Evanxeo: Lc 19, 1-10
Tamén este é un relato exclusivo do evanxelista Lucas, tan gustoso el de transmitir o convencemento de que a ninguén, por moi pecador ou pecadora que sexa, se lle pecha o corazón de Deus, por moito que Lucas anuncia moi abertamente o que chamaríamos hoxe a “preferente opción pola xente pobre” na práctica de Xesús. Ser pecador, pecadora, fai a unha persoa tamén moi pobre, e, polo tanto, moi digna de ser buscada por quen viña a “buscar e salvar o que estaba perdido.”
O relato transmítenos o encontro entre Xesús e Zaqueo; o laico Xesús, nun espazo laico como o eran as rúas dun pobo, andando polas periferias, como lle gusta dicir tamén ao Papa Francisco, atópase cun rico explotador, e pasan cousas inimaxinables. O relato ofrécesenos como exemplo e provocación, para que tamén nós poidamos ter un encontro semellante, e incluso pode orientarnos para axudar a provocar noutras persoas encontros con Xesús. Pero o principal é que nós teñamos ou reforcemos ese encontro con Xesús. Falamos de fraxilidade na Igrexa, nas comunidades cristiás. Todo posible cambio e mellora chegará se somos capaces de encontrarnos ou reencontrarnos vivamente con Xesús.
É importante fixarse no que fan, no que din os actores deste encontro, Zaqueo, Xesús e o público circundante. Zaqueo intentaba ver a Xesús, fixo o posible por velo, levaba dentro unha inquedanza, sabe Deus por que, e dá os pasos necesarios para satisfacela. Cando Xesús lle propón hospedarse na súa casa, baixa da árbore de contado e moi contento. A disposición non pode ser mellor. Non hai unha boa e feliz vida cristiá, se non provocamos e gozamos un encontro con Xesús. Podemos dicir cada un, cada unha de nós, que si, en tal, ou cal momento, eu atopeime na miña vida con Xesús? Como, senón, buscamos nós o encontro con Xesús? Somos unha comunidade cristiá onde se favoreza e facilite ese encontro persoal con Xesús, ou somos unha comunidade apegada a certos ritos, normas, cumprimentos e punto? Que pode significar para cada un, cada unha de nós, os pasos sucesivos que vai dando Zaqueo: intentar ver, subir a unha árbore, escoitar a autoinvitación de Xesús, correr contento a hospedar a Xesús...? Sabemos que as persoas preferidas polas que Xesús se nos pode facer presente na vida son as persoas máis pobres e marxinadas. Seremos capaces de orientar o noso encontro con Xesús a través delas?
O outro personaxe é Xesús mesmo. Un laico, como dixemos, que nun espazo laico como son as rúas dunha cidade, anda coa ollada esperta, co corazón atento, con absoluta liberdade para saltarse normas que impedían tratarse cun pecador público como era Zaqueo. E pídelle hospedarse na súa casa. Xesús, como dixemos tamén, era moito de andar fóra das igrexas, nas periferias da vida, alí onde a xente vive, sofre, busca, peca, incumpre, para captar calquera sinal de busca e de nobreza e poñerse á súa disposición dunha forma total, importándolle un pemento o que a xente dixese. Que marabilloso este Xesús libre! Somos nós así? Cando nas nosas vidas, nas nosas comunidades cristiás, falamos de estender o espírito de Xesús, o estilo de Xesús, cando falamos de evanxelización, de nova evanxelización, procuramos ser nós tamén así?
