11 decembro, 2013

15 de decembro: Domingo 3 de Advento (A)


Evanxeo: Mt 11,2-11

Comentario:

O Advento leva consigo unha ollada estendida cara a un futuro mellor, da man de Deus, da man de cantas persoas queiran colaborar con el na construción das persoas, das familias, dos pobos, das comunidades cristiás, do mundo. Non é posible vivir ben este tempo do Advento, se non é desde unha actitude de busca, de pregunta, de implicación, de meterse no allo das cousas, da vida. Non é posible vivir ben o Advento, se non é desde unha postura viva, inqueda. Por iso mesmo, é ben importante o que nos transmite Xoán Bautista, ese gran referente do Advento: estando na cadea, non se sente encadeado no seu vivir, segue estando inquedo, séguese facendo preguntas, segue soñando na “hora de Deus” (que é tamén a hora da xente, a hora do pobo), segue dándolle voltas a qué haberá que facer, a quén haberá que adherirse, con quén haberá que facer grupo, para que a bendición de Deus chegue ao pobo. Non estaría nada mal que nas nosas comunidades cristiás recuperásemos esta actitude do mestre Xoán. Estar vivos, vivas, para realizar a hora de Deus sobre nós, sobre o noso momento histórico.

Á pregunta de Xoán responde Xesús dunha maneira ben sinxela e clara, facendo ver a qué cousas se está el dedicando: atender a uns enfermos/as, que, por seren tales, eran marxinadas sociais naqueles tempos, e anunciarlle á xente pobre a boa nova de Deus: que a súa hora estaba próxima, xa estaba aí. Xesús non facía máis ca cumprir aquilo que de si mesmo anunciara na sinagoga de Nazaré, cando afirmaba: “O Espírito do Señor está sobre min, porque el foi quen me unxiu para proclamarlles a Boa Nova á xente pobre. Mandoume para lles anunciar a liberación aos presos e a vista á xente cega, para lles dar liberdade ás persoas asoballadas e proclamar o ano de graza do Señor” (Lc 4,18-19). Xesús explícase a si mesmo e a súa tarefa. Xesús respóndelle a Xoán e a todas as persoas que con Xoán nos queiramos preguntar: quen, que xente, que comportamentos, que prácticas nos levan cara á hora de Deus, cara aos tempos de esperanza? As persoas, os grupos, as prácticas que nos leven dunha maneira cha cara ao amor solidario. Non fai falla darlle moitas voltas á cabeza para saber se andamos ou non nas cousas de Deus, nas cousas de Xesús. Neste tempo noso, no que a crise aparece por todas as partes coas súas tristes consecuencias, a linguaxe sinxela de Xesús indícanos camiños serios de futuro. Cómo, desde cada un, cada unha de nós, cómo desde as nosas comunidades cristiás poderemos axudar a que a xente pobre, marxinal, se sinta recuperada, integrada, e non só con formas de caridade, senón tamén coa seriedade de funcionamentos sociais xustos?

Se primeiro Xoán pregunta por Xesús, despois é Xesús o que afirma de Xoán algunhas cousas importantes, que definen o seu carácter profético, e que nos poden axudar a entender, para logo tamén practicar, qué é iso de levar no corazón a paixón por Deus e pola xente, qué é iso de ser profeta. Xoán non é unha cana abaneada polo vento, é dicir, non é alguén superficial, sen criterio, sen fundamento, abaneado polos ventos das comenencias propias, dos falares da xente, levado para aquí e para acolá polo medo, pola aprobación ou non da xente poderosa. Esta maneira de ser de Xoán parécese moito á do mesmo Xesús, segundo o describían nunha ocasión algúns fariseos e partidarios de Herodes: “sabemos que es sincero, que ensinas o verdadeiro camiño de Deus e que non andas con miramentos, porque non te deixas levar polos respectos humanos” (Mt 22,16). Nestes tempos de tanta corrupción non estamos suspirando por termos persoas, dirixente desta calidade ética? As nosas comunidades cristiás son escolas onde se aprende a vivir desta maneira?

Xoán non é tampouco unha persoa vestida con roupas finas, que ande mesturado cos grandes e poderosos. Xoán é austero, non consumista, vive contento co necesario, co pouco. O seu corazón non está posto en ter, en enriquecerse, en figurar; o seu corazón está posto no futuro da comunidade, do pobo; soña con persoas sinxelamente rectas, capaces de construír un pobo feliz, fiel a Deus, cun funcionamento xusto. Xoán ole a ovella (sempre está representado na compaña dun año, en memoria de Xesús), ole a pobo, a xente, ole a humildade. Aprendemos nas nosas comunidades cristiás a ser así?

