05 setembro, 2013

8 de setembro: Domingo XXIII do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 14,25-33

Comentario:

Xesús observa a moita xente que o ía seguindo, posiblemente movida por intencións pouco consistentes. Moitas persoas ás que lles atraía o de Xesús, a súa persoa, a súa maneira de se situar na vida; moitas persoas atraídas pola súa valentía, pola súa liberdade, pola súa proximidade, polo seu afecto, pola súa compaixón desmesurada e arriscada, comprometida... Moitas persoas así, é certo, pero ás que Xesús nos lles vía moita disposición para entrar polos camiños da vida polos que el andaba. Seguramente que tamén nós nos podemos colocar dentro desa xente inconsistente. Como persoas e como comunidade cristiá, deixémonos cuestionar e conmover polas palabras que Xesús lles dirixiu.


A Xesús podemos velo e vivilo coma o mellor amigo do mundo; podemos gozar coa súa amizade e cultivala de mil maneiras cada día. A Xesús podemos consideralo coma o irmán maior, e estar sumamente orgullosos del, e intentar imitalo como fai o irmán menor co irmán maior ao que admira, e falar del con emoción a quen nos visita, rememorando as súas palabras e os seus feitos conmovedores, revolucionarios. Tamén podemos consideralo coma un mestre e situarnos ante el coma discípulos/as que nos achegamos a el con moitas pobrezas na vida, con moita necesidade e ganas de aprender, porque a vida é complexa: coidar a nosa persoa en crecemento é complexo, atender a familia para aproximarnos nela ao espírito de Xesús é complexo, situarnos na parroquia, na sociedade, intentando vivir e transmitir os convencementos de Xesús é complexo. E por iso necesitamos un mestre, un guieiro, e témolo, e por iso necesitamos tamén andar na vida como seguidores, coma discípulos de Xesús. Iso é que máis importante dunha persoa, dunha comunidade que queira ser cristiá: recuperar a humildade, o esforzo, o traballo, a confianza, o sacrificio de quen quere aprender e ser nalgunha cousa polo menos coma o seu mestre Xesús.

O que hoxe nos ensina Xesús pódenos parecer algo forte. Comenta unhas condicións imprescindibles para poder ser un bo seguidor/ra del. A primeira condición é estar disposto a romper con que haxa que romper, así sexa o mesmo pai, nai, muller, home, fillos, fillas, irmáns, irmás ou propia vida –é dicir os máis grandes afectos que poidamos ter--, para poder ser discípula del. Dicimos que nos pode parecer algo forte. E certo que o é. Xesús proponnos entrar por un camiño longo e fondo de liberdade: libres para amar e servir máis e mellor. En principio a familia non ten por que ser un obstáculo para esa liberdade, e mesmo pode ser unha estupenda axuda para iniciarnos e medrar nela. Pero tamén é certo que a familia, o mesmo ca outras cousas coma o diñeiro, a imaxe social, os medos e covardías, a falla de humildade para recoñecer erros e pasos mal dados, impídennos sermos libres para vivir como quen quere seguir a Xesús. Romper cadeas, ser libres, pero selo non por chufarnos de selo, senón para amar mellor, servir mellor, estar máis dispoñible para toda clase de ben, e gozar mellor unha vez metidas/os nesa onda de solidariedades na que Xesús sempre anda metido.

