20 setembro, 2018

Tempo Ordinario: 25ª semana


23 de setembro: domingo 25 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 9, 30-37

Un día Xesús e a xente que o acompañaban de cerca índose do lugar onde estaban atravesaron a Galilea. Non quería que o soubese ninguén, pois ía instruíndo as persoas que andaban canda el. E dicíalles:
--O Fillo do Home vai ser entregado nas mans da xente; matarano, pero, despois de morto, pasados tres días, ha resucitar.
As persoas que o acompañaban non entendían o que lles dicía, pero non se atrevían a preguntarllo.
Chegaron a Cafarnaúm e, cando estaban na casa, preguntoulles:
--¿De que viñades discutindo polo camiño?
Calou todo o mundo, porque no camiño discutiran entre si sobre quen era o máis importante. Xesús sentou, chamou por todo o grupo e díxolles:
--Quen queira o primeiro posto, que ocupe o derradeiro e se converta en persoa servidora de todo o mundo.
E, collendo unha criatura, púxoa no medio do grupo e dándolle unha aperta, dixo:
--Quen acolle a unha destas criaturas no meu nome, acólleme a min; e quen me acolle a min non é a min a quen acolle, senón a aquel que me mandou.

Meditación

O Evanxeo de hoxe volve a unha cuestión que aparece con frecuencia nas ensinanzas de Xesús. Sinal de que para el era algo básico. Para Xesús era un éxito defender o nome e a gloria de Deus, defendendo o pan, a dignidade, a esperanza de toda a xente sen excepción, aínda que iso lle supuxese ter que afrontar o ataque de xente que a iso se opuña, e a mesma morte. Unha morte así, desde o amor e a solidariedade, desde o servizo, era un triunfo da vida, era un éxito.
Pero o seu grupo non entendía así as cousas. A pesar dos tempos vividos con Xesús, a súa discusión versaba sobre quen era o máis importante, loxicamente desexando ser a persoa máis importante, ocupar os primeiros postos, verse servida pola demais xente etc. En definitiva, o que dicimos hoxe, ter éxito na vida, engordar, medrar, aínda que sexa pisando a xente, aínda que sexa andando en corrupción, aínda que sexa pechando os ollos, o corazón e a carteira, para non ver ao noso lado a quen precisa do noso servizo humanitario. Isto para Xesús sería unha vida fracasada, derrotada.
Seguen estando en pé estas dúas maneiras de entender a vida. Vémolas aparecer en moitos comportamentos persoais, sociais, políticos. A que máis seguidores ten é a que ve o éxito no triunfo insolidario, despreocupado, indiferente. Xesús invítanos a seguilo vendo o éxito da vida na capacidade de servizo, no consumirse pola demais xente, para que todo o mundo viva dignamente a súa cidadanía, a súa condición de irmán ou irmá.

Oración

Acoller unha criatura,
acoller a persoa máis fráxil,
poñela no medio dos nosos grupos,
das nosas ansias, das nosas ocupacións e preocupacións.
Acoller unha criatura así,
sexa do país, cor, raza, condición, credo que sexa,
e envolvela en apertas solidarias,
en agarimos e coidados
en dereitos e en obrigas xustas.
Acoller unha criatura así,
coa convicción fonda de que,
acollendo a debilidade
estamos acollendo o noso Cristo,
estamos acollendo o noso Deus,
estamos facendo da nosa vida un triunfo.
Este é o teu credo, Xesús,
polo que ti deches valentemente a vida.
Disto queremos facer tamén o noso credo,
aínda que nos custe.
Coa túa axuda, progresaremos.

Acción

¿Estamos apostando por algunha persoa débil, empobrecida, por algunha situación na que se pisen os dereitos de alguén? ¿Vivimos esa aposta ao estilo de Xesús? No mundo de hoxe, se non somos xente enredada nalgunha destas historias, é moi posible que lle esteamos dando as costas ao mesmo Xesús, aínda que sigamos tendo algunhas prácticas relixiosas.


