30 de setembro: domingo 26 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mc 9, 38-43.45.47-48
Unha vez díxolle Xoán a Xesús:
--Vimos a un que botaba demos no teu nome e quixémosllo impedir, porque non é do noso grupo.
Xesús respondeulle:
--Pois non llo impidades, porque ninguén que faga milagres no meu nome fala despois mal de min. Quen non está contra nós está connosco. E quen vos dea un vaso de auga por serdes do grupo de Cristo, tende por seguro que non quedará sen recompensa. E a quen escandalice a unha destas criaturiñas miñas que cren en min, máis lle valera que lle colgasen do pescozo unha pedra de muíño e o largasen ao mar. Se a túa man te fai caer, córtaa: máis che vale entrar toco na vida que ir parar coas dúas mans ao inferno, ao lume que nunca se apaga. E, se o teu pé te fai caer, córtao; mellor será que entres coxo na vida, que ir dar cos dous pés no inferno. E, se o teu ollo te fai caer, arríncao; máis che vale entrar cego no reino de Deus e non que te boten cos dous ollos no inferno, onde o verme non morre nin o lume se apaga.
Meditación
Neste pedaciño de Evanxeo vanse enganchando unhas cousas coas outras. E todas son importantes tamén para nós. Empeza invitándonos a non facer da comunidade cristiá, da experiencia de vida cristiá, unha cousa pechada. Deus é máis grande que cada unha de nós, máis grande cá comunidade cristiá, cá Igrexa. Iso quere dicir que debemos vivir en moita humildade: en calquera persoa, crente ou non crente, podemos atopar cousas marabillosas de Deus, das que aprender e que agradecer.
Pero iso non quita a nosa admiración por Xesús, e o noso respecto profundo a todo o que por medio del nos foi dado, e o noso respecto por todas as persoas que din seguir a Xesús e se empeñan con verdade no seu seguimento. Calquera cousiña que traia o recendo de Xesús merece a nosa maior consideración. No concerto das relixións, iso é o que a nós nos foi confiado, e deso debemos responder ante Deus, ante a humanidade.
E por iso mesmo, pero ao revés, que importancia ten calquera cousa que se converta nun tropezo para calquera das persoas máis simples, sexan da idade e condición que sexan, que cren en Xesús, e que por iso mesmo se sintan freadas no seu seguimento! E estes tropezos para a fe da xente pequena pódense dar dentro mesmo da comunidade cristiá, como está pasando co tema da pederastia. A linguaxe metafórica de Xesús deixa ver a importancia que el lle daba ao coidado da xente humilde, na súa fe, na súa vida.
Oración
Corríxenos coma a Xoán, Xesús,
ante todo comportamento pechado e exclusivista.
Ti apréndesnos a vivir en humildade sempre,
ante a xente da comunidade
ante calquera home ou muller
que levan consigo os sinais amorosos da túa presenza creadora.
Apréndesnos a ver así as cousas
e a medrar co que contemplamos noutra xente,
e a gozarnos con iso,
e a loarte por iso.
Apréndesnos a vivir sempre en humildade,
sen angustias, pero con humildade;
polo respecto que nos merece Deus,
polo respecto que nos merece a xente,
sobre todo a xente máis humilde;
polo respecto que nós merecemos nós mesmas.
Nunha sociedade tan pechada e crispada,
tan dada a condenar e excluír a quen non é do meu grupo,
apréndenos a ser testemuñas do teu afán inclusivo
en todo, con todo o mundo,
sobre todo coa xente máis excluída.
Acción
Podemos mirar se en algo estamos funcionando con criterios de grupo pechado. Tanto respecto á vida social, como respecto ao campo da fe. Seguro que poderemos cambiar e avanzar moito neste campo.
1 de outubro: luns da 26ª semana do Tempo Ordinario. Memoria de Santa Tareixa do Neno Xesús
Evanxeo: Lc 9, 46-50
Unha vez as persoas que seguían a Xesús de cerca empezaron a discutir sobre quen delas era a persoa máis importante. Xesús, léndolles o pensamento, colleu pola man unha criatura, achegouna a si e díxolles:
--Quen acolle a esta criaturiña no meu nome, acólleme a min, e aquel que me acolle a min acolle a quen me enviou; porque a persoa máis pequena entre vós esa é a máis importante.
Tomando entón a palabra Xoán, dixo:
--Mestre, vimos a alguén que botaba demos fóra no teu nome e tratamos de llo impedir, porque non é do noso grupo.