Xoán é un profeta, máis aínda ca un profeta, porque tivo corpo e alma de profeta e porque tivo a sorte de poderse tratar co mesmo Xesús e descubrir e anunciar a súa fondura, o seu misterio, a súa entrañable dedicación á xente máis débil. Seguro que nalgún recanto do noso ser todos, todas, temos algo de corpo e algo de alma de profetas ou profetisas, aínda que ao mellor o temos tan tapado, que ninguén nolo pode notar. O Advento, tempo de deixarnos entusiasmar por profecías e profetas, tamén é tempo para que saquemos de nós ese profeta ou profetisa que levamos dentro, e sen o cal a nosa comunidade é menos comunidade de Xesús, a nosa sociedade parécese menos á sociedade que Deus quere. En que poderiamos exercer de profetas, como persoas, como comunidade cristiá?

A celebración eucarística de hoxe permítenos comungar con Xoán, con Xesús, e con moita xente, coma por exemplo Nelson Mandela, que exerceron de profeta ou profetisa no seu tempo. Algo diso seguro que se nos pegará. Oxalá!


Preces:

DITOSOS/AS DE NÓS, XESÚS,
SE NON NOS ESCANDALIZAMOS DE TI!

  • Xesús, que, coma Xoán Bautista, saibamos preguntar por ti, buscarte, descubrir a túa paixón por Deus e pola xente humilde sen escandalizarnos. Oremos.
  • Xesús, que, levados/as pola túa man, nos atrevamos a baixar ao mundo da pobreza, da marxinación, para descubrirte, adorarte e escoitarte alí, sen nos escandalizar por ti. Oremos.
  • Xesús, que, guiados/as polo teu Espírito, saibamos facer comunidade cristiá, sen escandalizarnos pola xente máis débil e pecadora que haxa entre nós, sen escandalizarnos nin virnos abaixo polos nosos mesmos pecados e inconsecuencias. Oremos.
  • Xesús, que, amparados/as en ti, nos atrevamos a cuestionar e a deixarnos cuestionar por moitas maneiras de vivir o cristianismo tan cheas de simple aparencia, sen escandalizarnos. Oremos.
  • Xesús, que, iluminados/as por ti, descubramos con gozo as profetisas e profetas relixiosos ou seculares que sen dúbida tamén hai no noso mundo, e as saibamos agradecer e seguir sen escandalizarnos. Oremos.

Pregaria:

Grazas, Deus noso, por Xoán Bautista,
coa súa fe fonda e radical,
coa súa esperanza acendida,
co seu apego firme pola xustiza,
coa súa crítica a cantos usaban o poder
para abusar da xente pobre,
para satisfacer as súas comenencias.

Grazas, Deus noso, por Xoán Bautista,
coa súa vida austera e vigorosa,
co seu distanciamento dos ricos e da riqueza,
coa súa vinculación entrañable coa causa de Deus,
coa causa do Mesías Xesús,
e coa causa do pobo que este viña a defender.

Grazas, Deus noso, por Xoán Bautista,
coa orixinalidade da súa vida e da súa misión,
coa contundencia da súa palabra sen miramentos,
que facía estremecer e recuar os poderosos do pobo,
co atractivo da súa coherencia exquisita,
coa entrega da súa vida,
ata o extremo,
ata o final,
ata a morte,
coma Xesús.

Grazas por todos os profetas e profetisas de onte e de hoxe,
nacidas, nacidos da semente de Xesús
ou de calquera outra semente humanitaria.
Grazas por....
(podemos ir dicindo nomes de homes e mulleres
que diariamente nos van alumando a vida coa sinxeleza ou excelencia das súas vidas)

Grazas por Nelson Mandela,
resistente loitador
contra quen establecía divisións e categorías entre os seres humanos;
encadeado coma Xoán Bautista,
e, coma Xoán Bautista tamén, desde a cadea
profeta da loita e da paz desde a cadea,
profeta do servizo e da honradez,
do encontro, do perdón e da reconciliación.

Grazas por todos os profetas e profetisas
que nos abren os ollos e o corazón,
que fan reverdecer as esperanzas,
que nos permiten crer e amar
coa humilde seguridade
de que nas nosas vidas pode haber festa,
de que o noso mundo pode ser por fin doutra maneira.


Signo:

  • Unha cana abaneada polo vento.
  • Unha persoa(home) vestida con roupas finas.
  • Un rostro de Xoán Bautista.
  • Un rostro de Nelson Mandela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.