O evanxeo non nos conta que é o que pasou no tempo de convivencia entre Xesús e Zaqueo na casa deste. Comerían, beberían, falarían, abriríanse o corazón, ... e prodúcese o cambio, a marabilla que resumidamente si describe o evanxeo: o rico toma conciencia do seu pecado, da súa explotación, do seu abuso, restitúe catro veces o roubado, como mandaba daquela a lei, e convértese nunha persoa solidaria, compartindo a metade dos seus bens con quen non tiña. As cousas de Xesús son sempre así. O cal nos dá unha pista para valorar se os nosos posibles encontros con Xesús teñen trazas de autenticidade ou non. Porque pode darse o caso de que deamos pasos para o encontro con Xesús, pero a cousa non leve a nada; pode darse o caso de que, porque rezamos moito, porque nos facemos moi de Igrexa ou cousas así, pensemos que estamos tendo un encontro sólido con Xesús, pero que nos esteamos enganando. Un encontro bo, de calidade, gozoso, curador, con Xesús, leva sempre a andar por camiños de xustiza, de restitución, de compartir, de facerse persoa solidaria, axudadora, doída de quen padece. Non hai outra. Grazas a Deus, grazas a Xesús, temos unhas orientacións claras para saber se andamos ou non andamos polo camiño de Xesús. Como persoas e como comunidade cristiá, estamos medrando en solidariedade, dóennos cada vez máis as penalidades da xente, dispoñémonos máis a compartilas? Daquela estaremos experimentando o gozo do encontro salvador, liberador con Xesús.
Cada Eucaristía, se a realizamos ben, con calma, con sentido, pode ser un destes encontros curadores con Xesús, que renove e encha de alento e paz e alegría as nosas vidas.
Preces:
HOXE TEÑO QUE PARAR NA TÚA CASA
- Queremos abrirche, Xesús, as portas das nosas vidas, dos nosos corazóns, para ter un encontro vivo contigo, que nos renove e aviveza. Por iso repetimos e acollemos a túa petición.
- Queremos abrirche, Xesús, as portas das nosas casas, das nosas familias, para que te fagas presente nelas, e nos axudes a facer delas unha escola de solicitude mutua, de solidariedade cara a fóra. Por iso repetimos e acollemos a túa petición.
- Queremos abrirche, Xesús, as portas da nosa comunidade cristiá, para que a fagas libre coma ti, aberta ás ansias da xente coma ti, provocadora de reparto e de solidariedade social coma ti o eras. Por iso repetimos e acollemos a túa petición.
- Queremos axudar a abrirche, Xesús, as casas da xente máis rica, da máis poderosa, seguindo con convicción o teu estilo de vida, participando en todo canto leve a soñar nunha sociedade mellor, onde a xente débil ocupe sempre as primeiras atencións. Por iso repetimos e acollemos a túa petición.
Pregaria:
Serei capaz, Señor,
de saír á túa busca,
de deixar que en min medre
esa luciña de amor, de servizo, de autenticidade
que ás veces polo menos
me acende a vida e o corazón?
Serei capaz, Señor?
Serei capaz, Señor,
de erguer a ollada,
de cruzala coa túa,
superando calquera obstáculo que se me poña por diante,
para deixarme afectar polo teu rostro,
polo encanto da túa palabra,
da túa vida?
Serei capaz, Señor?
Serei capaz, Señor,
de escoitar a túa voz,
a túa voz auténtica,
coa ti te me invitas
a entrar na miña casa,
na miña vida,
e agasallarme coa túa presenza fresca e recia?
Serei capaz, Señor,
de abrirche as portas da casa,
para que entres e tomes asento,
para comer e beber xuntos
para falarmos
dos meus soños curtos,
dos teus soños longos,
e demores canto queiras a conversa?
Serei capaz, Señor?
Serei capaz, Señor,
de deixarme remover por ti,
pola túa persistente urxencia de xustiza solidaria,
que constrúe os tempos novos
a base de esixentes perdóns regalados,
de pans compartidos,
de abusos clausurados,
de irmandades recuperadas e firmes?
Serei capaz, Señor.
--Serás capaz, serás.
Eu estou contigo!
-Grazas.
Baixo contento
por poderte acoller na miña casa.
Grazas!
Signo:
- Un rostro de Xesús, vivo, expresivo.
- Un recadro baleiro, onde cada un poña o nome e/ou a foto dunha persoa marxinal, a través da cal Xesús lle estea xa falando ou lle poida falar.
- Dúas persoas en conversa, en encontro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.