Xesús contestoulle:
--Pois non llo impidades, que quen non está contra vós, está convosco.
Meditación
Santa Tareixa do Neno Xesús naceu en Francia no ano1873. Sendo aínda unha nena, tivo experiencias relixiosas moi intensas, por exemplo, cando fixo a Primeira Comuñón aos 11 anos. Despois de llo solicitar ao mesmo Papa nunha audiencia, con 15 anos ingresou no Carmelo de Lisieux, onde profesou con 17 anos. Morreu moi nova, 24 anos. Escribiu un libro, “Historia de un alma”, unha autobiografía espiritual, no que podemos seguir a súa sinxela e fonda traxectoria crente. Patroa das Misións desde o ano 1925, no 1997 foi declarada Doutora da Igrexa. A súa achega á espiritualidade cristiá podémola ver resumida no que se deu en chamar “infancia espiritual”. A súa profunda e moi madura experiencia relixiosa viviuna nun marco de sinxeleza e confianza absoluta en Deus, fuxindo sempre de calquera forma de vaidade e superando importantes dificultades no seu camiño de fe. Foi coma esa criaturiña do Evanxeo, que Xesús nos ofrece como referencia. Non é un xogo pueril. É a máxima madurez na máis grande simplicidade.
Oración
¿A que me invitas, Xesús,
co exemplo de Santa Tareixiña?
¿A que nos provocas
coa súa imaxe fráxil e a súa curta historia,
repletas de vida e de intensidade?
¿A que nos chamas
coa súa sorprendente madurez
rodeada de inocencia e simplicidade?
Eu teño o meu camiño,
cada quen ten o seu camiño,
para o que ti te ofreces como compañeiro fiel.
Non me pides milagres,
pero si que vaia madurando pouco a pouco,
mesturando humildemente
o empeño persoal coa confianza absoluta
en ti, Xesús, no teu Espírito, no teu Deus,
no noso Deus.
Ben asentada no anaco de terra e tempo
no que me toca vivir.
Ben asentada en ti,
coma unha criaturiña no colo da súa nai.
Acción
Unha maneira de madurar na fe é non facer cousas por rutina. Se vemos que estamos facendo con rutina algo relativo á nosa vida cristiá, é mellor que o deixemos de facer, que nos preguntemos que pasa aquí, que o falemos con outras persoas que nos poidan axudar niso, e xa miraremos por onde coller.
2 de outubro: martes da 26º semana do Tempo Ordinario. Memoria dos Santos Anxos Custodios.
Evanxeo: Mt 18, 1-5.10
Nunha ocasión achegáronse a Xesús as persoas que o seguían máis de cerca para lle preguntar:
--¿Quen é o máis importante no reino dos ceos?
El chamou por unha criaturiña, púxoa no medio do grupo e dixo:
--Asegúrovos que se non cambiades e non vos facedes coma esta criaturiña, non entraredes no reino dos ceos. Quen se faga pequena coma esta criaturiña será a persoa máis importante no reino dos ceos. E quen acolla unha criaturiña coma esta no me nome, acólleme a min.
Coidado con desprezar a unha destas criaturiñas! Asegúrovos que os seus anxos no ceo están sempre contemplando o rostro do meu Pai celestial.
Meditación
Unha vez máis a alerta de Xesús contra o afán mundano de buscar ser importantes a base de poder, de forza, de dominio, de cartos. Outra vez a chamada de Xesús para que entendamos que ser importante é poñerse no centro coa xente máis fráxil e fundirse con ela nunha aperta vital, nunha disposición a servir, coa suma humildade, coa suma intelixencia que a xente máis vulnerable se merece.
Así unhas persoas convertémonos para outras neses anxos custodios, a través dos cales Deus mira con sumo respecto e consideración polos seus fillos e fillas. As persoas máis vulnerables son algo absolutamente sagrado para Deus, son os especiais anxos custodios de toda a humanidade; de aí que todo o que teña que ver coa súa vida, co seu trato, coa súa dignidade está especialmente presente aos ollos de Deus, ten suma importancia para el. E deberíaa ter tamén para nós, para toda persoa que cre en Deus.
Oración
Grazas, meu Deus,
por todas as persoas que ao longo da miña vida
foron sendo para min santos anxos custodios.
Amosáronme moi realmente
a túa presenza, compaña e protección,
grazas!
Grazas, meu Deus,
por esa incomprensible forza de ben,
por esa inaudita chamada á irmandade, á xustiza, á unión,
que misteriosamente se fai persistente en min
e empuxa a miña vida,
a pesar das miñas preguizas, covardías e egoísmos.
