17 xaneiro, 2013

20 de xaneiro: Domingo II do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Xn 2,1-11

Comentario

Debemos situarnos correctamente ante os relatos do evanxeo de Xoán. Máis ca ningún outro evanxelista, Xoán non pretende facer unha biografía de Xesús, nin narrar acontecementos con precisión histórica, como igual nos gustaría a nós, persoas dunha época e sensibilidade moi distinta. Xoán, partindo posiblemente dalgún acontecemento real da vida de Xesús, aproveita a narración para estenderse en cousas que teñen que ver con Xesús, coa súa persoa, coa súa misión, co seu significado para as vidas das persoas crentes e das non crentes. A isto sobre todo é ao que hai que atender.

     Por outra banda, Xoán emprega moito unha linguaxe simbólica, na que é necesario entrar para captar o que realmente nos quere dicir. O signo, o símbolo, a metáfora, a imaxe son formatos de comunicación que emprega constantemente, ás veces explicados polo mesmo autor en pequenos parénteses aclaratorios, ás veces non.
     O contexto histórico do relato de hoxe é unha voda, á que Xesús asiste na compaña dos seus discípulos e da súa mesma mai. En si mesmo, o acontecemento xa se converte nun símbolo de fácil comprensión: a voda coma realidade e símbolo do amor, do amor vivido polas persoas casadas e do amor máis amplo, realizado en tantísimos momentos da nosa vida e da vida das nosas parroquias, barrios e cidades, do que nós podemos ser tamén testemuñas e colaboradores. O arranque da labor evanxelizadora de Xesús dáse nun espazo amoroso, vital, festeiro, alentador, esperanzador. Unha invitación para os seus seguidores e seguidoras, a quen nos custa moitas veces manter este ton positivo, esperanzado, atraínte, que chama e contaxia.
     Na voda acábase o viño. O símbolo e causante da alegría, da desinhibición, da liberdade, do Espírito, acábase. Queda auga. Como nos pasa tantas veces a nós, que somos xente augada, cristiáns e cristiás augadas, con todo o respecto pola auga que en si mesma tamén a poderíamos considerar coma un símbolo de moitísimas cousas boas, imprescindibles. Pero aquí a auga é o apagamento, a tristura, a que mata o Espírito. Unhas comunidades augadas, unha Igrexa augada. Unha Igrexa que non sabe de alegrías, de festas, de amores, de vodas. Que sabe moito de enterros, de lamentos, de amarguras.
     Xesús reacciona dando de si o que sempre dará de si: poder de solidariedade. Non se agacha ante os problemas alleos. Pon o seu poder persoal, o poder do seu Espírito, que era moito, moitísimo; e pono cunha vontade firme de axudar a quen precisa del para que a voda non se pare, para que o amor non ceda, para que a alegría non diminúa, para que o pobo non deixe de ser un pobo que celebra con esperanza. Aí non falta Xesús. No noso presente social, eclesial, tamén marcado pola suspensión da alegría, do humor, da esperanza, Xesús non falta tampouco. E os seus seguidores e seguidoras? Faltaremos? Non nos valerá de nada a súa presenza viva no medio de nós?
     Xesús adianta os tempos. Non era a súa hora, pero había que actuar. Suxírello María, a muller, a nai. Suxírello quen, por feminina, intúe por adiantado os problemas nos ánimos e nas vidas da xente do arredor. Como pasa tantas veces nas nosas casas, nas nosas familias, nas nosas comunidades, na nosa Igrexa. Canto nos perdemos na sociedade, na Igrexa, por non valorar e potenciar, ata a normalidade completa, para todo, a presencia das mulleres!
     E faise o milagre. A auga vólvese viño. A auga dos rituais faise viño de liberdade. Reavívase a festa que empezaba a esmorecer. Os ánimos quéntanse, retómase o baile, os bicos de amor multiplícanse, os soños espértanse, e aquelo volve a ser realmente o que era: unha festa do amor, unha voda.
     E isto é o que o evanxelista Xoán nos ofrece para a nosa fe, para a nosa experiencia cristiá, para as nosas comunidades. Xesús é isto, non outra cousa. Xesús é o promotor da vida, da alegría, do amor, da esperanza, da festa. Sen inxenuidades, porque no fondo do relato está a “hora”, que era a hora do estoupido do amor na máxima aflicción da cruz. Apostamos por este Xesús na nosa vida, nas nosas comunidades, na nosa Igrexa? Ofrecerémoslle á sociedade apagada na que convivimos (neste caso porque nos queren roubar o viño) este Xesús vivo e apaixonado, amante da vida, do amor, da solidariedade e da festa conseguinte? Que podemos facer para reavivar en nós a experiencia deste primeiro signo, que abre a tarefa de Xesús? Os discípulos e discípulas creron en Xesús –di o evanxelista--, cremos tamén nós? Como quentar esta fe?

Preces

SEÑOR, SEÑOR, QUE NON TEÑEN VIÑO!
  • Polos inmigrantes que buscan vida entre nós, para que atopen afecto, apoio, sanidade, medios para unha vida digna e feliz. Oremos.
  • Polas persoas que andamos desalentadas, tristes, apagadas, por mor das situacións que estamos vivindo; que se nos acendan os ánimos, que nos alentemos uns a outros/as, para seguir alegres na loita. Oremos.
  • Polas parroquias e comunidades cristiás, tantas veces tamén apagadas e desilusionadas, con xente moi maior, con clero moi maior, que nos deixemos levar polo Espírito que ten capacidade de facernos nacer de novo. Oremos.
  • Para que manteñamos vivo o don da indignación e da alegría, e así sexamos constantes na loita por un mundo mellor, máis humanizado para todos/as. Oremos.
  • Polos sindicatos e partidos políticos, para que non cedan á trampa e ao roubo, e fagan con honradez o traballo que deben facer en servizo da xente do pobo. Oremos.

Pregaria

Que non nos falte o humor,
Señor,
a ilusión e a esperanza.

A pesar dos anos e das canas,
dos corpos engurrados e das batallas perdidas.
Para estar sempre no grupo dos perdedores,
na sociedade, na política, na Igrexa.

A pesar dos abusos dos amos do mundo,
que impoñen a súa lei, o seu dominio.
Para estarmos vivos/as do lado da debilidade,
enxugando coa esperanza as súas vidas.

A pesar das ansias dos parados/as,
e do pranto amargo dos/das desafiuzados/as.
Para manter en alto a indignación,
e facer dela matriz santa de xustiza.

A pesar dos moitos pobres que hai no mundo,
famentos de todos os dereitos.
Para atopar na festa e na ledicia
o compango fiel da nosa loita diaria.

A pesar do apoucamento da aldea,
ignorada, desprezada, condenada á nada.
Para gozar co que somos, co que temos,
coa natureza que nos colma cos seus froitos.

A pesar do que nos custa unirnos
e facer do veciño un irmán querido.
Para gozar coa nosa convivencia
coa graza e co servizo que cada quen aporta.

A pesar da pouca vitalidade da nosa Igrexa,
e de quen dela formamos parte con pouca transparencia.
Para arrimar o lombo humildemente, día a día,
e facer que en nós alume o facho da esperanza.

Signo
  • Viño fronte a auga.
  • Algo que nos evoque voda, amor, festa.
  • Rostros desilusionados fronte a rostros apagados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.