19 xullo, 2012

22 de xullo: Domingo XVI do Tempo Ordinario (B)


Evanxeo: Mc 6, 30-34

Comentario:
Continuando co falado a semana pasada, estamos aprendendo cousas sobre a “nova evanxelización”, que é tarefa para todos e todas nós, reparando precisamente no que foi aquela “nova evanxelización” primeira que levaron a cabo as primeiras comunidades cristiás, que asumiron o compromiso de facer chegar aos seus conveciños/as a boa nova de Xesús. Son cousas sinxelas, pero que, precisamente por selo, moitas veces faltan na vida e nas programacións das nosas comunidades cristiás de hoxe.
     Feito xa o traballo, as persoas que partiran falando e actuando ao xeito de Xesús, volven onda Xesús, xúntanse con el, comparten o que fixeran; valórano –suponse--, avalíano, dicimos nós hoxe. É unha práctica sinxela, xuntarse entre nós, con Xesús, en espazos de oración e de comunicación, falar do vivido, do traballado; escoitar, sentirse escoitado, saber recibir chufas e tamén críticas; corrixir actuacións, reforzar os ánimos; sempre desde a importancia da comunidade, do comunitario. Non vos parece que facer isto con normalidade, con asiduidade, con fe, como buscadores/as, nos faría sentirnos ben coma cristiáns/cristiás, nos faría máis eficaces na tarefa de Xesús que prolongamos?
     A proposta de Xesús invitando á distancia coa tarefa diaria e ao descanso é ben humana, é ben de Deus tamén. Responde a necesidades elementais que como homes e mulleres temos, para non chegar a iso de andar despois queimados/as, e responde tamén a dinámicas espirituais fondas: descansar, relaxarse, durmir ben, conversar, rir,..., porque non estamos nas nosas pobres mans, senón nas mans fortes e sabias de Xesús, de Deus, do Espírito. Non vos parece tamén que ao falado no punto anterior habería que lle engadir deseguida este tipo de cousas? Era o estilo de Xesús, tan humano sempre, tan, no humano, repleto de Deus.
     Xesús, coas persoas que o seguían e acompañaban, atópase cunha grande cantidade de xente que andaba desexosa de bater con el, de estar con el, de beneficiarse da súa forza de vida e de ben. Podémonos incluír entre eses buscadores/as de Xesús. Podemos buscalo, buscando todo aquilo que ole a Xesús, que nos aproxima a el; achegándonos ás persoas que deixan o rastro de Xesús por onde pasan
      Xesús soubo vivir na aclamación dos seguidores e no desprezo dos que o aborrecían. Sabemos que o ser cristián/á, hoxe polo menos, non é cousa de multitudes fervorosas. Quizabes estamos en momentos de aprender a tolerar o desprezo, a cuestionarnos por el, a apostar, a pesar de todo, polas fontes da nosa condición cristiá: a paixón por Deus, a paixón polos máis débiles do noso entorno.
      E Xesús ollou a toda aquela xente con ollos de compaixón, cun corazón doído por como vía a aquela xentiña toda. Podía vela con outros ollos: ollos moralistas, por exemplo, de quen pensa que o seguen por interese. Pero ollounos como el ollaba sempre: con ollos de misericordia; misericordia da boa, da que non se queda na tona das cousas e dos sentimentos. E ponse a dedicarlles un tempo que, en principio, era tempo de descanso. Se os vía abatidos e desnortados, párase a falar con eles, a ensinarlles cousas, seguro que era desde entendelos, coñecer os seus traballos, doerse deles, transmitirlles o afecto e o poderío de Deus, como sempre facía; desde entusiasmalos cunha maneira nova de estar consigo mesmo e cos demais en sociedade ao estilo de Deus.
     Moi posiblemente nos sentiremos a gusto sabéndonos uns/unhas máis entre esta xente abatida, desnortada, atendida por Xesús. Co gusto de falar con el, de contarlle as nosas cousas, de escoitalo, de aprender del. E, se nos sentimos continuadores da tarefa de Xesús nestes tempos de tanta dor e tanto desnorte, moi posiblemente aprenderemos del tamén a doernos da xente, a tomala en serio, a coñecela, entendela, e, no que poidamos, a servila, sumándonos aos grupos de servidores bos, que, grazas a Deus, aínda abundan nas nosas aldeas, vilas e cidades. E así, por activa e por pasiva, que viva a “nova evanxelización” de Xesús!

Preces:
QUE SAIBAMOS VELO TODO
COS TEUS OLLOS, XESÚS.
  • Que ollemos sempre as cousas, as persoas con ollos de misericordia entrañable. Oremos.
  • Que nos esforcemos por entender, por coñecer as persoas na súa vida, na súa historia, nas súas calidades, nos seus defectos. Oremos.
  • Que saibamos alentar a xente cansa, ilusionar á desilusionada, darlle esperanza a quen carece dela. Oremos.
  • Que nos dispoñamos a actuar en favor das persoas e dos grupos sociais que peor o están pasando neste momento de crise. Oremos.
  • Que saibamos gozar co descanso, coas vacacións, refrescándonos coa natureza, coas amizades, con Deus. Oremos.

Pregaria:
Como di o poeta,
como canta o cantor,
nada nunca na vida
me sexa indiferente, Señor.

Nin a dor de quen sofre,
nin un risco de amor,
nada nunca na vida
me sexa indiferente, Señor.

Nin a fame dun neno,
nin a luz dunha flor,
nunca nada na vida
me sexa indiferente, Señor.

Nin a cruz dos parados,
nin os lazos da unión,
nunca nada na vida
me sexa indiferente, Señor.

Nin a negra emigrante,
nin a paz e o perdón,
nunca nada na vida
me sexa indiferente, Señor.

Nin as trampas dos grandes,
nin o afán loitador,
nunca nada na vida
me sexa indiferente, Señor.

Signo:
  • Espazos tranquilos de descanso e lecer.
  • Amigos/amigas falando xuntas.
  • O clamor de masas de xente que demandan algo de nós.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.