Ti estás certamente aí protexendo,
grazas!
Grazas polas criaturas máis fráxiles,
verdadeiros anxos custodios da comunidade cristiá,
que nos amosan o teu rostro
e o camiño de luz que leva ao teu encontro.
Grazas!
Acción
¿Poderiamos sinalar algunhas persoas que foron ou son coma anxos custodios para nós? Agradezámosllo dalgunha maneira. ¿Estamos nós sendo coma anxos custodios para outras persoas vulnerables? Celebrémolo tamén, para fortalecernos nesa tarefa.
3 de outubro: mércores da 26ª semana do Tempo Ordinario.
Evanxeo: Lc 9, 57-62
Unha vez, indo de camiño Xesús co grupo que o seguía máis de cerca, díxolle unha persoa:
--Seguireite, vaias a onde vaias.
Respondeulle Xesús:
--As raposas teñen tobeiras e os paxaros teñen niños, pero o Fillo do Home non ten onde pousar a cabeza.
E díxolle a outra persoa:
--Sígueme.
Pero esta persoa contestoulle:
--Déixame ir primeiro enterrar a meu pai.
Respondeulle Xesús:
--Deixa que os mortos enterren os seus mortos; ti vai anunciar o reino de Deus.
Outra persoa díxolle tamén:
--Señor, seguireite, pero deixa que primeiro me despida da miña familia.
Contestoulle Xesús:
--Quen despois de por a man no arado mira para atrás, non é persoa apta para o reino de Deus.
Meditación
Calquera de nós pode ser esa persoa que se dirixe a Xesús con vontade de andar canda el, de seguilo no seu proxecto de vida, no seu estilo de vida. Inicialmente gústanos o de Xesús, iso de facer unha persoa nova, limpa, libre, unha sociedade nova radicada na irmandade, na honestidade, no respecto preferente pola dignidade da xente máis vulnerable. Que aventura máis preciosa!
Xesús, encantado de que haxa xente embarcada nos seus soños, respéctanos moito e simplemente nos sinala algunhas condicións para que o acompañamento non nos defraude e nos dea satisfacción. Condicións chocantes certamente. Trátase de sermos libres, libres a fondo, ante o afán de posuír (cartos, poder, prestixio social, sentirse superior, dominio…), e ante calquera vínculo nas relacións, que, aínda que pareza moi digno e moi loable, nos acabe dominando. Seguro que nos dan que pensar as respostas de Xesús, sempre provocativas, pero sempre tamén cheas dunha sorprendente sabedoría humana, tan humana que sabe a Deus.
Oración
Quérote libre e limpa,
coma a auga dos regatos montesíos,
coma os ventos do nordés que te desentumecen.
Quérote forte e vigorosa,
quérote ti mesma
ante calquera forma de posesión que te reduza.
Quérote gozosa e festeira,
gozando de todo, sen prenderte a nada.
Quérote viva e namorada,
na escola diaria dos amores pequenos,
que te habiliten para as grandes fazañas do amor.
Quérote louca e arriscada
soñando cunha terra de esperanzas
onde vivir desapegadamente apegada.
Quérote libre e limpa,
miña amada.
Acción
Podemos ver que lazos nos atan de tal xeito que nos sintamos persoas limitadas para vivir fraternalmente e para traballar pola irmandade real entre a xente, entre a veciñanza. ¿Poderiamos romper algúns deses lazos e facernos algo máis libres ante Deus, ante nós?
4 de outubro: xoves da 26ª semana do Tempo Ordinario. Memoria de San Francisco de Asís.
Evanxeo: Lc 10, 1-12
Un día designou o Señor a outras setenta e dúas persoas, e mandounas diante del de dúas en dúas a todas as vilas e aldeas a onde tiña pensado ir. Díxolles:
--A anada é ben boa, pero hai pouco quen a traballe; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros e xornaleiras para a seitura. Ide e sabede que vos mando como años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén polo camiño. Cando entredes unha casa, antes de máis nada dicide: “Paz a esta casa”. E se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco. Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que quen traballa ten dereito ao seu xornal. Non andedes de casa en casa. Cando entredes nunha aldea e vos acollan, comede do que vos dean, curade a xente enferma que haxa e dicídelles: “Xa chega a vós o reino de Deus”. Pero cando non vos acollan na aldea na que entredes, saíde ás prazas dicindo: “Non queremos levar da vosa aldea nin o po que se nos pegou aos pés. Aí vos queda. Pero sabede que xa chegou o reino de Deus.” Asegúrovos que o día aquel será máis suave para Sodoma do que para esa aldea.
