Mc 10, 17-30
Comentario:
Chama a atención, primeiro, a decisión do home que, correndo, se achega a Xesús, se axeonlla ante el e lle pregunta: que teño que facer para acadar a vida eterna. Os xestos, as palabras, denotan unha persoa con verdadeiro interese; interese, paixón, que nos viría ben recuperar ou reforzar na nosa experiencia cristiá. Preocúpalle acadar a “vida eterna”, ese futuro de paz e de gloria no espazo definitivo de Deus; sabemos que esa “vida eterna” empeza xa agora, aquí, na terra, e implica unha vida plena, pacificada, socializada, irmandada, tocada polo novo permanente de Deus, acollida, agradecida, ofrecida, dada, fundida nun abrazo solidario con todos e todas, con todo, coa natureza en cada un dos seus elementos irmáns, que so terá redondez e plenitude en Deus, só, no fondo, se pode conseguir como regalo de Deus, porque o noso non dá para tanto. Quen non desexa “vida eterna” así entendida? Que bo é ter ou suscitar en nós este desexo radical de vida, para nós, para todo e todos/as cantas nos rodean! É imposible avanzas, se non é desde o desexo fondo, auténtico, limpo.

Xesús fala dos ricos, non das persoas que empregan os bens da terra para coidarse no necesario que nos permite vivir con dignidade. Prevennos contra a riqueza porque frecuentemente, como dicía algún dos Padres da Igrexa, quen a ten ou é ladrón, ou é herdeiro de ladróns. Cousa que podemos comprobar ben no sistema de acumulación de capital que se dá tamén nos nosos tempos. Xesús prevennos contra a riqueza, porque pecha os corazóns ao don humanísimo da solidariedade, de pensar nos outros/as con amor e con vontade de compartir; as riquezas róubannos a liberdade do corazón, fannos escravos, dependentes, aínda que aparentemente nos pareza o contrario; as riquezas péchannos pouco a pouco ao máis fermoso da humanidade e de Deus nela; as riquezas, por todo iso, impídennos seguir a Xesús, acompañalo, e introducirnos no seu mundo novo.

Pero Xesús non nos deixa no aire, espidos/as, baleiros, sen sustento. Ábrenos as portas cara a tesouros novos, cara a familias novas, cara a novas formas de usar o necesario para vivir, de relacionarnos coas cousas, coa xente, con Deus. Non evita dicirnos que a cousa non é doada, que terán problemas as persoas e comunidades que se propoñen as cousas así, pero é a xente pobre, fraterna, libre, desapegada, solidaria, a que fará un mundo novo, a que terá o Reino de Deus nas súas mans coma regalo sobreabundante, coma tesouro.
Preces:
O SEÑOR ENSÍNANOS OS CAMIÑOS DA VIDA
- Xesús, ti avivas en nós a ansia de buscar a Deus, de buscar o bo e xusto, de buscar o mellor, de buscar unha vida densa e feliz. Que saibamos abrirnos á túa palabra, ao teu Espírito. Oremos.
- Xesús, ti prevesnos contra o diñeiro, contra a riqueza. Que che fagamos caso, que descubramos a grande liberdade e alegría que hai en vivir en pobreza digna e solidaria. Oremos.
- Xesús, ti ensínasnos a pararnos, a pensar, a escoller sempre o mellor para a vida. Que saibamos pararnos para votar ben, elixindo a quen menos se entregue ao diñeiro, á banca, ao capital, e máis mire pola xente máis débil. Oremos.
- Xesús, ti fasnos propostas audaces, onte coma hoxe. Que non che teñamos medo, Xesús, que en cousas pequenas e pouco a pouco nos vaiamos introducindo polo camiño das túas propostas. Oremos
Pregaria:
porque ti non falas por falar;
o que dis experimentáchelo,
vivíchelo,
e ofrécesnolo coma camiño seguro
que leva á vida redonda, feliz,
permanente, eterna.
Grazas por ti, Xesús,
e grazas por tantos e tantas seguidoras túas
que che fixeron caso,
e que se introduciron polos estreitos carreiros da pobreza,
para chegar á máis fonda liberdade,
á máis fonda ledicia,
á máis fonda solidariedade,
a máis fonda fraternidade.
Grazas por ti, Xesús,
e grazas por Francisco de Asís,
e por Carlos de Foucauld,
e por Alexandre Bóveda,
e por tantos militantes cristiáns e non cristiáns,
homes e mulleres,
de onte e de hoxe,
que non puxeron o diñeiro coma meta da súa vida,
senón o servizo a todo o débil,
a solidariedade no nome de Deus.
Grazas, Xesús,
porque a pesar do meu pecado, do noso pecado,
as túas palabras,
as túas propostas de vida
atopan eco no meu corazón,
e atópome disposto, animado
a experimentar contigo
a liberdade e a alegría da pobreza,
todos os camiños de vida que me ofreces
se me distancio dos cartos e do poder,
e che sigo no abandono amante e solidario.
Para os homes e mulleres,
para min,
é imposible.
Pero para ti, Xesús,
para Deus,
todo é posible.
Grazas, Xesús.
Signo:
- Un billete, unhas poucas moedas.
- Logo máis billetes e máis moedas.
- Logo aínda máis billetes e máis moedas tapando un rostro de Xesús, tapando o rostro de xente débil.
- Por último rostros de persoas anónimas ou o rostro de Xesús, o rostro de Francisco de Asís sobrepoñéndose aos cartos e ás moedas.
- Ao final, un camiño aberto, amplo, iluminado, e persoas abrazadas facendo ese camiño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.