3 de
marzo: domingo 8º do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 6, 39-45
Nunha ocasión Xesús púxolles esta
comparanza ás persoas que andaban canda el:
—¿Acaso
poderá unha persoa cega guiar a outra que tamén o é? ¿Non caerán as dúas na
fochanca? Non está o discípulo por enriba do mestre, aínda que todo discípulo,
home ou muller, que chegue a prepararse ben, será coma o seu mestre. ¿Por que
reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán e non te decatas da trabe que está
no teu propio ollo? ¿Como lle poderás dicir a teu irmáns: “Irmán, deixa que che
quite o lixo que tes no ollo”, sen reparar na trabe que tes no teu? Hipócrita!
Quita primeiro a trabe do teu ollo e logo verás mellor para quitar o lixo do
ollo de teu irmán.
Non hai árbore boa que produza
froitos ruíns, nin tampouco árbore ruín que produza froitos bos. Así, cada
árbore coñécese polos seus froitos. Pois dos toxos non se collen figos, nin das
silveiras se vendiman uvas. A persoa boa saca o ben da bondade do seu propio
corazón, e a persoa mala saca o mal da súa maldade, pois a boca fala do que
reborda o corazón.
Meditación
Na vida de cada día, na nosa vida
familiar, na vida da comunidade cristiá, na vida da realidade social que
vivimos, teñen moita importancia os pequenos detalles, as pequenas palabras, os
pequenos feitos. Son estas cousas miúdas as que normalmente máis nos
entristecen ou máis nos alegran, máis nos alentan ou máis nos desesperan cada
día. Como nos tratamos, como nos relacionamos, como nos situamos uns ante os
outros, as outras, como nos situamos coma grupo, coma comunidade, coma
parroquia, coma partido político, ante outros grupos, comunidades, parroquias,
partidos políticos que coinciden ou non coa nosa maneira de pensar, de sentir,
de actuar. O Evanxeo de hoxe atende a estas cousas miúdas. Xesús fálanos destas
cousas, dános orientacións, axúdanos a situarnos na actitude correcta, que nos
permita vivir con paz e proveito a convivencia comunitaria, social.
Non
hai cousa máis penosa para a convivencia familiar, comunitaria, social que a
torpe manía de andar reparando no lixo do ollo alleo sen caer na conta da viga
que impide a visión no propio. Quen non teña caído neste vicio tan común que
levante a man. E non é que non poidamos ver o mal que outros fan; non é que non
poidamos axudarlle a superar os seus errores e pecados. Xesús mesmo noutras
ocasións nos dirá que si, que está ben que o fagamos. Pero o que debemos
evitar, dinos Xesús, é andar pola vida con ese espírito inquisidor, afanados
por descubrir calquera detalle de mal no comportamento das demais persoas,
aireándoo deseguida, sen ter a mínima
humildade que nos permita primeiro mirar en como imos levando nós a nosa vida
nese ou noutros campos. Só cando somos capaces de ver o mal de que nós somos
capaces, só entón teremos o ánimo serenado, a palabra dócil, o corazón
misericordioso e acendido para dicirlle algo construtivo a outras persoas da
familia, da comunidade, do grupo do que formamos parte. Revisemos tamén como
andamos con isto na nosa vida.
Oración
Cantas veces,
Xesús,
me chufo de ser
mestre,
mestre cego
guiando a cegos
cara ao fondo da
fochanca!
Cantas veces,
Xesús,
me apropiei
indebidamente
do divino oficio
de xulgar
e me dediquei a
emitir xuízos e condenas
sen rixo nin
compaixón,
botando sobre a propia
vida
os cascallos dos
que pretendía limpar os ollos alleos!
Cantas veces,
Xesús,
ignorei estar
chamado a ser home bo,
que saca a
bondade coidada no propio corazón
e preferín
deixar que o mal me infecte por dentro
e verta cara a
fóra sen rubor nin tempero!
Grazas, Xesús,
por me poñer tantas cousas diante dos ollos.
Grazas polo teu
perdón.
Grazas pola túa
forza de renovación.
Acción
Hoxe podemos mirar como é o noso
trato coas persoas que nos rodean na casa, na comunidade cristiá, na sociedade;
en concreto podemos mirar como andamos con iso de andar xulgando, condenando a
xente, con xuízos, opinións, palabras de crítica, nas que nós nos poñemos case
como modelo.
4 de
marzo: luns da 8ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mc 10, 17-27
Nunha ocasión, no preciso momento
en que Xesús se puña en camiño, chegou un a correr, axeonllouse diante del e
preguntoulle:
—Mestre
bo, ¿Qué teño que facer para acadar a vida eterna?
Xesús contestoulle:
—¿E
por que me chamas bo? Ninguén e bo, fóra de Deus. Xa sabes os mandamentos: Non
mates, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso testemuño, non
defraudes, honra o teu pai e máis a túa nai.
El respondeu:
—Mestre,
todas esas cousas gardeinas dende a miña mocidade.
Entón Xesús pousou nel a súa
ollada chea de cariño e engadiu:
—Aínda
che falta unha cousa: vai, vende todo o que tes e repárteo entre os pobres, e
terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.
Ante estas palabras mudóuselle o
rostro e marchou desconsolado, pois tiña moitos bens.
Xesús, mirando todo arredor,
díxolles aos discípulos:
—¡Que
difícil lles vai ser aos ricos entrar no Reino de Deus!