A segunda condición que Xesús pon tamén ten o seu aquel para quen pense que o máis bonito do mundo é non sufrir nada, non padecer nada, non ter que sacrificarse en nada e para nada. Xesús dinos que esa é ter unha idea equivocada da vida, pois nada se consegue sen loita, sen sufrimento, sen cavilacións, sen chorar bágoas, sen cruz, sobre todo se entendemos a vida coma un camiño de solidariedades, no medio e ao pé da xente pequena e marxinal coa que Xesús quixo e quere estar preferentemente. Sofre o neno que estuda para capacitarse para a vida; sofre a parella que tenta facer forte e consistente o seu amor; sofre a xente amiga de unións e asociacións que tentan mellorar a vida dos pobos; sofre a xente solidaria que ve como os seus esforzos chegan a pouco para remediar situacións dolorosas na sociedade; sofre quen se enfronta a quen abusa, explota, rouba o pan e a liberdade da xente; sofre quen asume o conflito coma condición imprescindible para que a propia persoa e o mundo todo avance e mellore. E, claro, quen non estea disposto a cargar coa cruz, coa súa cruz, simplemente non vale para ser seguidor/ra de Xesús; non é que Xesús lle peche as portas, é que non entenderá nada do de Xesús e acabará abandonando ou simulando un seguimento que non é tal. Pero tamén aquí non se abraza o sufrimento polo sufrimento, senón coma unha maneira de lle buscar saída ao amor, coma unha maneira de amar máis e máis limpamente, de comprometerse co amor con todas as consecuencias. O amor, chegado o caso, pon alegría no mesmo sufrimento.

A cousa pode parecer dura. Xesús é mestre non só porque nos ensina o que podemos facer, senón, sobre todo, porque introdúcenos e acompáñanos na onda do amor, onde é posible o imposible, porque o amor pódeo todo. A celebración da Eucaristía, ben vivida, pode cargarnos as pilas. A experiencia de amor e servizo ao lado da xente débil cárganos diariamente as pilas.

Preces:

COS OLLOS SEMPRE POSTOS NO NOSO MESTRE E IRMÁN
  • Presentémoslle a Deus as persoas que queren ser discípulas e seguidoras de Xesús, para que nel atopen luz e forza. Oremos.
  • Presentémoslle a Deus as vidas das nosas familias, para que nelas atopemos sempre alentos para o ben, para a honradez, para a fidelidade cristiá. Oremos.
  • Presentémoslle a Deus as persoas que traballan, loitan, sofren por defender o pan e a dignidade da xente máis marxinal, para que se manteñan firmes no seu servizo solidario, na súa cruz. Oremos.
  • Presentémoslle a Deus o conflicto bélico de Siria e a todo o Oriente Medio, para se aposte seriamente pola paz e, se os hai, se poñan ao descuberto os intereses perversos de quen aposta pola guerra. Oremos.
  • Presentémoslle a Deus todas as persoas que empezan o seu curso escolar e a toda a comunidade escolar, para que entre todos acertemos a formas a xente nova en coñecementos e en humanidade. Oremos.


Pregaria:

Ser de Igrexa
non vale para nada,
se non levas o Evanxeo nas mans, no corazón.

Ser católico, católica,
non vale para nada,
se non te deixas arroubar por Deus, pola súa presenza.

Saber o catecismo, a doutrina,
non vale para nada,
se o corazón non se che abranda ante a xente marxinal.

Ir á Misa os domingos
non vale para nada,
se non pactas cos veciños/as paz e misericordia.

Recibir a comuñón
non vale para nada,
se non che doen os abusos e inxustizas.

Rezar, ler os evanxeos
non vale para nada,
se non te enredas no cambio da sociedade.

Declararte discípulo/a de Xesús
non vale para nada,
se acomodas o evanxeo ao teu gusto e comenencia.

Querer ser seguidor, seguidora de Xesús
non vale para nada,
se non estás disposta a iniciar un camiño longo de liberdade.

Soñar con amar e servir
non vale para nada,
se non estás disposto ao conflito, ao sufrimento, á cruz.

Dicho Xesús,
que pode iluminar as túas confusións
e fortalecerte nas túas covardías.


Signo:
  • Unha ou varias cruces espidas, sen Cristo nelas.
  • Algunha imaxe de seguimento: Xesús diante e discípulos seguíndoo.
  • Imaxe de mar, de ceo, de natureza luminosa, aberta, como símbolo de liberdade.
  • Unha corda rompéndose.
  • Persoa enredada entre cordas ou reixas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.