a visita de Deus na túa vida? En que cousas sentes que Deus está petando á túa porta, e non acabas de decidirte a abrir?

Pregaria: (a dous coros)

Porque son persoa morna, nin fría nin quente,
son pecador/a, pídovos perdón.

Porque me considero rica, satisfeita,
son pecadora/or, pídovos perdón.

Porque parece que non preciso dos agasallos de Deus e da xente máis marxinada,
son pecadora/or, pídovos perdón.

Porque en tantas cousas son tamén
desgraciada e miserable,
pobre, cega e espida,
son pecadora/or, pídovos perdón.

Porque necesito do ouro de Deus, do ouro da xente marxinada,
son pecadora/or, pídovos axuda.

Porque necesito roupa branca para cubrir con inocencia e transparencia as miñas vergonzas,
son pecadora/or, pídovos axuda.

Porque necesito colirio para curar os meus ollos
e poder ver a Deus con ollos de fillo/a
e a xente máis pobre con ollos de irmán/á,
son pecadora/or, pídovos axuda.

Porque necesito apaixonarme e converterme,
son pecadora/or, pídovos axuda.

Porque me resisto a escoitar a voz de Deus e dos seus pobres
e a abrirlle a porta da miña vida,
son pecadora/or, pídovos axuda.

Porque poño tantas resistencias a que Deus e a xente pobre
entren cabo min, ceen e intimen comigo,
son pecadora/or, pídovos axuda.

Cantiga de perdón:

DÉIXATE QUERER, DÉIXATE QUERER,
DÉIXATE QUERER POR DEUS

Non poñas trabas ao teu amigo,
non teñas medo a compartir
as inquedanzas dunha amizade
que ten de froito feliz vivir (bis).

2)Visitar a Deus / Visitalo nos seus fillos e fillas máis doridas.

Lc 15, 26. 33

“Se alguén me quere seguir e non está disposto/a a romper co seu pai e con súa nai, coa muller e máis cos fillos, cos irmáns e coas irmás, e incluso coa súa propia vida, non pode ser discípulo, discípula miña. Pois así, como non renunciedes a todo o que tedes, non hai de vós quen poida ser discípulo meu, discípula miña”.

Para visitar a Deus, é necesario saír. Saír da propia casa, das propias seguridades e comodidades, de todo o teu, e iniciar un longo recorrido de liberdades. Para visitar con certeza a Deus e aos seus fillos e fillas máis doridas, é necesario saír ás periferias, compartir o tempo, o pan, a casa, as queixas, os cheiros as bágoas, os risos da xente desherdada. Para visitar a Deus, os fillos e fillas máis doridas de Deus, é necesario estar disposta/o a compartilo todo, a facer de ti un eu comunitario, que pense, fale, viva, coma, goce, loite sempre en comunitario. Para visitar a Deus, os seus fillos e fillas máis doridas, é necesario romper co teu eu posesivo e nacer de novo, como irmán, irmá universal,k xerado/a á vida polo materno Espírito de Deus.
Pensa. Que é o que te ata e impide saír cada día á busca de Deus, á busca da xente marxinal, onde Deus especialmente mora? Que medos te apreixan? Que covardías te escravizan?

Pregaria:

(Todos/as)
Eu non son meu.
Nada do que teño é meu.
Nada. Nada.

(a dous coros)
Nin o meu corpo é meu,
nin a miña intelixencia é miña,
nin as miñas habilidades son miñas,
nin o meu sorriso é meu.

Nin as miñas bágoas son miñas,
nin a miña saúde é miña,
nin a miña pregaria é miña,
nin o meu pecado é meu.

Nin os meus soños son meus,
nin os meus cartos son meus,
nin o meu sexo é meu,
nin a miña palabra é miña.

Nin a miña muller é miña,
nin o meu home é meu,
nin a miña virxindade é miña,
nin a miña Galicia é miña.

Nin o meu Evanxeo é meu,
nin o meu Xesús é meu,
nin o meu Espírito é meu,
nin o meu Deus, por suposto, é meu.

(Todas/os)
Eu son de todos, de todas,
débome a todos, a todas.
Eu son propiedade comunal.


Cantiga:

QUERO ESTAR AO TEU LADO, MEU DEUS,
A CARÓN DOS TEUS POBRES, MEU DEUS,
QUERO ESTAR AO TEU LADO, MEU DEUS.

Dispoñámonos a recibir o perdón dos irmáns e irmás, o perdón da comunidade, o perdón de Deus. Foi Xesús mesmo o que nos dicía que era imprescindible reconciliarse cos irmáns e irmás, para pretender calquera trato de intimidade con Deus. Quizabes a persoa á que lle tería que pedir perdón non é precisamente esta que teño ao meu lado. Pero, como exercicio de disposición a pedir perdón a quen llo teñamos que pedir, ímoslle dicir a quen temos a carón noso, con toda a verdade, con toda a convicción:
SON PECADOR/A, PERDÓAME, POR FAVOR.

E a persoa respóndenos: EU, NO QUE PODO, PERDÓOCHE. MIRA DE NON PECAR MÁIS.

E agora dispoñémonos a recibir o perdón de Deus a través de toda a comunidade e da persoa que a representa. (Ou ben se achega cada un ao sacerdote, maniféstalle o seu pecado, e este dálle a absolución, ou ben, se así se cre oportuno, o sacerdote dá a absolución colectiva.)

Cantiga:

PORQUE ES GRANDE, NOSO DEUS,
E VÉN DE TI CANTO É BO,
DESDE ESTA NOSA TERRIÑA
DÁMOSCHE GRAZAS, SEÑOR.

Signo final:

Volvemos a ollada á mesa onde están os pratos, os vasos, a cestiña con melindres, as pedriñas brancas. É a mesa da intimidade de Deus, que se abre sempre solidariamente á comunidade, ao mundo.

Lese o texto de Apoc 2,17

“Quen teña oídos escoite o que o Espírito lles di ás igrexas. Ao vencedor heille dar do maná escondido e tamén unha pedriña branca; e escrito na pedriña un nome novo que ninguén coñece, fóra daquel que a recibe”.

Invítase a xente a que vaia pasando, colla un melindre e unha pedriña branca. E mentres vólvese cantar a cantiga do comezo:

QUE BIEN SE YO LA FONTE
QUE MANA Y CORRE
ANQUE ES DE NOCHE.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.