Meditación
Amósasenos o primeiro plan de evanxelización levado a cabo polas primeiras comunidades cristiás seguindo as palabras e o estilo de Xesús. Moito bo hai en Deus para a xente, que merece atención; moita xente hai precisada desa abundancia de Deus. Oxalá se multiplicasen os homes e mulleres dispostas a facer florecer tanto ben! Andar en pobreza total, que evanxelizar non pareza nunca un negocio en nada. Saír, andar os camiños, bater coa xente, establecer vínculos fraternos, dando e recibindo paz, anunciando o ben de Deus, non as nosas ideas, implicándose nos problemas da veciñanza, aceptando que haxa quen nos desprece.
Hoxe andamos ás voltas tamén coa evanxelización. Estamos necesitados de volver ás propostas de Xesús, aínda que teñamos que adaptalas aos nosos tempos. Francisco de Asís (1182-1226), laico, a quen recordamos hoxe, foi un gran evanxelizador. Ante unha Igrexa que optara polo poder, ante unhas comunidades de monxes arredadas do pobo, con grandes dominios, grandes mosteiros e grandes bibliotecas, optou pola pobreza, por vivir en vivendas pobres a carón da xente, compartindo as súas carencias, coa paz como lema e recurso, nunha fondísima irmandade con todo, coa natureza, cos animais, coa xente, incluso coa xente inimiga. O noso Papa escolleu para si o nome de Francisco, recordando a este santo, pensando que a súa maneira de vivir e ofrecer o Evanxeo era moi necesaria no noso tempo tan precisado da frescura e do vigor do Evanxeo.
Oración
Con Francisco, meu Deus,
quero andar en camiños de irmandade.
Quero a irmandade que de ti nace, meu Deus,
como fonte e sustento de todos os meus pasos.
Por ser irmán, irmá,
aspiro a chegar a ser pobre,
pobre por dentro e por fóra,
pobre feliz,
porque que canto máis un posúe máis protexe a posesión
e crea distancias coa xente.
Por ser irmán, irmá,
quérome persoa de paz,
persoa amiga, próxima, familiar,
persoa que traballa a paz a forza de paz e de xustiza.
Por ser irmá, irmán, meu Deus,
quérome envolta coa xente nas súas festas e amarguras,
levando o teu alento, o teu consolo,
regalándoo, como ti a min mo regalaches.
Por ser irmán, irmá,
quérome admirador das túas criaturas todas
e coidadora da casa común
onde todo o mundo vive en gran familia.
Que acolla o teu Espírito, meu Deus,
como Francisco o soubo acoller.
Acción
Fan falla xornaleiros xornaleiras para espallar o ben de Deus nos nosos pobos e aldeas. ¿Estamos colaborando nalgunha acción que axude a isto? ¿Poderiamos dar un paso adiante e colaborar algo máis?
5 de outubro: venres da 26ª semana do Tempo Ordinario. Témporas de agradecemento e de apertura aos dons de Deus.
Evanxeo: Mt 7,7-11
Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
--Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos. Porque quen pide recibe, quen busca atopa e a quen peta abriráselle.
¿Ou hai alguén entre vós que, se o seu fillo ou filla lle pide pan, lle dá unha pedra? ¿Ou se lle pide un peixe lle dá unha cobra? Pois se vós, que sodes ruíns, sabedes dar cousas boas á vosa crianza, canto máis voso Pai celestial lla dará á xente que llas pida!
Meditación
Iso das “témporas” pódenos soar hoxe a cousas raras. Na Igrexa do pasado tivo bastante importancia. Nunha sociedade eminentemente rural era unha festa poder celebrar ao final do verán o traballo feito e as colleitas que garantían fartura para todo o ano. Nunha sociedade eminentemente relixiosa vivíase e celebrábase iso ollando con agradecemento para Deus, de quen se consideraba que viñan todos os bens.
Hoxe somos menos directamente rurais, menos crentes e cústanos entender que dependan de Deus as cousas que imos producindo, no campo ou na cidade, co noso esforzo persoal e colectivo. ¿Qué pinta, logo, Deus nas nosas vidas? As persoas crentes seguímolo vendo como a fonte de todo canto ben podemos gozar. Vémolo tamén como a enerxía que nos empuxa a organizar o noso traballo para poder vivir do producido.Vémolo como quen nos empuxa a ver o mundo como unha casa común e os homes e mulleres que o habitan como unha gran fraternidade, para que ninguén lle negue a ninguén o seu dereito a traballar e a vivir do seu traballo.
