mércores, 27 de febreiro de 2019

Tempo de Coresma



TEMPO DE CORESMA

Co mércores da cinza comezamos o tempo da Coresma. Temos por diante corenta días de preparación para a Pascua, que é a celebración do triunfo da vida en Xesús de Nazaré e tamén o triunfo da vida nas nosas existencias humildes, e na comunidade e pobo do que formamos parte.
Na Coresma Deus invítanos a baleirarnos para nos poder encher del e do seu Espírito.
Na Coresma Deus invítanos a compartir a nosa presenza, palabra, tempo, cartos, empobrecéndonos algo para que outra xente medre na vida coa nosa axuda.
Na Coresma Deus invítanos a descubrir unha maneira nova de nos relacionar coa xente, véndoa en todo coma irmá e non como rival ou competidora.
Na Coresma Deus invítanos a descubrir a ledicia que dá o pouco, o pequeno, o simple, e ofrécenos, polo tanto, unha maneira nova e accesible de ser persoas felices.
Na Coresma Deus invítanos a ollar con paz e con esperanza para nas nosas propias vidas, aínda que receemos facelo por mor das trapalladas que ás veces nos consentimos.
Na Coresma Deus  invítanos a ollar para a xente do noso redor, para decatarnos de que vivimos grazas aos demais, e de que os demais tamén vivirán grazas a nós, se non nos negamos a esta preciosa correspondencia.
Na Coresma Deus invítanos a ollarnos con tenrura e a ollar con tenrura tamén a toda persoa que se cruce connosco na vida.
Na Coresma Deus invítanos a gozar e medrar dando e recibindo perdóns.
Na Coresma Deus invítanos a tomar en serio a construción da sociedade na que vivimos, pois diso depende que moita xente máis humilde poida vivir con dignidade.
Na Coresma Deus invítanos a serenarnos e acougar, a atoparnos connosco e con el na soidade compartida.
Na Coresma Deus invítanos a andar con humildade pola vida, confiad@s na forza de ben que Deus gratuitamente nos ofrece.
Na Coresma Deus invítanos a contemplar o espertar da vida na natureza e a acompañala e protexela sempre.
Na Coresma Deus invítanos a saír das nosas casas para visitar a xente veciña e levarlle algo de compaña e calor.
Na Coresma Deus invítanos a volver a falarlle a aquela persoa á que, polo que sexa, lle deixei de falar.
Na Coresma Deus invítanos a cabrearnos contra a inxustiza e a envolver en paz os nosos cabreos.
Na Coresma Deus invítanos a sentirnos viv@s, libres, alegres, esperanzad@s.
Na Coresma Deus invítanos a ollar con alma de discípul@ para o mestre Xesús que vai sempre diante ou ao lado abríndonos o camiño.

Tempo Ordinario: 8ª semana


  
3 de marzo: domingo 8º do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 6, 39-45

Nunha ocasión Xesús púxolles esta comparanza ás persoas que andaban canda el:
            —¿Acaso poderá unha persoa cega guiar a outra que tamén o é? ¿Non caerán as dúas na fochanca? Non está o discípulo por enriba do mestre, aínda que todo discípulo, home ou muller, que chegue a prepararse ben, será coma o seu mestre. ¿Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán e non te decatas da trabe que está no teu propio ollo? ¿Como lle poderás dicir a teu irmáns: “Irmán, deixa que che quite o lixo que tes no ollo”, sen reparar na trabe que tes no teu? Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo e logo verás mellor para quitar o lixo do ollo de teu irmán.
Non hai árbore boa que produza froitos ruíns, nin tampouco árbore ruín que produza froitos bos. Así, cada árbore coñécese polos seus froitos. Pois dos toxos non se collen figos, nin das silveiras se vendiman uvas. A persoa boa saca o ben da bondade do seu propio corazón, e a persoa mala saca o mal da súa maldade, pois a boca fala do que reborda o corazón.

mércores, 20 de febreiro de 2019

Tempo Ordinario: 7ª semana



 24 de febreiro: domingo 7º do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 6, 27-38