24 de setembro: luns da 25ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 8, 16-18

Unha vez díxolle Xesús á xente:
--Ninguén acende un candil para cubrilo cunha ola ou para o meter debaixo da cama, senón que o pon nun candeeiro para alumar así as persoas que entren. Porque non hai cousa oculta que non chegue a saberse, nin segredo que non chegue a descubrirse e facerse público. Así que atendede a como escoitades, porque a quen ten daráselle, pero a quen non ten háselle quitar aínda o que cre ter.

Meditación

“A quen ten daráselle, pero a quen non ten háselle quitar aínda o que ten”. Palabras de Xesús que hai que entender ben. Non fala aquí de que, distribuíndo os bens, as riquezas, se lle teña que dar máis a quen xa ten, e quitarlle a quen non ten o pouco que poida ter. Sabemos de sobra que Xesús apostaba xustamente polo contrario, polo compartir, dándolle preferencia á xente máis débil sempre.
Esa frase, logo, quere dicir que, se temos unha actitude acolledora cara a palabra de Xesús –e tamén cara a calquera palabra humana que nos poida iluminar--, daquela a nosa vida medrará en toda clase de ben, ampliarase para acoller a quen nos rodea, iluminarase para descubrir as nosas zonas escuras, farase feliz e resplandecente, para nós e para as persoas que nos poidan rodear na vida. Deus é luz, transparencia, inocencia, verdade. Deus ilumina e aclara o noso corazón. Deus dános a encomenda de sermos tamén nós luz; luz humilde, agradecida, pero luz. Quen non está aberto á luz, a calquera luz, perderase na escuridade.

Oración

Que gusto dá a luz, meu Deus,
que gusto dá a luz!
Que gusto dá
andar coa vida iluminada, ao descuberto,
sen agachar nada ante ti, meu Deus
--imposible!--,
sen agachar nada ante ninguén!
Que gusto dá
vivir na inocencia, na transparencia,
na humildade,
exhibindo á luz do día,
as propias luces, as propias escuridades!
Que gusto dá
vivir na transparencia
ante ti, meu Deus,
ante toda a xente que nos rodee!
Que gusto dá, meu Deus,
recibir e agradecer a túa luz
e facernos luz para compartila!
Grazas!

Acción

Ás veces relacionámonos na vida desde os chismes, os segredos, as murmuracións polas costas, a falla de claridade, que non o saiba fulano etc. Normalmente este funcionamento enturba as relacións, agocha as verdades e non axuda a ninguén. ¿Estamos envolt@s en algo disto? ¿Poderiamos relacionarnos máis desde a transparencia, calando, iso si, cando o respecto nolo esixa?


25 de setembro: martes da 25ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 8, 19-21

Unha vez viñeron onda Xesús a súa nai e máis os seus irmáns, pero debido á moita xente non se podían achegar a el. Entón avisárono:
--A túa nai e máis os teus irmáns están fóra e quérente ver.
El respondeulles:
--A miña nai e máis os meus irmáns sono as persoas que escoitan a palabra de Deus e a levan á práctica.

Meditación

Xesús non renega da familia, pero entende que a familia non o é todo, non é o máis importante. A súa postura vital era escandalosa para aqueles tempos, nos que a familia tiña unha forza especial na traxectoria dunha persoa. Hoxe somos xente máis autónoma, pero aínda así a familia segue a ser algo ben importante dentro do noso desenvolvemento persoal e social.
Xesús, sen desentenderse da familia, móvese empuxado por razóns distintas dos lazos familiares da carne e do sangue. El descubriu unha nova familia maior formada por un Pai ou Nai, que é a fonte xenerosa de todo canto somos e temos; ante el toda a realidade creada (natureza, minerais, vexetais, animais, seres humanos) formamos unha ampla e intensa fraternidade, que se desenvolve ben cando está atenta a esa palabra fonda que resoa en todos os seres e nos leva a respectarnos, a amarnos, a servirnos, con humildade, sen prepotencias, buscando sempre o ben común. Escoitar e practicar esa palabra vai creando uns lazos moito máis fortes que os da simple carne e sangue.

