13 abril, 2012

15 de abril: Domingo II de Pascua (B)


Evanxeo: Xn 20, 19-31


Comentario:

     Os evanxeos dos domingos posteriores á Pascua narran algunhas das experiencias de encontro de Xesús resucitado con diferentes persoas, mulleres e homes, do primeiro grupo cristián, e valoran un pouco o significado da presenza de Xesús resucitado para as persoas individuais e para os membros da primeira comunidade cristiá. O vivido e experimentado por eles e elas ofrécesenos ás persoas que hoxe accedemos a estes textos, para que fagamos unha experiencia semellante: un encontro vivificador con Xesús resucitado, que sexa capaz de introducirnos na fe, de sacudirnos dos medos e pasividades, de dinamizar a nosa existencia, de converternos en prolongadores na nosa historia concreta dos camiños andados por Xesús e polos seus primeiros compañeiros e compañeiras.

      Para entrar no nuclear da experiencia de Xesús resucitado, pode ser bo camiño ir reparando, irnos introducindo no marco novo no que Xesús vai colocando ás persoas que se encontran con el. Partimos dun cadro primeiro no que os discípulos están amedrentados, coas portas pechadas. A presenza de Xesús, o reencontro coa súa persoa vivido na fe, ofrece paz; paz que se adiviña como serenidade, confianza, valentía, capacidade de saír á rúa, de dicir a propia fe, sen medos; portas abertas das mil maneiras que podemos entender iso de portas abertas. Ser persoas e comunidades de experiencia, de fe, de portas abertas. Sería ben que cada un/unha, cada comunidade pensase que pode significar iso para nós neste momento.

     Apegada á paz, coma a súa irmá maior, vai a alegría. A alegría é a medida humilde da autenticidade da nosa experiencia cristiá, salvando, claro está, situacións de pena, de apagamento que poidan ter as súas raíces en características temperamentais e aínda psicolóxicas que non sexan doadamente controlables. Experimentar e construír a alegría nas nosas vidas, axudala a experimentar e construír nas vidas da demais xente sabe a resurrección. Preguntémonos como andamos de alegría, coa alegría, nosa e dos demais.

     O encontro con Xesús resucitado leva implícita tamén unha tarefa: somos continuadores da causa de Xesús, como Xesús o foi da causa de Deus. O conxunto do Evanxeo dános pistas abondas para que entendamos correctamente cal é a causa de Deus, cal a de Xesús, e cal, polo tanto, tamén a nosa. Pero non estaría de máis que en cada comunidade nolo preguntásemos honradamente.

     A comunidade que vive do encontro con Xesús resucitado e que pretende continuar a súa tarefa non está soa, non anda desarmada; aínda que inmensamente débil para a tarefa que se lle pon nas mans, conta co don do Espírito que Xesús lles regala. O Espírito ten enerxías ilimitadas; mesmo ten capacidade de recompoñer vidas, de devolvelas á experiencia fonda de se sentir persoas amadas, perdoadas, capacitadas á súa vez para a construción comunitaria, social, para todo o que lles poña por diante. E ese poder é noso, porque nolo deron, porque nolo dan. Como persoas e como comunidades podemos avaliar con humildade, con ganas de crecemento, como lle dámos lugar ao Espírito en nós nas nosas comunidades, en que se nos nota, que frea en nós a súa presenza creadora.

     Vistos os efectos bos dese encontro con Xesús resucitado, é normal que nos preguntemos: e como podo eu ter esa experiencia de encontro con Xesús resucitado? É certamente un regalo de Deus; nos evanxeos Xesús é visto como resucitado cando, onde e por quen menos se esperaba. Pero un pode dispoñerse para ese encontro: escoitando narracións, vidas, de persoas que o tivesen experimentado realmente; metendo os dedos, o corazón, a vida nas chagas de Cristo, que son as chagas da humanidade, que son as chagas dos homes e mulleres que estean pasando pola experiencia de destrución e de morte, e facelo con fe, con amor, con esperanza; tamén nos podemos dispoñer a ese encontro, polo lado contrario, captando, gozando, agradecendo os mil detalles de vida que, a pesar de todo, seguramente se nos cruzan no camiño. Pequeniñas cousas quizabes, que nos confirman que nós temos futuro, que esta nosa sociedade, este noso mundo ten futuro, porque leva inseridas as sementes do novo que saltan deica á vida madura, deica a vida eterna.


Preces:

MEU SEÑOR E MEU DEUS!

  • Que se nos abran os ollos e o corazón, Señor, para captar a túa presenza nova, viva, alegre, pacificadora, no medio de nós. Oremos.
  • Que saibamos ver, valorar, agradecer e coidar o moito bo que hai na xente, no mundo, na creación, en nos mesmos/as. Oremos.
  • Que nos dispoñamos a compartir a nosa fe, o noso amor, a nosa esperanza con quen se cruce con nós na vida. Oremos.
  • Que sexamos sempre xente de ánimo e de alegría, xente esperanzada, xente loitadora, implicada, que contaxiemos ánimo real ao noso redor. Oremos.
  • Que nos poñamos con Xesús resucitado á tarefa de cambiar de verdade a nosa sociedade, para que sexa lugar onde os máis tristes e apagados teñan os mellores coidados. Oremos.

Pregaria:

Somos xente medrosa e pechada, Xesús,
tal coma os teus discípulos/as daquela primeira hora.

Témoste resucitado ao noso lado,
pero moitas veces é coma se non te tivésemos.

Temos o teu Espírito,
que nos é abundantemente regalado,
pero andamos desganados/as, apagados/as e tristes.

Para moita xente os tempos son malos,
hai medo a non poder cubrir a subsistencia de cada día,
a carecer do pan de cada día,
que ti considerabas esencial
e como tal o poñías na oración que nos deixaches.

Os mercados,
eses novos príncipes deste mundo,
eses novos demos,
queren controlalo todo,
dominalo todo,
explotalo todo,
zugalo todo,
para que as súas rendas e intereses nunca decaian.

Ben o ves, Xesús.
E todos levamos un anaquiño de mercado,
de lobo feroz,
dentro do propio corazón.
Ben o ves tamén, Xesús.

Aínda así, Xesús,
aínda así hai tempo e lugar para os soños?
Aínda así a inocencia ten futuro,
e o mañá pode ser mañá de irmáns e de irmás,
coma ti tanto soñabas?

Quen poderá romper as portas do noso illamento e dos nosos medos?
Quen nos encherá de paz serena e de espírito loitador?
Quen nos fará rir e celebrar cada mañá coa luz do amencer?
Quen nos devolverá o entusiasmo pola tarefa:
en Deus, sementes de esperanza, de vida,
apegados/as ás cousas e ás horas?

Cremos en ti, Xesús resucitado.
Ti es a nosa luz, a nosa forza,
Ti e cantos/as coma ti, no teu seguimento,
enchen o ceo de estrelas
e a terra de humildes vagalumes de esperanza.


Signo: 
  • Un vagalume.
  • Un paisaxe luminoso.
  • Un grupo dándose as mans, os brazos, animado para a tarefa.
  • Unha imaxe de Xesús resucitado.
  • En letras grandes estas catro palabras: PAZ, ALEGRÍA, TAREFA, ESPÍRITO.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.