01 febreiro, 2012

Traballo entre sesións: 28 de xaneiro - 10 de marzo de 2012


(Terceira sesión: do 28 de xaneiro ao 10 de marzo de 2012)

Lecturas

Ø  TORRES QUEIRUGA, A., Culpa, pecado e perdón, Caderno Escola de Espiritualidade, pxs. 26-43.
Ø  BURGALETA, X., A pastoral do pecado no sacramento da Penitencia, Caderno Escola de Espiritualidade, pxs. 44-50.
Ø  TORRES QUEIRUGA, A., O matrimonio como sacramento, Caderno Escola de Espiritualidade, pxs. 5-27 (a continuación dos artigos anteriores).

Cuestións que poden ir orientando a túa lectura:

*      Ao redor do pecado, do perdón, das formas de celebrar o perdón na Igrexa houbo e está habendo debate, diversidade de criterios e vivencias na nosa sociedade e mesmo no seo da mesma Igrexa. Observa se na lectura que vas facendo atopas orientacións que che axuden.
*      Que vivencia tes ti destas cuestións: do pecado, do perdón, do xeito concreto de celebralo na túa comunidade? Sénteste entendido, reflectido no que se di nestes textos.
*      A que dificultades túas, teóricas e prácticas, ves que se lle dá ou non se lle dá resposta no que vas lendo.
*      En que cuestionan estes textos a túa maneira de vivir todo o que ten que ver co pecado e co perdón?
*      Co matrimonio pasa algo moi semellante: a sociedade actual rompeu o esquema establecido e vivido entre nós durante centos de anos. Cres que o artigo recolle ben esta complexidade actual e orienta convenientemente?
*      Formas novas de vida en parella (convivencia antes de casar, unións de feito, parellas homosexuais): é posible encaixar todo isto no matrimonio como sacramento. Que nos aporta o matrimonio como sacramento a todo isto?


Tamén podes ler:

GAUDIUM ET SPES (O gozo e a esperanza), Constitución Pastoral do Concilio II, que trata sobre a Igrexa no mundo actual, o cap. 1º da 1ª parte, nn. 12-22que leva por título "A dignidade da persoa humana".

E tamén na mesma Constitución Pastoral do Concilio Vaticano II, o cap. 1º da 2ª parte , nn. 47-56, que leva por título "Apoio á dignidade do matrimonio e da familia".

Pasaxes bíblicas: Rom 1,16-8,39: Visión paulina do pecado e da reconciliación.
                             Ef 4,1-6,20: Pecado e graza na vida cristiá.
                             1Xn: o pecado nun marco de amor.

DA REFLEXIÓN TEÓRICA Á CONCRECIÓN PRÁCTICA
PECADO PERSOAL E PECADO ESTRUTURAL

            Na Escola de Espiritualidade procuramos reflexionar a nosa fe en campos concretos como este ano son a Igrexa e os Sacramentos. Pero insistimos moito en que non nos queremos quedar  na simple reflexión teórica, por moi necesaria que esta sexa.

            A reflexión sobre o pecado, a culpa, o perdón, as formas de reconciliación  --e outro tanto se podería dicir do matrimonio-- empúxanos necesariamente a que revisemos actitudes persoais e grupais, a que nos paremos ante a nosa maneira de pensar e de vivir estas realidades, a que escoitemos a outras persoas, a que fagamos movementos en busca do máis axeitado para unha vivencia cristiá de todo isto.

            En relación co pecado, un aspecto importante que se foi introducindo con forza na reflexión e na práctica cristiá foi o da distinción entre pecado persoal e pecado estrutural. A reflexión sociolóxica, política, teolóxica destes últimos decenios axudounos a caer na conta deste aspecto do mal e a recuperalo para a experiencia cristiá no mundo de hoxe. Na Igrexa sempre nos sentimos máis cómodos co que era o pecado persoal. Tivemos sempre moita máis sensibilidade para o pecado persoal que para o pecado estrutural. Incluso, botando unha ollada á historia pasada, podemos observar como, ás veces, persoas de grande sensibilidade para o pecado persoal, na súa propia persoa e na persoa dos demais, persoas polo tanto de moita "santidade", sen embargo eran como cegos á dimensión estrutural do mal e do pecado, e consentían e colaboraban con el.

            O pecado, a parte de instalarse no corazón de cada persoa, asenta tamén, en cada etapa histórica, en estruturas concretas de mal e de pecado; por exemplo, durante moitos séculos, o feito da escravitude foi un pecado estrutural das nosas sociedades; millóns de cristiáns e cristiás, entre os que houbo moitos santos, aceptárono tranquilamente. O pecado contra as mulleres, contra o feminino, foi --e en parte aínda o segue sendo-- un pecado estrutural que estivo ferindo as nosas sociedades; tamén moitos millóns de crentes o aceptamos con toda normalidade. Hoxe, todo o fenómeno da crise ponos en evidencia estruturas de pecado dunha sociedade capitalista, que quizabes percibimos máis porque nos está tocando agora en carne propia e estamos vendo lesionados os nosos dereitos e posibilidades; pero tamén consentimos con esas estruturas de pecado capitalistas con relativa normalidade, por moito que sabiamos que era a causa da desgraza de millóns de persoas polo mundo adiante.

            Estaría ben que, a nivel persoal ou no grupo do que formemos parte, nos preguntásemos cales son as formas do pecado estrutural que se están dando na nosa sociedade, e ata que punto as persoas crentes de hoxe as estamos aceptando máis ou menos, ou ata que punto estamos en pugna con ese pecado estrutural e nos propoñemos formas de superación, o mesmo que normalmente as poñemos en funcionamento para superar o que é o noso pecado persoal
.
            Ante o pecado estrutural desalentámonos máis doadamente, parécenos algo tan esmagador que nos cremos impotentes para poder facer algo aí. Pero cousas concretas de cada día pódense facer con perspectiva de sistema, de estrutura social, e incidir na eliminación ou redución dese pecado estrutural.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.