02 maio, 2012

Traballo entre sesións: 28 de abril ao 8-9-10 de xuño de 2012


     O encontro final do curso que teremos en Sobrado dos Monxes os días 8,9, e 10 de xuño ten como obxectivo recoller o traballado, orado e vivido durante o curso nun clima de irmandade fonda entre nós e cos monxes do mosteiro. Retomaremos, polo tanto, o sentido sacramental da nosa vida en conxunto, coas diferentes realidades que a compoñen: corpo, espírito, natureza, relacións humanas, éxitos, fracasos, problemas, conflictos, loita, etc.
     Para axudarnos a entrar nesta densa estrutura das nosas vidas, dedicaremos tempo calmoso, por unha parte, a aprender a movernos no mundo simbólico, poético, sacramental das nosas vidas, que tan imprescindible é para desenvolver a nosa fe, a nosa relación con Deus; por outra parte, dedicaremos tamén un tempo considerable a pararnos ante a realidade socio-político-económica, que estamos vivindo, tan dura para moitas persoas, realidade na que sen dúbida hai unha presenza e unha chamada de Deus para todas as persoas crentes.

       En función disto, aconsellamos reler (ou ler, se non se ten feito antes) o seguinte:

Ø  LECTURAS

BOFF., L., Los sacramentos de la vida.

Ø  ADEMAIS
Estar atento/a, con sentido crítico, a calquera información que nos vaia chegando sobre a crise económica e social que estamos vivindo en España. Pararnos ante esa información, sopesala, contrastala, valorala. Abrirnos a preguntas e respostas que poidamos ofrecer no encontro de Sobrado; sempre co convencemento de que hai aí para nós, hoxe, unha especial voz de Deus, chamando á conversión, ao cambio, ao compromiso, ao fortalecemento da nosa condicións de cristiáns e cristiás.

Ø  ADEMAIS
PELÍCULA “GRAN TORINO”. Pensabamos poder vela en Sobrado conxuntamente, pero non nolo aconsellan as deficientes condicións lugar, son, etc. Polo tanto, se temos oportunidade, ver esta película (está presente en calquera videoclub), que ten moito que ver co perdón, coa reconciliación, tema ao que neste curso tamén lle dedicamos tempos de lectura, de reflexión, de oración. Vista a película, poderemos compartir impresións entre nós, ou levar esas impresións aos encontros que teñamos.

Bo remate de curso para as persoas que andades enredadas en labores educativas. Boa vivencia da primavera para as que gozan –quen non?— coa luz, cos xermolos verdes, coas flores, cos espazos  resucitados desta terra marabillosa que é Galicia. E moita solidariedade para cantos/as nos queremos sentir e facer irmás/áns da xente que o está pasando tan mal. Ata Sobrado, logo, co sorriso na alma e coas mans entregadas.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.