Oración

Quero sentirme irmán, irmá
da terra, da auga e do vento,
a quen tanto, tanto lles debo.
Quero sentirme irmá, irmán
de todos, todos os animais,
sexan ou non animais domésticos.
Quero sentirme irmán, irmá
de todos os home e mulleres do mundo,
sexa cal sexa o seu sangue, o seu credo.
Quero sentirme irmá, irmán
da xente máis débil e empobrecida
que me fan ser irmá(n) moi de certo.
Quero sentirme irmán, irmá
ao abeiro da Fonte e Alento da vida,
irmá(n) no presente, no eterno.

Acción

A familia é un tesouro. Pero éo sobre todo cando nos capacita para saír, para voar, para sermos nós, para abrirnos a familias maiores. ¿Cómo estamos vivindo a nosa realidade familiar? ¿Vémonos en algo como persoas sometidas pola familia? ¿Vemos que o meu mesmo servizo á familia me está ancheando o amor, o corazón, a capacidade de saír de min mesma(o), e ser así máis universal?


26 de setembro: mércores da 25ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 9, 1-6

Un día Xesús convocou os Doce e deulles autoridade e poder sobre todos os demos e para curar doenzas. Logo mandounos a predicar o reino de Deus e a curar a xente enferma, avisándoos:
--Non levede nada para o camiño, nin caxato, nin alforxa, nin pan, nin diñeiro, nin dúas túnicas por persoa. Quedade na casa onde entredes ata que marchedes. Cando non vos acollan, ao saír daquela vila sacudide o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso. Eles botáronse ao camiño e percorreron as aldeas, anunciando a Boa Nova e curando en todas partes.

Meditación

Xesús tamén conta connosco. Igual que aos Doce no seu tempo, tamén hoxe nos envía a nós, homes e mulleres do noso tempo. A tarefa de Xesús non é só nin principalmente cousa de clérigos. É cousa de toda a comunidade cristiá. E todos e todas nós somos comunidade cristiá. A Igrexa, a comunidade cristiá concreta á que pertenzo, non é un supermercado de cousas do espírito, ao que acudo cando algo me fai falla e punto. Non somos persoas usuarias dun servizo que outras persoas nos dan. Somos a comunidade de Xesús, somos o grupo de Xesús que, por graza de Deus e da vida, descubrimos o regalo de Deus que é Xesús e todo o de Xesús, e gústanos vivilo, gustalo e compartilo con outra xente.
Xesús indícanos as formas de facer a tarefa que nos encomenda: disposición para saír, andar e compartir; humildade e pobreza: déusenos gratis, dámolo gratis; renunciar a facer ningún negocio ou carreira coas cousas da fe; compartir falando e, sobre todo, arrimándose á xente e valerlle en todo o que poidamos, nas cousas do corpo, nas cousas do espírito. O resto xa é cousa de Deus.

Oración

Xa o sei, Xesús, xa o sei,
non podo anunciar con convencemento
o que non vivo con paixón.
Non podo transmitir como Boa Nova
o que a min non me aleda o corazón.
Non podo falar de ti afervoadamente
se non tremo ao pronunciar o teu nome.
Non podo anunciar a presenza dun Deus
ao que non lle abro de par en par as miñas portas.
Non podo andar en humildade e pobreza,
mentres alá no fondo o egoísmo me siga marcando os pasos.
Non podo apaixonarme pola xente en debilidade,
mentres non os sinta realmente coma persoas irmás.
Que queres que che diga, amigo Xesús,
pero gustaríame que contases comigo.
Grazas.

Acción

¿Estamos participando dalgunha maneira na “misión” que Xesús lles encomendou aos Doce e que tamén nos encomenda a nós? ¿Podemos sinalar algunha cousa concreta na que nos vemos servindo a causa de Deus con algún servizo á xente? ¿Poderíamos mellorar algo nisto?


27 de setembro: xoves da 25ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 9, 7-9

Sucedeu que o tetrarca Herodes soubo de todo o que pasaba con Xesús e estaba perplexo, pois había algunhas persoas que dicían:
--Resucitou Xoán de entre os mortos.
E outras persoas:
--Apareceu Elías.
E outras:
--Resucitou un dos antigos profetas.
Pero Herodes dicía:
--A Xoán mandeino eu decapitar, ¿quen é, logo, ese de quen oio tales cousas?
E buscaba a maneira de ver a Xesús.

