Comentario:
Botando man do “testamento” de Xesús despois da última cea, a cea santa de despedida, o evanxelista Xoán axúdanos a introducirnos no que pode ser unha vivencia relixiosa cristiá densa e sólida, na que Xesús loxicamente xoga un papel de primeirísimo orde; el é sempre a referencia polo que nos ofrece, polo mundo xenial no que nos introduce, polas capacidades que consegue crear en nós, pola tarefa que pon nas nosas mans. O evanxeo, Xesús mesmo –que é o miolo do evanxeo— é para unha persoa cristiá o espello no que se mirar cada día, para ver se un pensa, vive, ama, loita en balde ou non. Oxalá nas nosas comunidades cristiás nos afixésemos a mirarnos neste espello do Evanxeo! Sería algo ben proveitoso nestes tempos nos que a calquera cousa se lle quere chamar vida cristiá, nova evanxelización, experiencia relixiosa, seguimento de Xesús, etc.
O evanxelista Xoán proponnos a experiencia dun encontro con Xesús caracterizado por varios trazos ben importantes. Non se trata, desde logo, dun conxunto de deberes relixiosos que debamos cumprir, para ter a Deus contento, e telo tamén da nosa parte. Deus está sempre da nosa parte, respondámoslle nós ou non. Trátase dun mundo de amor, de solidariedade, de xustiza, de fraternidade, que ten a súa fonte primeira en Deus; ofrécesenos isto gratuitamente, desde a vida e a proximidade de Xesús, que pousa os seus ollos en cada un, cada unha de nós, que nos ten por amigos e amigas, que nos conta a intimidade de Deus, que nos quere repletos de froitos, que pretende que a súa alegría estea en nós con aires de plenitude. Que espléndido este panorama no que Xesús nos ofrece, despois de telo experimentado el certamente na súa traxectoria vital que algo polo menos coñecemos!
O evanxelista Xoán proponnos a experiencia dun encontro con Xesús caracterizado por varios trazos ben importantes. Non se trata, desde logo, dun conxunto de deberes relixiosos que debamos cumprir, para ter a Deus contento, e telo tamén da nosa parte. Deus está sempre da nosa parte, respondámoslle nós ou non. Trátase dun mundo de amor, de solidariedade, de xustiza, de fraternidade, que ten a súa fonte primeira en Deus; ofrécesenos isto gratuitamente, desde a vida e a proximidade de Xesús, que pousa os seus ollos en cada un, cada unha de nós, que nos ten por amigos e amigas, que nos conta a intimidade de Deus, que nos quere repletos de froitos, que pretende que a súa alegría estea en nós con aires de plenitude. Que espléndido este panorama no que Xesús nos ofrece, despois de telo experimentado el certamente na súa traxectoria vital que algo polo menos coñecemos!
A clave que nos permite introducirnos neste mundo case máxico, pero ben real, non é outra máis que o amor, esa palabra, esa experiencia preciosa, tan tratada e maltratada por persoas crentes e non crentes, ata o punto de que, cando dicimos amor, deseguida rodeamos esta palabra de sospeitas e de necesarias explicacións. Para o evanxelista Xoán, para a xente da súa escola, do seu grupo, Deus era, é, amor; e por iso, andar en Deus é andar en amor, en cousas de amor, non é andar en condenas, non é andar en leis, non é andar en banalidades relixiosas.
Para axudarnos a acertar nas cousas do amor, Xesús proponnos amar como el amou, dando vida, a vida, pola xente amiga que o rodeaba. Mirando a maneira de vivir que Xesús tiña, a maneira de tratar a xente, maiormente a xente máis débil, comprenderemos facilmente en que consiste amar dando vida. Está nas nosas mans escoller, decidirnos entrar día a día no mundo de Xesús, no mundo de Deus, no mundo do amor, ou quedarnos ás portas, queixándonos do malos que somos, do mal que vai o mundo, do mal que anda a Igrexa, ...
Cada persoa cristiá, cada comunidade cristiá, se pretende ser fiel ao espírito de Xesús nos tempos de hoxe, estaría ben que nos preguntásemos que estamos facendo do amor nos nosos días; ou que camiños debería coller nos nosos días iso de dar a vida por amor; ou que podemos facer desde ese andar en cousas do amor ante esta situación social, laboral, económica, que estamos vivindo, pois o certo é que se están recreando uns modelos de vida e de relacións laborais e sociais nos que o futuro da xente máis débil parece que non está na intención de quen goberna. O Evanxeo non nos escusa de facernos estas preguntas; ao contrario, úrxenos a que as fagamos con toda fondura e a que apliquemos a nosa vida con ilusión a aquilo que pensamos honestamente que é o máis coherente co espírito de Xesús.
Preces:
QUE A TÚA ALEGRÍA, XESÚS, ESTEA EN NÓS
- Que saibamos amar con intelixencia e paixón, coma ti o fixeches. Oremos.
- Que gocemos da túa amizade e a saibamos compartir con outras persoas. Oremos.
- Que diariamente andemos en cousas de amor, acompañando a persoas que máis necesiten de agarimo e axuda. Oremos.
- Que saibamos amar socialmente, politicamente, para que as cousas cambien en ben da xente máis débil. Oremos.
- Que poidamos amar dando vida, dando tempo, preocupacións, cartos, para que o noso amor non se perda en boas intencións. Oremos.
- Que sexamos agradecidos pola roda de amor solidario que Deus nos ofrece coma maneira de ter unha vida alegre, feliz. Oremos.
Pregaria:
Cóllesme da man cada día, Xesús,
nada máis erguerme,
como se colle a un amigo, a unha amiga,
para amosarme a casa, a vida, as pertenzas,
as loitas, os traballos, os soños...
Grazas!
Lévasme ao íntimo do teu corazón,
onde pousan os teus mellores segredos,
e ábresmo confiadamente,
coma a un amigo, coma a unha amiga,
ensinando o que te move e apaixona.
Grazas!
Ensínasme o teu caderno de vida persoal,
cheo de nomes, de rostros,
que ocupan as túas horas, o teu corazón,
e quedo desconcertado,
e ábrenseme os ollos da alma,
e decídome con máis forza polo pequeno e cotián.
lévasme por camiños e pistas,
para que bata coa xente,
para que escoite a xente,
para que nela descubra o rostro de Deus,
para que aprenda a amar e servir.
Grazas!
Pídesme que te acompañe á xuntanza da asociación,
do sindicato e do grupo político
-certamente non pensaba que andases metido nesas cousas-,
e invítasme a que aprenda a pensar e razoar,
a debater e contrastar,
a buscar camiños, a realizar cambios,
a loitar polo futuro da xente máis diminuída.
Grazas!
E cando remata o tempo compartido,
nun aparte
-non ía só eu contigo,
sempre te fas comunitario-,
disme confiadamente:
eu so quero que sexas alegre,
que rías,
que a alegría che saia da alma,
que a alegría medre ao teu redor e contaxie a xente veciña,
coma as margaridas silvestres
que adornan os arredores da túa casa.
Grazas!
- Un campo de margaridas.
- Escenas de debate político, social: manifestacións, debate...
- Atención normal a xente desvalida por calquera razón.
- A palabra amor entre cadeas, entre espiños.
- Unha imaxe de amizade, de intimidade.
- Un rostro, ou un grupo, alegre, rindo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.