1.- Tempo de esperanza (Isaías)
- Procesión en silencio. Un velón, gran de trigo.
- Palabras de presentación:
Estamos en silencio. As nosas bocas calan. Quizabes tamén cala o noso corazón. Quizabes as nosas ilusións, as nosas esperanzas están tamén durmidas. Quizabes hai negrura, escuridade dentro de nós. Asomámonos á ventá da nosa sociedade e respiramos máis tristura ca alegría, máis decepción ca ánimo.
Algo moi importante que os cristiáns, as cristiás, podemos ofrecer: ser xente de esperanza. Xente que espera e anima a esperar, non porque si, ás tolas, senón porque temos descuberto e saboreado o soporte de toda espera fiada, que é Deus mesmo, e a súa desmedida capacidade de revolucionalo todo, de facelo nacer todo de novo.
Hai luz na escuridade. Hai sementes que prometen froitos. Hai luz e sementes en nós, na nosa sociedade. Podémolas ver e celebrar. Estamos todos/todas invitadas a velas e celebralas.
Silencio
Canto
Eu volverei cantar,
o amor e a esperanza,
eu volverei cantar,
os camiños da paz.
Lectura do profeta Isaías (Is 35,1-10)
En tempos de total prostración –coma os nosos, ou moito peor aínda--, Isaías no nome de Deus alenta esperanzas sólidas, fundamentadas non no poderío das persoas, senón na forza contundente de Deus, que solicita confianza, entrega e compromiso. Lemos un destes soños de Isaías, paradigma dos soños que nós precisamos, e que Deus tamén a nós nos ofrece, sostendo a nosa esperanza.
Acollida da palabra de Deus.
Ollamos para o noso corazón, para as nosas vidas. Como andan os nosos soños, onde está pousada a nosa esperanza? Deixámonos afectar polas palabras de Isaías, e pola adaptación das mesmas aos nosos tempos, ás nosas vidas.
Compartimos, achegámonos ao estrado, acendemos unha veliña e rodeamos con ela as sementes de esperanza que desexamos ver medrar no medio de nós, na nosa sociedade. De cando en vez repetimos a canción: Eu volverei cantar...
Pregaria (entre todos e todas)
Señor, Señor,
tamén nós
temos as mans adormecidas;
trémennos os xeonllos,
somos xente de tímido corazón,
escasa en amores e paixóns,
o temor e o desánimo téntannos cada día.
As nosas vidas son ás veces
coma terra triste e reseca
que agarda floración e ledicia.
Confiamos en ti,
nas túas mans poñemos as nosas vidas cansas,
e as vidas da xente máis desesperada
que coñecemos nos nosos barrios.
Que contigo ao noso lado
sexamos capaces de abrir calzadas de liberdade
nos tempos de submisión obrigada que vivimos,
e cantar cantos de festa
que remate coa amargura da xente máis aflixida.
Por ti, no teu nome,
Señor, noso Deus,
que nos queres felices na dignidade recuperada.
Amén.
2.- Tempo de entrega confiada (María)
- Anúnciase este segundo tempo.
- Procesión en silencio: un velón e un ramo de acivro floreado.
- Palabras de presentación:
Deus nunca falta á cita. Deus peta á nosa porta. Trae nas mans promesas firmes, que responden ás máis fondas expectativas que levemos no noso corazón, para nós mesmos/as, para as persoas e sociedade que nos rodean. Pero a esperanza viva, activa, creadora, non é cousa banal que se consiga con catro bagatelas, con catro rezos, con catro sentimentos de fácil feitura. A esperanza que Deus é capaz de construír nas nosas vidas frouxas faise ao prezo sinxelo e fondo dunha confianza sen límites, dun abandono sen límites, dun si sen límites.
María, a nai de Xesús, converteuse na nosa tradición espiritual no mellor símbolo vivo desta radical apertura a Deus. Achegámonos a ela, para deixarnos afectar, para ver e aprender, para descubrir os xeitos de Deus e para meternos por eses camiños que tamén a nós nos poden levar a ser persoas de sólida esperanza, a esperanza capaz de subverter vidas e sociedades.
Silencio
Canto
Que ben sei eu da fonte
que deita e corre,
anque é de noite.
Lectura do evanxeo de Lucas (Lc 1,26-38)
O relato do anuncio do nacemento de Xesús intenta responder a unha pregunta sobre Xesús que impacientou as persoas que o seguiron e que se sentiron desbordadas pola marabilla de ben, de poder, de vida, que saía do seu pensamento, da súa palabra, das súas mans, do seu afecto, da súa paixón polas persoas máis débiles. Alguén así non pode senón ser totalmente de Deus, totalmente do Espírito.
María, a quen sobrecargamos despois con mil interpretacións máis ou menos absurdas, asumiu o servizo de converterse tamén en parteira, como nos di Queiruga, desa realidade misteriosa, pero fonda e viva, acontecida en Xesús de Nazaré e ofrecida tamén a cada un, a cada unha de nós como promesa: ti, como Xesús, estás tamén chamado a ser un si total á presenza do Espírito que se che regala. Ti, como María, podes ser símbolo e realidade da encarnación de Deus nos tempos de hoxe.
Acollida da Palabra de Deus.