Comentario

Posiblemente sexamos moitas as persoas ás que Xesús nos deixa perplexas: atráenos, revólvenos, inquiétanos, namóranos, escandalízanos, sedúcenos, desbórdanos… Algo diso lle pasaba a Herodes. Que podemos facer? Fuxir dunha personalidade tan atractiva e tan misteriosa a un tempo? Dispornos a facer un camiño de aproximación á súa persoa, ao seu estilo de vida, dado que tanta xente ten habido que así o fixo e alucinaron coa súa amizade e co aire novo que foi collendo a súa vida? Pois parece que Herodes, con todo e ser como era, tiña ganas de facer esta experiencia. Quedámonos nas ganas coma el ou daremos algún paso? Hai xente, hai comunidades cristiás enredadas sinceramente con Xesús, que nos poden botar unha man, que nos poden acompañar nese camiño, que nos poden contar o que Xesús lles aportou, que nos poden achegar á súa porta para ter un encontro con el. Por que non probar, a ver?

Oración

Buscar a maneira de verte, Xesús.
Buscar,
non quedar parada, agardando sen máis
a que a casualidade me leve a ti.
Buscar,
remexer, revolver, tocar aquí e acolá,
todos os puntos e lugares
onde quen me precedeu na busca me di que te amosas.
Buscar,
esculcarte nos teus Evanxeos,
na miña vida, nas cousas da vida,
na vida da xente máis empobrecida,
uníndome á comunidade da xente buscadora.
Buscar,
calar, escoitar,
abrir os ollos do corazón para verte
e deixarme asombrar pola túa presenza humilde
(así me din que te amosas).
E que sexa o que Deus queira, Xesús,
que sexa o que Deus queira.

Acción

¿Estamos facendo algo por avanzar no coñecemento de Xesús? ¿Ou resignámonos a vivir na perplexidade cara a el, vivindo con rutina do que outra xente nos dixo, sen ousar experimentar en por nós o encontro con Xesús? ¿Cómo poderiamos dar algún paso neste camiño?


28 de setembro: venres da 25ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 9, 18-22

Unha vez que Xesús estaba orando nun lugar apartado, acompañado polo grupo que o seguía de cerca, preguntoulles:
--¿Quen di a xente que son eu?
Eles responderon:
--Hai quen di que Xoán Bautista; hai quen di que Elías, ou algún dos antigos profetas que resucitou.
Insistiu Xesús:
--¿E vós quen dicides que son eu?
Respondeu Simón Pedro:
--O Mesías de Deus.
Entón el prohibiulles terminantemente dicir nada a ninguén. E engadiu:
--Cómpre que o Fillo do Home padeza moito, que o rexeiten os anciáns, os sumos sacerdotes e máis os letrados, que o executen e que ao terceiro día resucite.

Meditación

Xesús orando. Xesús dándolle voltas ante Deus ao que traía entre mans: ser un valedor da esplendidez e da misericordia de Deus con toda a xente, maiormente da xente máis vulnerable, pola razón que fose. Xesús ollando para o seu grupo de xente íntima, que non daba entrado pola súa maneira servidora de entender a vida. Xesús que fai preguntas para que o seu grupo entenda, para que descubran presenzas novas de Deus que desconcertan. Xesús que lles abre o propio corazón, para compartir coa xente que o seguía de cerca o convencemento de que, se non somos persoas dispostas a sufrir pola causa de Deus, pola causa da xente empobrecida, é que non o entendemos a el. E non porque Deus se compraza no sufrimento de ningún fillo ou filla súa. Pero nada se reconstrúe, nada se renova, nada se resucita nas persoas e nos pobos e sociedades sen esforzo, sen aguante, sen sufrimento servidor e amoroso. E logo o silencio, para deixar que estas cousas vaian calando nas nosas entrañas. O silencio da xente no silencio de Deus. Para que o actuar da xente sexa tamén o actuar de Deus. Nós tamén estabamos alí.