Orar nas Témporas e sempre significa abrirnos con agradecemento e atención a este Deus que nos quere felices traballando e compartindo os bens da terra.
Oración
Que ben que poida medrar ao teu carón, Xesús,
guiada e empuxada por ti,
en ser persoa permanentemente aberta.
Aberta a ti, á xente, á vida,
ao teu Deus e noso Deus.
Que ben aprender ao teu lado, Xesús,
levada polo teu espírito,
a pedir, a buscar, a petar,
sabéndome carente, necesitada en tantas cousas,
pero confiada nas mans xenerosas que mas ofrecen.
As mans ben concretas de moitas persoas,
as mans casuais da vida,
as mans sorprendentes de Deus
que guía e sostén todas as nosas mans.
Que ben, Xesús, poder gozar contigo, en comunidade,
neste outono de froitos e bendicións,
coa esperanza de que a ninguén lle falte pan e irmáns con quen comelo.
Grazas por tanto ben!
Acción
Cando hoxe xantemos ou cenemos, podemos facer un breve recoñecemento á xente rural que produciu os nosos alimentos, e ao Deus da vida que está detrás de todo canto existe.
6 de outubro: sábado da 26ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 10, 17-24
E pasou que volveron moi contentas as setenta e dúas persoas (que Xesús enviara en misión), dicindo:
--Señor, mesmo os demos tamén se nos someten no teu nome.
El díxolles:
--Eu vía a Satanás caendo do ceo coma un raio. Porque vos dei poder para pisardes cobras e máis alacráns e poder sobre toda forza inimiga, e nada vos fará mal. Con todo, non vos alegredes de que os espíritos se vos sometan; alegrádevos, máis ben, de que os vosos nomes estean escritos no ceo.
E naquel momento exclamou Xesús cheo do gozo do Espírito Santo:
--Bendito sexas, Pai, Señor do ceo e da terra, porque lles agachaches estas cousas á xente sabia e entendida e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así.
Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o Fillo a non ser o Pai, nin coñece o Pai a non ser o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.
E, volvéndose a todo o seu grupo, díxolles á parte:
--Benia os ollos que ven o que vós vedes! Porque é ben certo que moitos profetas e reis desexaron ver o que vós vedes e non o viron, e oír o que vós oídes e non o viron.
Meditación
A cousa vai de alegrías. Primeiro as alegrías do grupo mandado por Xesús en misión, que volve contento porque se ven con poder sobre o mal; cobras e alacráns son símbolo de todo o que pode restar vida á xente. Xesús, valorando iso, proponlles unha alegría maior: saber que Deus está por nós e que o que facemos facémolo porque nós tamén queremos estar por el e por todo o que a el lle prace, que non é senón a dignidade da xente. Os nosos nomes, a nosa persoa toda está envolta pola luz e forza de Deus.
Aínda hai unha terceira alegría, que é a que fai vibrar a Xesús: a alegría de saber que Deus ten unha paixón preferente pola xente humilde, pola xente máis baixa; Deus é como a auga que o rega e revitaliza todo, pero empezando sempre polo máis baixo; así ningunha persoa queda nunca excluída por ser vulnerable. E aínda temos unha cuarta alegría: a de percibir que o que con Xesús estamos vivindo é para nós o gran momento de Deus, que cantos quixeran ter coñecido e vivido. Xesús é aquí a gran ledicia de Deus.
Oración
Que curioso, Xesús!
O que me custa ser alegre coas túas alegrías,
aínda que creo nelas
e a manterme con elas aspiro!
Saber que me dás forza
para impoñerme ao que nos destrúe!
Ter por certo que o meu nome
está escrito para sempre no libriño da vida
cheo cos nomes de todos os homes e mulleres do mundo!
Coñecer a túa preferencia pola xente humilde,
para que a túa amizade non sexa privilexio
dos superhomes ou supermulleres!
Participar dos máis grandes segredos divinos,
que permiten comprender os complexos segredos humanos!
Ti, Xesús, a grande alegría de Deus
para curar as miñas tristuras,
as tristuras do mundo,
a base de afectos fondos e recios!
Acción
Igual podemos revisar algo as razóns das nosas alegrías na vida. ¿Somos persoas dadas á tristura ou á alegría? ¿Qué é o que nos fai vivir con alegría? ¿Qué é o que nos entristece cada día? ¿Tería algo que nos dicir Xesús? ¿Poderíanos axudar en algo a ser máis alegres?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.