Deixamos que a forza deste relato de Lucas nos penetre no corazón, na vida. Deus peta á nosa porta. Cada un de nós somos María. O Espírito está disposto a encher a nosa vida toda, a facela berce onde se críe o bendito de Deus, e convertela en fonte de onde deite vida para quen de vida ande necesitado. Non lle poñamos lindeiros ao misterio, ao don de Deus. Abrámoslle as portas de par en par.
Compartimos, cando o fagamos achegámonos ao estrado acendendo unha veliña da veliña de María. De cando en vez repetimos algunha das dúas cancións.
Pregaria (entre todos/as)
E como eu vos diría
o que un anxo desbarata?
Foi como ter ben seguras
as parediñas da casa
e nun vendaval sen ruído
ver que o teito se levanta
e entra Deus ao dormitorio
dicindo:
--Chea de graza,
non me levantes paredes
nin lle poñas teito á casa,
que por entrar na túa historia
salto todas as murallas.
Se virxe, has de ser nai,
se esposa, a miña amada,
se libre, por libre quero
que digas: Velaquí a escrava.
Velaquí a escrava, dixen,
e quedóuseme a palabra
sinxela, sinxelamente
no aire axeonllada.
(versión galega do poema de Blanco Vega)
3.- Tempo de colaboración con Deus
- Anúnciase este terceiro tempo.
- Procesión en silencio: velón e berce.
- Palabras de presentación.
Sen dúbida a dispoñibilidade radical é a actitude básica para que o plan de Deus se poida desenvolver entre nós, na nosa sociedade. Pero Deus pídenos tamén que traduzamos esa actitude de dispoñibilidade interior en feitos concretos que faciliten o seu camiño, a súa entrada nas nosas vidas, nas nosas comunidades, nos nosos barrios, na nosa sociedade.
Os catro evanxelistas preséntannos sempre a Xoán o Bautista ou Bautizador como unha persoa que encarnou perfectamente ese papel: preparar os camiños, e preparalos con máxima humildade, e, ao tempo, con máxima consecuencia, entendendo claramente que non era el o importante, non era el o portador de salvación. Ao estilo dos vellos camiñeiros das nosas estradas, que se dedicaban a achanzar os terreos, a tapar furados, a quitar obstáculos, Xoán converteuse no prototipo de todas aquelas persoas que lle queremos facilitar a Deus o seu ingreso neste mundo noso, complexo e accidentado. Acollemos a súa figura, a súa función.
Silencio
Canto
Preparemos os camiños,
está preto o Salvador,
e vaiamos camiñando
ao encontro do Señor.
Lectura do Evanxeo de Lucas (Lc 3,1-6)
Lucas contextualiza o momento en que a Palabra de Deus chega a Xoán Bautista. É importante isto de contextualizar, porque a Palabra de Deus é viva e salvadora precisamente cando se pon en contacto coas realidades que compoñen as nosas vidas. Nós tamén temos hoxe un contexto moi preciso, que non podemos esquecer, para que a Palabra de Deus non veña en balde.
Como dixemos antes, o oficio de Xoán foi o de preparar camiños. Que cousa máis sinxela, e máis importante ao mesmo tempo! Non é a liberación, pero contribúe a que esta chegue de verdade. En que podemos nós preparar os camiños de Deus nos tempos que vivimos, na crise que temos, na Igrexa que temos, nas vidas persoas e familiares que temos? Deixamos que a Palabra de Deus nos ilumine e alente. (lectura)
Co corazón cheo de esperanza ben fundada, repletos de dispoñibilidade, deixamos que Deus nos cuestione, nos alente, nos dinamice: que podo facer eu para que todo o bo de Deus me colla a min mesmo, e tamén á xente coa que comparto familia, comunidade, igrexa, partido, sociedade? Compartimos o que queiramos compartir. Cantamos de cando en vez a canción.
Pregaria (a dous coros)
Que queres de min, meu Deus?
Que queres de min?
En que podo axudarche?
En que podo axudarche eu,
tan necesitado/a da túa mesma axuda?
Ámasme
e gozas véndome medrar
ao abeiro do teu Espírito de vida.
Ámasme
e gustaríache abrir todas as portas
que impiden o teu acceso liberador.
Amas a comunidade da que formo parte
e estás disposto a investir nela
as túas innumerables enerxías.
Amas a comunidade
e invítasme a gozar con ela,
a facerme servidor/ra dela
ao teu estilo, coas túas maneiras.
Amas o pobo do que formo parte,
dóenche as súas crises, as súas carencias,
como che doen xa, de moito atrás,
as de todos os pobos do mundo.
Amas o pobo
e invítasme a preparar nel
os camiños do teu acceso,
para que todo o mundo vexa e experimente
a quentura do teu corazón,
a forza do teu brazo,
a solidez do teu camiñar
cara ao novo insospeitado
que gratuitamente nos ofreces.
Que queres de min, meu Deus,
que queres de min?
4.- Recreación do Nadal
Presentación:
De Isaías, María, Xoán Bautista puidemos sacar elementos ben importantes para facer un Belén vivinte, pero vivinte de verdade; un Belén deses que se pode facer cada día na vida que cada día vivimos. Se queredes, neste momento da celebración, podemos adiantar e recrear xa o Nadal. Só temos berce, luces, flores, grans de trigo,.... Cada un de nós podémonos ofrecer a ser o que queiramos ser para darlle vida a este cadro do Nadal. Saímos e ímolo dicindo. (Eu quero ser.....)
Cantamos (de cando en vez):
Ai, canto amor,
ai, canto amor,
nunhas pobres pallas
naceu o Señor!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.