07 abril, 2012


Manuel Regal Ledo

Nesta noite santa
de tebras e de luces,
de medos e esperanzas,
traiamos á memoria
as palabras sagradas
de Deus, cando dicía
ao pobo que penaba
sometido en Exipto:
Eu vin as túas bágoas,
as queixas, sufrimentos,
as miserias amargas.
E veño pra librarte,
darche a miña compaña,
pasarte á nova terra
onde a irmandade manda;
terra de pan, de paz,
de xustiza farta.

DEUS VÉN PARA LIBRARNOS,
DARNOS VIDA NA PASCUA.

Nesta noite santa,
lembramos con ledicia
do corpo e máis da alma,
a vida de Xesús,
que foi vida entregada
en servizo ao máis débil.
Con paixón avivada
ao abeiro de Deus,
defendeu coa palabra,
cos feitos e coa vida
a xente marxinada,
que sufría atropelos
de quen chulos mandaban.
Abriu camiños fondos
de paz nunca soñada,
de liberdade recia,
de vida renovada.

DEUS VÉN PRA LIBRARNOS,
DARNOS VIDA NA PASCUA

E dixeron, soberbios,
sen reparar en nada,
os que odiaban a Cristo,
e os seus soños de graza:
quitémolo de diante,
pra que tanta parvada!
Unha cruz, unha morte,
e acabouse a xogada!
E as cousas coma sempre,
que aquí quen manda, manda!
Que parvos, que ignorantes,
que cegos, non pensaban
que alí estaba Deus
cunha aposta calada
para darlle a este mundo
unha nova alborada.
E nesta noite, amados,
e nesta noite, amadas,
celebramos con Cristo
a súa alegre Pascua:
triunfando sobre a morte
venceu as súas trampas.

DEUS VÉN PARA LIBRARNOS,
DARNOS VIDA NA PASCUA.

Nesta noite santa,
traiamos en carradas
as nosas penas todas,
bágoas, desesperanzas,
e que as quente a calor
destas veliñas santas,
que as alume o fulgor
do cruz, da luz da Pascua.

A quen está no paro
con inquietude amarga
dille Deus afanado:
douche a miña compaña
(todos: DOUCHE A MIÑA COMPAÑA)

A quen busca con outros
saídas acertadas
dille o Deus solidario;
DOUCHE A MIÑA COMPAÑA.

A quen se sente enfermo,
enferma, coma a Amancia,
dille o Deus amoroso:
DOUCHE A MIÑA COMPAÑA.

E a quen, como a Leticia,
a morte lle deu caza,
dille o Deus da vida:
DOUCHE A MIÑA COMPAÑA.

A xente velliña, enferma,
que soa está na casa,
dille o Deus dos máis sos:
DOUCHE A MIÑA COMPAÑA.

Aos pobos explotados,
ás xentes abusadas,
dilles o Deus da protesta:
DOUCHE A MIÑA COMPAÑA.

Á rapaz africana,
que se quitou a vida
por se ver obrigada
a facer casamento
con aquel que a violara,
dille o Deus das máis débiles:
DOUCHE A MIÑA COMPAÑA

A quen está atrapado
pola malicia mala
da súa ruindade
que a si e a outros dana,
dille o Deus do perdón:
DOUCHE A MIÑA COMPAÑA.

E calquera que sexa
a amargura amarga
que agachemos no peito,
que escondamos na alma,
dinos o Deus dos segredos:
DOUCHE A MIÑA COMPAÑA.


Así pois, nesta noite,
nesta noite da Pascua
que se acendan as luces,
que se avive a esperanza,
xa que Deus vai connosco,
coma firme compaña,
non hai cousa que free
a ledicia e as ganas
de vivir coma irmáns
fóra e dentro das casas.
O que outros puideron,
tendo a Deus da súa banda,
poderémolo nós,
porque Deus nunca falla.

PODERÉMOLO NÓS,
PORQUE DEUS NUNCA FALLA..

Fóra, pois, os temores,
fóra os medos que mancan
e que impiden vivir
coa ledicia na cara,
e que frean a loita
e que achican as ganas
de facer vida nova
nas familias, nas casas,
nas nosas parroquias,
alí onde faga falla:
quérenos Deus obreiros
e obreiras confiadas
para a grande tarefa
de pintar de esperanza
este mundo apoucado
que precisa de brasas
que o quenten por fóra,
que lle quenten a alma.
PODERÉMOLO NÓS,
PORQUE DEUS NUNCA FALLA.

E, se alguén vos dixera:
non valemos pra nada,
somos pouquiña cousa,
a tarefa é pesada;
xa temos a lección
aprendida e gustada:
pois nunca os poderosos
recompuxeron nada,
foi a xente humilde
no Espírito apoiada
a que lle deu ao mundo
credos e mudanzas,
e a vida mellorou
nas súas mans escravas.
Así que, fóra medos,
digamos nesta Pascua:
PODERÉMOLO NÓS,
PORQUE DEUS NUNCA FALLA.

Connosco vai Xesús,
vencedor nesta Pascua,
PORQUE DEUS NUNCA FALLA,
Connosco vai o Espírito
das santas arroutadas,
o alento paciente
das apostas caladas,
PORQUE DEUS NUNCA FALLA.
Connosco vai a man,
o corazón, as falas
de moita xente máis
que confía e traballa
PORQUE DEUS NUNCA FALLA.

Arriba esas veliñas,
arriba, que é a Pascua!
ARRIBA QUE É A PASCUA!
Arriba os corazóns,
ARRIBA QUE É A PASCUA!
Arriba as nosas vidas,
ARRIBA QUE É A PASCUA!
Arriba esa esperanza,
ARRIBA QUE É A PASCUA!
No nome do Deus vivo,
ARRIBA QUE É A PASCUA!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.