Unha vez díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:
            —A vós, homes e mulleres que me escoitades, dígovos: Amade os vosos inimigos, facédelle ben a quen vos odia, bendicide a quen vos maldí e rogade pola xente que vos calumnia; a quen che zoupe nunha meixela, preséntalle a outra; e a quen che leve o manto, déixalle tamén a túnica. A quen che pida, dálle; e a quen che leve o teu, non lle reclames nada. Tratade á xente tal como queredes que a xente vos trate a vós.
            Se amades só a quen vos ama a vós, ¿que mérito tedes? A xente pecadora tamén aman a quen os ama. E, se lle facedes ben só a quen volo fai a vós, ¿que mérito tedes? A xente pecadora fai outro tanto. E, se emprestades só cando esperades cobrar, ¿que mérito tedes? A xente pecadora tamén se empresta entre si para recibiren despois outro tanto. Vós non; vós amade os vosos inimigos, facede o ben e emprestade sen esperardes nada a cambio. E así teredes unha grande recompensa e seredes fillos do Altísimo, pois El é bo coa xente mala e desagradecida.
            Sede persoas compasivas como o voso Pai é compasivo. Non xulguedes e non se vos xulgará; non condenedes e non se vos condenará; perdoade e hásevos perdoar. Dade e darásevos a vós: poñeranvos nas mans unha boa medida, abundante, acugulada, apertada. Coa medida coa que midades hanvos medir a vós.

xoves, 14 de febreiro de 2019

Tempo Ordinario: 6ª semana




17 de febreiro: domingo 6º do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 6, 17.20-26

Unha vez Xesús baixou do monte coas persoas que o acompañaban de cerca, detívose nunha chaeira cos seus discípulos e outra moita xente de toda Xudea, de Xerusalén e máis de toda a ribeira de Tiro e Sidón. E Xesús, coa mirada posta nos seus discípulos, dixo:
—Ditosas vós, a persoas pobres, porque voso é o Reino de Deus.
Ditosas vós, as que agora pasades fame, porque Deus vos fartará.
Ditosas vós as persoas que agora chorades, porque riredes.
Ditosas vós, cando vos aborreza a xente, vos expulsen e vos aldraxen, cando poñan nas listas negras o voso nome por causa do Fillo do Home; alegrádevos nese día, brincando de gozo, porque grande será a vosa recompensa no ceo, pois o mesmo fixeron seus pais cos profetas.
Pero, ¡ai de vós, a xente rica, porque xa acadastes a vosa recompensa!
¡Ai de vós, as persoas que agora estades fartas; xa pasaredes fame!
¡Ai de vós, as persoas que agora rides; xa choraredes e xa laiaredes!
¡Ai, cando todo o mundo fale ben de vós; o mesmo fixeron os seus pais cos falsos profetas!
       

mércores, 6 de febreiro de 2019

Tempo Ordinario: 5ª semana




10 de febreiro: domingo 5º do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 5,1-11

Unha vez, estando Xesús á beira do lago Xenesaret, mentres a xente se amoreaba ao seu redor escoitando a palabra de Deus, viu dúas lanchiñas que estaban na beira do lago. Os pescadores que desembarcaran delas lavaban o aparello. Subiu a unha barca, que era de Simón, rogoulle que se apartase un pouco da terra, e dende a barca, sentado, ensinaba á xente. Cando acabou de falar, díxolle a Pedro:
            —Voga lago dentro e larga o aparello para pescar.
Respondeu Simón:
            —Mestre, pasamos a noite traballando e non demos collido un rabo de peixe, pero, xa que ti o dis, largarei o aparello.
Así o fixeron e colleron tal cantidade de peixe que o aparello rebentaba. Fixéronlles entón acenos aos compañeiros da outra lancha para que lles fosen botar unha man. Foron e encheron as dúas lanchas tanto que a pouco máis van a pique. Vendo isto, Simón Pedro botóuselle aos pés a Xesús, dicindo:
Señor, arreda de min, que eu son un pecador.
Porque tanto el coma os seus compañeiros quedaron abraiados con tanto peixe como colleran naquel lance. O mesmo lles pasaba a Santiago e máis a Xoán, fillos de Zebedeo, que eran compañeiros de Simón. E díxolle Xesús a Simón:
            —Tranquilo, dende agora vas ser pescador de xente.
Daquela, varando as barcas en  terra e deixándoo todo, seguírono.