Oración

Prohibiulles terminantemente falar.
Mandoulles calar.
Silencio.
Para non dar nada por entendido, por dixerido,
por asimilado,
por levado á vida.
Silencio.
Para evitar a verborrea inútil,
que non leva a nada,
que non convence a demais xente,
nin sequera a quen a pronuncia.
Silencio.
Para que as palabras cheguen ao fondo,
ás entrañas,
e se convertan en apegos entrañables.
Silencio para que Xesús tome corpo en nós,
para que nós tomemos corpo en Xesús, en Deus.
Silencio.

Acción

¿Quen está sendo Xesús para nós? ¿Parámonos algunha vez para ver se estamos asimilando algo do de Xesús? Por exemplo, ¿comprendemos que unha persoa cristiá non debería recear en sacrificarse polo común? ¿Estámolo facendo dalgunha maneira?


29 de setembro: sábado da 25ª semana do Tempo Ordinario. Festa dos Santos Arcanxos Miguel, Gabriel e Rafael.

Evanxeo: Xn 1, 47-51.

Nunha ocasión viu Xesús que se achegaba Natanael e dixo del:
--Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez.
Preguntoulle Natanael:
--¿E de que me coñeces?
Contestoulle Xesús:
--Antes de que Felipe te chamase, xa eu te vira, cando estabas debaixo da figueira.
Respondeulle Natanael:
--Rabí, ti es o Fillo de Deus, ti es o rei de Israel.
Díxolle entón Xesús:
--¿Porque che dixen que te vin debaixo da figueira, xa cres? Pois cousas maiores has ver.
E concluíu:
--Con toda verdade volo aseguro: habedes ver o ceo aberto e os anxos de Deus subindo e baixando onda o Fillo do Home.

Meditación

Igual nos desconcerta un pouco iso dos anxos de Deus subindo e baixando da terra ao ceo e do ceo á terra, porque a cousa parece corresponderse con esa idea de que Deus está arriba no ceo, nós abaixo, na terra, e, máis abaixo aínda, está o inferno, como lugar dos demos e de quen os segue. Os anxos terían, logo, o oficio de mensaxeiros, que iso significa en grego esa palabra; mensaxeiros de Deus. E as cousas, claro, non son así. Deus éncheo todo, está en todo, está en nós, mellor dito: estamos nós nel, entre el e nós non hai distancias xeográficas; si hai distancias infinitas no ser, no comprender, na capacidade de amar, de servir, de crear, de ser libres etc. Os anxos son coma un símbolo destas distancias, e da vontade de Deus de contar connosco, de facernos parte da súa vontade de unión, de comuñón para a vida e a felicidade nosa, a pesar de sermos tan pouquiña cousa.
Miguel quere dicir “quen coma Deus”, para sinalar o marabilloso que é o Deus que nos ofrece a súa amizade e coidados. Gabriel quere dicir “Deus amósase forte”, cunha fortaleza que pon ao servizo da nosa debilidade. Rafael quere dicir “Deus cura”, Deus repara, Deus remedia, Deus rehabilita, Deus recompón, Deus reúne, Deus reconcilia. Que gusto vivir dentro desta esfera de Deus que condescende connosco, con toda a súa creación!

Oración

Bendito sexas, Deus,
por querer compartir connosco
a túa amizade, a túa esplendidez!
Bendito sexas, Deus, bendito sexas,
por ofrecernos morada en ti,
morada, compaña e afectos,
mentres vivimos no corpo e cando del nos ausentamos!
Bendito sexas, Deus,
porque es humildemente forte,
e compartes connosco a túa humilde fortaleza!
Bendito sexas, Deus, bendito sexas,
porque nos coidas e nós curas
coa túa comprensión, co teu perdón, co teu alento!
Bendito sexas, Deus,
polo teu fillo Xesús, irmán noso,
o teu principal mensaxeiro entre nós!
Bendito sexas, Deus, bendito sexas
cando a xente nos facemos entre nós
os teus anxos ou “ánxelas” de ben,
recordándonos que Deus está ai e que nos quere!

Acción

Imos facer hoxe de anxos ou “ánxelas” de ben con calquera persoa da casa ou da veciñanza. Para iso podémoslle facer algo que lle dea paz, alivio, esperanza, ánimos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.