E os discípulos ficaron moi
sorprendidos por estas palabras. Pero Xesús volveu a insistir:
—Fillos,
¡que difícil é entrar no Reino de Deus! É máis doado para un camelo pasar polo
ollo dunha agulla, do que para un rico entrar no Deino de Deus.
Eles, aínda moi asombrados,
comentaban entre si:
—Entón,
¿quen se vai poder salvar?
Xesús, mirando para eles
fixamente, dixo:
—Si,
para a xente é imposible, pero non para Deus, pois todo é posible para Deus.
Meditación
Quedou desconsolado o home aquel
que se achegou a Xesús preguntándolle qué máis tiña que facer para ter unha
vida densa, feliz, redonda, eterna. Pensando, seguro, que os moitos bens que
tiña eran unha bendición de Deus, ¡cómo os ía repartir entre a xente necesitada
e logo seguir a Xesús! Tamén os discípulos, escoitando a proposta de Xesús, se
quedaron sorprendidos, asombrados. E seguro que todos e todas nós tamén.
Normalmente pensamos que ter vida
con éxito, ter éxito na vida, é cuestión de acumular cousas: cultura, bens,
diñeiro, vivendas, bo nome, fama, poder… Encher, encher, encher. En cambio a
proposta de Xesús vai por baleirar, baleirar, baleirar. Baleirarnos por dentro
e por fóra, para que dentro de nós quede espazo para a demais xente, para a
solidariedade, para o comunitario, para o amor, para Deus, que é quen promove
en nós todas estas cousas. ¿Hai que ser, logo, unha xente parva, analfabeta,
miserable, para ser bo seguidor de Xesús? Non, porque hai unha cultura, un
consumo, un manexo dos cartos, un uso da autoridade e aínda do poder desde a
solidariedade e para a solidariedade.
A todas e todos se nos fai
difícil entendelo e vivilo. Practicándoo é cando empezamos a ver que si, que é
certo, que aí hai vida da boa, da que nunca remata.
Oración
Xesús, eu fíome de ti.
Aínda que me custe entenderte,
eu fíome de ti.
Aínda que o instinto me leve a
sentirme seguro
rodeándome de cousas, de afectos de
todo tipo,
fíome de ti.
Aínda que toda a propaganda me
asegure
que só hai felicidade no moito ter e
consumir,
eu fíome de ti.
Aínda que na Igrexa te anunciemos
pobre
e con frecuencia te vivamos con
gusto desde a riqueza,
eu fíome de ti.
E ao teu carón quero andar o
prometedor camiño
que polo baleiro e a nada leva á
solidariedade e á plenitude.
Xesús, coas miñas resistencias,
fíome de ti.
Acción
Igual estamos pechados/as aos
demais no tema dos cartos, ou non deixamos que ninguén ocupe o noso tempo de
ocio, ou nunca imos a algunha charla sobre os problemas que outra xente poida
ter, ou nunca participamos nunha manifestación apoiando algo xusto, ou nunca
lemos o Evanxeo para poder coñecer ben as propostas de Xesús. Seguro que
poderemos facer algo nalgún destes sentidos, sos ou en grupo.
5 de
marzo: martes da 8ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mc 10, 28-31
Nunha ocasión Pedro púxose a
dicirlle a Xesús:
—Pois
nós deixámolo todo e seguímoste.
Dixo Xesús:
—Tende
por seguro que non hai ninguén que deixe casa ou irmáns ou irmás, ou nai ou
pai, ou fillo ou leiras por causa miña e polo Evanxeo, que pase sen recibir
agora cen veces máis en casas, irmáns, irmás, nai, pai, fillos e leiras, aínda
que con persecución, e que no mundo futuro non reciba a vida eterna. E moitos
que son os primeiros serán os últimos e moitos que son os últimos serán os
primeiros.
Meditación
O evanxeo de hoxe é continuación
do de onte. Ante a proposta de Xesús de deixalo todo para seguilo, Pedro afirma
que o grupo de seguidores e seguidoras de Xesús deixárono todo e seguírono.
Pensamos que a resposta de Xesús non hai que tomala ao pé da letra, como se
quen deixe algo por seguilo vaia recibir unha chea de cousas. Baleirarse para
encherse de máis cousas do mesmo tipo non tería sentido ningún.
Quen pola causa de Xesús se
desprende de todas esas seguridades, ás que normalmente estamos tan atados,
acaba atopando unha seguridade máis fonda que sustenta toda a súa vida; quen
pola causa de Xesús enuncia a esas ofertas de benestar e felicidade, acaba
atopando un benestar e unha felicidade maior, que non fraquea nin que teñamos
que pasar por momentos de aperto. É esta unha fonda sabedoría de vida, que
podemos aprender a vivir seguindo a Xesús.
Oración
Xesús, teño tanto que aprender de
ti!
Hai tantas cousas túas que me
descolocan!
Aquí estou en silencio ao teu carón.
Como todo home ou muller buscando
fontes.
Como todo home ou muller soñando
felicidades.
Xesús, teño tanto que experimentar
contigo!
Aquí estou ao teu carón co corazón
aberto.
Disposta a camiñar ao teu lado,
comprometido a amar e servir no que
poida,
sentada a gusto entre as últimas.
Xesús, fai de min un instrumento dos
teus soños.
Acción
Seguro que entre nós hai algunhas
persoas desas que, para a opinión xeral, son das últimas. Fai o que poidas por
pasar hoxe algún tempo con algunha delas. Faino co pensamento, co corazón de
Xesús.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.